x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido

Peixe sen declarar



Disque hai dúas cousas certas na vida: a morte, e a Facenda pública. Pra mín aínda había unha terceira: Que na Lagoa de Carreirón non había peixes.


E digo había, porque ése mito quedou destrozado a pasada seman... SÍ que hai peixes. Alomenos as Anguías das fotos e video que achego neste post.
Encetámolas con grandísima surpresa, durante a obrigada visita á lagoa para comprobarmos como as reservas de auga esmorecen a ollos vista. Case tripamos un defunto exemplar de Anguía tirado no camiño, có pescozo e o tronco tronzados. Nun principio, pensamos que algún pavero dos que adoitan achegarse a facer as súas paveradas pola caseta-miradoiro fora quen a trouxera do mar pra deixala alí como un novo chiste destes tempos modernos. Mais uns metros mais adiante case tripamos outro exemplar, mais pequeno e agora, viva. A pregunta é obrigada: Como chegou alí arriba o peixe, dende o fondo case seco do anel da lagoa, dous metros por baixo do camiño?


Baixeina poñéndoa a salvo (creo) nunha das pequenas pozas que quedan, para continuar o roteiro, o que fixemos proendo nestas dúbidas, polo que decidimos pasar outra vez á volta polo sitio do estrano "afloramento" de anguías pra comprobar si continuaba tan milagreira eclosión. Ó chegar observamos unhas pegadas de ave, que polo seu considerable tamaño intúo dalgunha Garza, das que a cotío se deixan ver por alí. Acaso subira esa Garza as dúas anguías alí e fuxeu sen poder papalas ó chegar xente. Semella verosímil, aínda que excesivamente imaxinativo...


Nesto continuamos ó axexo cunha pouca (ehem, bastante) pacencia ata que mais tarde que cedo, comezan a aparecer novos exemplares. Un... dous... tres... catro, cinco, seis... nese avaro espazo debía haber oito ou dez, o que as converteu nun feliz descobremento, pois tiña por bén seguro que non había ningún peixe na lagoa, após dez anos sen siquera presentir ningún por alí.
Ademais isto axúdame a entender a continua presencia de aves netamente pescadoras por alí, coma os Martiños Picapeixes que xa temos retratado.


Porén, aínda queda unha segunda parte tentando atopar unha explicación de continuidade á presencia deste descoñecido censo de viciños do humidal: O proceso reproductivo déstes bichos é o seguinte: Á volta de varios anos mentres se fan adultas, e cando o seu reloxo biolóxico llo lembra, as Anguías voltan o mar pra emprenderen unha épica singladura de 4000km con destino ó Mar dos Sargazos, no medio do Atlántico, onde se reproducen e morren, sendo despois as anguliñas novas as que emprenden ós poucos días o camiño de volta cara a nós.

Tudo moi ben, mais a miña pregunta é: Por onde saen cara ó mar éstas da lagoa, que semellan bloqueadas no humidal de Carreirón?
A única resposta que se me ocurre é que baixen e remonten polo desaugue que tén o humidal na parte mais ó norte, no esteiro das Aceñas. Creo que non hai outra posibilidade. Ou iso, ou que alguén as leve en baldes para alí... ;-)


Vaia, que éstes animais veñen a enriquecer aínda mais a xa xenerosa presenza de fauna na nosa incrible lagoiña, a cal segue a surprendernos coa sua marabillosa variedade biolóxica.
Temos motivos pra ficar contentos e orgullosos deste paraíso... o Sul do paraíso.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño