x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

14_09

Mais bolboretas


Mais Bolboretas


Si ben é certo que as bolboretas son todas dunha beleza indiscutible, non é menos certo que as de hoxe deberíanse atopar no mais alto do ranking pola espectacularidade e forza de cores que nos prestan pra adornaren éste post.
(click nas imaxes pra ampliar)

PAPILIO MACHAON 
Unha das mais habituais e tamén das mais fermosas e coñecidas. Por certo, teño lido por aí que non se pode atopar nas illas atlánticas (??)
Non sei logo que somos nós. ;-)
A eiruga Macaón tamén é moi vistosa, aliméntase de Zenouras, e ollo que contén un líquido tóxico, aínda que só coma defensa pra evitaren que as devoren as aves.
Bóh, como nós nona temos entre as delicatessen da nosa dieta, pois no problem... ;-)

EUPHIDRIAS AURINIA:  A pesar de habitar nunha ampla zona de Europa e Asia, agás en latitudes mais frías do Norte e as excesivamente cálidas do Sur de Europa, está considerada como unha das especies de bolboretas mais ameazadas, polo que tén a categoría de especie protexida.
Non é éste o caso da Península Ibérica, onde goza de boa saúde, aínda que en zonas de Europa atópase en verdadeiro perigo de extinción. A verdade é que ésta foi a única ocasión na que tuven a oportunidade de retratala, pois, nunca mais voltei a ver unha destas.

INACHIS IO Chamada comúnmente "Pavo Real", supoño que polas evidencias visuais que amosan as imaxes, con éses chamativos "ollos" que lembran ás vistosas plumas desa ave. Na Península habita amplamente sobre todo polo norte.
Porén, na Arousa non me parece que sexa moi frecuente, pois poucas veces voltei a vela, agás éstas dúas ocasións, a primeira, de exposición perfeita, paseando polo Naso, e a da dereita en Carreirón en condicións de luz mais difíciles, aínda que a soa beleza do bicho tapa calquera outra carencia da toma...


COLIAS CROCEUS 
Moi común na península ibérica, está estendida por toda Europa, podéndose atopar dende o nivel do mar ata os 2000m de altitude. Desbotando este ano no que estamos, aínda nunca me cadrara vela pola Arousa.
Colias Croceus
Porén, neste ano bato nela con bastante frecuencia. Tampouco é das que se quedan quietiñas prá foto, ou alomenos a mín non me resultou moi doado facerlla.
Por certo, que no anterior post con bolboretas, opinaba eu que me parecía que aquelas que non despregan as ás debían ser as de tonos mais escuros... ésta non confirma a miña hipótese, pois con esas cores onde predominan os tons claros do amarelo aínda non fun quén de facerlle unha foto pola cara de arriba das ás.

IPHICLIDES PODALIRIUS 
Eu gosto mais chamarlle a Bolboreta Tigre, polo debuxo das ás que acaso recordan o debuxo externo que presenta a pel daquel belo felino asiático.
É unha das mais grandes de Europa, non imaxino cál outra a pode superar en envergadura, mais na Galiza vén sendo algo así coma o Airbus A380 das bolboretas do país. Outra formosura de bicho, o cal nos agasallou cunha nova sesión neste outro post, no que aproveitamos pra falar mais polo miúdo da súa obra e milagres.

Polo momento ímolo deixar eiquí, así que, mentres dixerimos este novo empacho de beleza á espera da seguinte quenda, continuarei na procura de mais lepidópteros coma éstes, que aínda quedan moi ben déles...


LINKS A MAIS BOLBORETAS:

Primeira tirada de bolboretas

Mais bolboretas

Bolboretas (III)

Bolboretiñas do fondo do caixón

Quinta entrega de bolboretas


2 comentarios:

  1. Grazas unha vez máis por esta gustosa sobremesa ateigada de cores impresionantes; todo un pracer visual!

    ResponderEliminar
  2. Encántame bolboretas.

    ResponderEliminar

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️