x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido

Rescate na carretera



Son os anfibios uns animaliños moi incomprendidos, moitas veces rexeitamos a súa presencia só polo aspecto externo, que en moita xente produce desagrado, ignorando as importantísimas cualidades que todos éles, rás, píntegas, tritóns... teñen prá conservación do ecosistema, principalmente pola súa labor de depredación de insectos nas zonas húmidas que habitan, polo que contribuen a que tamén nós nos beneficiemos desa limpeza da insalubridade que nos agasallan.
Ademais, son uns excelentes bioindicadores da saúde ambiental debido á alta sensibilidade que teñen ós axentes químicos presentes na auga. Onde éles viven, hai salubridade.
Sería moi importante que nos concienciásemos de todo isto e os protexésemos mais, pois o mundo non pode sobreviver só coas especies que a nós nos conveñan, e ademais neste caso, pola conta que nos tén... 



Antevéspera do anunciado plenilunio do luns-14nov, unha noite coa forza da Lúa mais grande dos últimos 50 anos, podíase camiñar sen luz artificial ningunha polos sendeiros escuros sen necesidade de lanternas.



Pero o principal relato de hoxe non vai da afamada Lúa de forza, senon dun día pra un oportuno reconto no que pudemos constatar con ledicia que na Arousa aínda estamos ben abastecidos de Tritóns, principalmente de Pintafontes.



...Aínda que tamén tropezamos cun par de miudiños Limpafontes igoalmente vagando polas calzadas,  coa surpresa de que o da foto de arriba resultou ser un "Limpafontes palmado", como se deduce pola membrana que xungue os dediños das patas traseiras. Todo un descobrimento, pois aínda non tuveramos a sorte de atopar esta variedade, non moi habitual por aquí.



O outro xa estaba un pouco "perxudicado". Chegamos tarde pra él.



O primeiro dos Pintafontes foi o que motivou a "campaña" que inesperadamente encetamos, pois alí ficaba, no medio do asfalto, obrigándonos a parar o automóvil, ante o perigo inminente de esmagalo coas rodas.



Inmediatamente apareceron mais, atascados sen poder vencer as inexpugnavels murallas que supoñen pra éles as aceras, cando non encaixados entre os curruchiños ós pés dos muros das casas, vaia, que á vista da "tortilla" que se podía cociñar con éstes probes incautos decidimos resgatalos dése entorno tan estrano e tan hostil pra éles.



Fomos recollendo os que acadamos, pra deseguido poñelos a salvo liberándoos alí ó lado, no humidal das Brañas da Veiga, de onde probablemente procedían, mais non sen antes deixalos ben avisados de non saíren dalí, baixo pena de sanción por infracción de tráfico, por cruzaren fora dos correspondentes pasos de cebra...

Entusiasmados có fermoso espectáculo que a fortuna nos estaba a ofrecer, continuamos por outras carreteras da Arousa na procura de mais extraviados. Podemos dar fé de catro déles pola rotonda de Carreirón, así como outros tres no cruce que leva á praia de Espiñeiro. A todos axudamos a cruzar adiantándoos na mesma direución que seguían, e reubicándoos a salvo polas beirarúas, pra non quedaren reducidos a someros Entes de "dúas dimensións".



Vaia, unha noite de verdadeira alegría comprobar que no que respeita a éstes anfibios, a nosa Arousa aínda goza dunha saúde aceitabel, pois si somos capaces de acadalos tan doadamente, significa que as colonias aínda deben ser ótimas, alomenos nos lugares onde os vimos. Todos uns superviventes.

Unha noite de fermosas surpresas, unha verdadeira gozada.












2 comentarios:

  1. OS TRITONS SONCHE COMA "O TERMOMETRO" CON QUE PODEMOS MEDIR NOSO COIDADO POR O MEIO AMBENTE...CANDO ERA PEQUENO (ANTES DE IRME PRA A PATAGONIA) NON SOLO HABIA TEITONS...HABIA MEROTES/FREZAS XOTAS POR CALQUERA PANASCO...E AGORA NIN MEROTES NIN TRITONS VENSE..E AINDA ALGUNS QUERENNOS FACER CRER QUE SOMOS MOY ADIANTADOS...SIN TER ACEIRAS OU ARCENS TEMOS PRA ANDAR POR XUNTO AS CARRETERAS A PE... HOME!...COMO VAMOS A VER O QUE A NATUREZA TEN PRA NOS?

    ResponderEliminar
  2. Parece que van buscando a calor do asfalto, ou iso me comentaron, pero, claro, non sé decatan do perigo.

    ResponderEliminar

Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño