x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido

Bico de coral: turista á forza






Bico de coral, Pico de coral 
(Estrilda astrild)



Aínda que xa o teño avistado hai alomenos un par de anos polas herbas altas e as xunqueiras de Carreirón, por fín fun quén de facerlle unha sesión a éste fermoso paxariño, aínda que de procedencia exótica, ó mellor xa lle temos que facer un curruchiño entre nós, pois có que vimos éste pasado finde estou certo de que xa se reproducen na nosa Illa.



Trátase de "libertos" das gaiolas das onde moita xente os mantiña como mascotas, e que se están espallando con moita facilidade, a tenor da documentacion que se pode ler pola rede, onde xa están ubicados prácticamente nos catro puntos cardinais da península ibérica, aínda que principalmente en Galicia, Extremadura e Canarias, o que indica que deben ser de doado acomodo unha vez libres.



A pasaporte primordial era da África subsahariana, dende Senegal ata Etiopía, e tamén na península arábiga. Despois foron introducidos en moitas illas do Océano Índico, así como no Brasil e outras rexións Americanas.



Lín por aí que son moi sedentarios e non adoitan facer desprazamentos longos, así que a éstes xa os temos que considerar como da casa, pois polas boas non se van a ir...



Establécense principalmente onde haxa vexetación palustre, como acontece en Carreirón, e a súa alimentación é case exclusivamente granívora, moi raramente consumen insectos.



En canto ás costumes reproductoras, seica poñen varias postas no ano de ata media ducia de oviños. Nesta imaxe eu conto ata once. Como é normal, están considerados como especie invasora, aínda que, alomenos polo momento, non supoñen unha ameaza para ningunha das especies autóctonas. Supoño que será unha cuestión de cantidade.



Os do peteiro negro coma éste darriba son exemplares xuvenís, sendo machos e femias moi semexantes, diferenciándose básicamente nas plumas do peito, onde perden a intensa cor bermella que teñen os primeiros.



Éstes tres denriba son todos machos, có peteiro e o peito encarnado. Non son doados de retratar, porque cando pousan manteñen unha distancia prudencial có observador, procurando ademais que entre os dous se interpoña aínda mais vexetación, daí ésas áreas fortemente desenfocadas que aparecen en tódalas fotos.


En fin, o vindeiro fin de seman tereille que preguntar si xa se empadronaron no concello, que hai que consolidar a poboación, e como novos veciños tamén deberían contribuir, non?


















Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño