x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido
Amosando publicacións coa etiqueta anátidas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta anátidas. Amosar todas as publicacións

A Odisea dos nove patiños


A Odisea
dos nove patiños

A Natureza asómbranos a cotío con caprichosas reviravoltas que semellan inesgotables. Surpresa, beleza, crueldade, colmadas por un epílogo incrible foron algunhas das emocións que nos procurou nunha insólita e épica travesía "de cabotaxe" dunha punta á outra da Península de Carreirón patroneada por unha bravísima mamá Pata e a súa preciosa corda de intrépidos patiños (...e o meritorio esforzo deste retratista e a súa dona, ós que o cruxir dos respectivos xeonllos poñían unha e outra vez sobre aviso de que un xa non está pra heroicidades tripando coma lagartos polos Cóns).
No memorable relato que segue tentarei narrar o millor que poida a angurienta aventura que nos fixeron padecer... e desfrutar.


Enceta a procelosa saga dende a praia de Punta Carreirón, á que se vai achegando unha miudiña sombra aboiando no mar que aínda non desciframos o que é. A ampliación  da oportuna foto de recoñecemento revela unha Pata seguida por un tren de oito patiños en aparente direución Sur cara a... ningures.
-Pero... de onde saíron? nin idea. Os humidais de Carreirón fican moi lonxe, así que é de supor que xa levan toda a mañán navegando.
A consecuente repregunta nace instantánea:
-E a onde carallo pensan que van por aí? Só hai un xeito de averigualo, Seguir á atrevida comitiva pra descubrilo.

Os primeiros metros da nosa persecución revélannos que, aínda que os patiños esvaecense por detrás dos Cóns, fan tal cousa só pra acadar augas mansas mais doadas de marear, mais mantendo teimudos o terco rumbo Sur.

Primeiros cruxidos dos meus sofridos xeonllos nos alegres brincos puenteando os Cóns de Punta Revello.


Axiña chegan os problemas, pois vemos con preocupación que un dos patiños tén dificultades pra seguir ritmo da mareira procesión cós seus irmanciños, quedando por momentos aillado déla, poñéndoo nunha perigosa posición solitaria que o delata, ante a ameaza das Gabotas, que vixían, pero que non se atreven có grupo compacto. Ó virar os Cóns que separan a Praia das Margaritas da praia do Porto das Mulleres prodúcese o primeiro ataque ó fatigado patiño. A colérica resposta da nai-coraxe pón en fuga á carroñeira, como podemos ver no video dembaixo.

Solventado o perigoso suceso, reemprenden a singradura facendo tres escalas técnicas nas seguintes praias, pra relaxar un chisco o desmedido esforzo dos cativiños. Coido que mamá-pata é conscente da dificultade que teñen os seus filliños en seguila por augas tan picadas, sobre todo o pequecho de antes, que semella abafadiño...
Estamos ante unha auténtica Nai-coraxe disposta a todo polos seus cativos, que ten moi claro o que hai que facer en cada caso, parando nas seguintes praias a estira-las patas nuns casos, subindo ós Cóns buscando abrigo e atallando o camiño, pra evitar o perigoso mar de fora que os pode botar contra os Cóns... Sempre atinadas decisións cun certeiro diagnóstico do problema e correspondente e dilixente solución pra cada caso.

Con tan brillante Patrona continúa a penosa travesía, ata que acontece o que con recelo víamos vir.
Ò virar os Cóns da Praia da Lontreira, aconteceu o episodio mais atroz e nefasto do camiño. Remataba eu de grabar unha curta toma após decatarme de que o sufocado patiño semellaba non dar mais de sí, quedando cada vez mais lonxe dos seus irmáns, a pesar de que a nai suspendía continuamente o avance, agardando por él.
De súpeto, unha Gabota que non vín antes apareceu coma aqueles funestos Stukas da guerra, facendo un certeiro picado pra cazar ó descolgado cativiño no único e fatídico intento. Mamá-pata douse conta, pero cando quixo dar volta, xa a Gabota tiña o traballo feito, fuxindo có botín no peteiro cara a un Cón mais quedo onde papalo. Triste final pra un patiño tan valente, xa tan preto da meta, pero como dicíamos arriba, así de azarados son os ciclos da Natureza, e hainos que acatar, deixando seguir o seu inexorable curso.


Daquela xa comezabamos a especular coas intencións da Nai-coraxe.
- Non será que o que quere é chegar ata a Praia da Lameira, a só uns poucos metros da Lagoa de Carreirón, que sería a "Terra Prometida" ?
E se así fose, acaso coñecía éla a ubicación e o mapa do roteiro que debía seguir?
A resposta que nos viña á mente era un indubidable SÍ.
Unha leución que aprendemos deste incrible suceso, foi  a de que éstes intrépidos bichiños dispoñen dun biolóxico GPS no corpo que supera de lonxe ós artificiales que temos os humanos, dos que tanto presumimos, e que tanto nos fan rompe-la cabesa.

Tal como sospeitabamos, a meta fixada era a Praia da Lameira e a Lagoa, mais aínda houbo que sortear outro derradeiro e non menos problemático obstaculo: Os bañistas, e nomeadamente os rapaciños, que forzosamente curiosos, achegábanse en exceso á expedición que xa chegaba a terra, o que provocaba que a Mamá-pata en varios intentos tornase de volta ó mar, onde se sentía mais segura.

Ante a ameaza certa de que a indiscreción intimidante dos rapaces provocase o fracaso do obxectivo final da travesía, excepcionalmente optamos por intervir, tentando convencer ós familiares dos cativos de que os apartasen dos patiños, abrindo un espacio folgado que lle proporcionase seguridade por onde acometeren o desexado asalto á praia.


Afortunadamente a xente comprendeu perfectamente a delicada situación, colaborando con nós na apertura do desexado corredor polo cal descorreu por fín o ansiado desembarco na praia, pra relax da enxebre familia navegante, e subsecuente liberación do estrés que uns e outros levabamos acumulado durante ésta portentosa fazaña da que, sen éles pretendelo, nos fixeron partícipes por mais de tres horas e media de remollado Calvario.

MISION CUMPRIDA !!

...e ata aquí a narración da heroica saga dos nove patiños. Pero como dí o refrán, "vale mais unha imaxe que mil palabras" (e sobretodo si están tan mal xuntadas coma as miñas), así que ó lector que gostase da historia, creo que vai gozar aínda mais recreándose có vídeo seguinte, testemuña do "momentaso" que Carreirón outra vez nos entregou, coma sempre sorpresivamente, e sen pagar entrada nin nada...:




Anima-diños


Anima-diños



Como se fose un pase en Sesión Contínua, nesta entrada imos colgar unha escolla das gravacións logradas nos que sempre son afortunados encontros cós Bichiños de Carreirón, as cales, logo de pasaren o criba das inflexibles críticas das redes sociais, resultaron nominadas pra éste enxebre certame cinematográfico. 

Cértamente estes videos non pasarán ós anais dos documentais pola súa calidade, pois responden a tropezos casuais cunha fauna que sempre me surprende sen tempo de porfía, si ben no meu descargo hei de alegar que sempre procurei respeitar a imaxe mediática dos artistas. Polo tanto creo precisa certa indulxencia no implacable xuizo que dea a reverenciada audiencia deste Blog, que agardo indulte as tremendas carencias das gravacións, que nalgúns casos aquelei botándolle un pouco de humor. Defeitos que, por outra banda, evidencian a improvisación das tomas, transmitindo así o frescor e a emoción do momento

Pois logo, como dicía aquel, imos botar man da "maldita hemeroteca"  pra lle sacar as cores ós atrevidos bichiños que valentemente se chantaron diante do obxectivo deste repunante retratista, agasallándonos con éstas glamurosas intrepretacións:





O descobremento dun niño de Cobra sapeira con catro ou cinco crías que non terían nin dous días de vida. O seguinte finde volvemos por alí e xa medraran o triple, rematando os estudos superiores, e emáncipándose do núcleo familiar, deixando un completo roupeiro cheo de mudas.



É a primeira vez que podo grabar a un Peto verde alimentándose. Aínda que quedei discretamente a bastante distancia, non son parvos, e sí que me veu. Foi moi estrano que non fuxira, seguramente disfrutaba dunha boa comedela de formigas, que é o que xeralmente procuran peteirando nas dunas de Carreirón, onde hai moitos formigueiros. Outro momentazo...



Un admirable momentazo que non desaproveitei, cando ése grupo de Cullereiros, enfaenados e preocupados como estaban en encher o bandullo, concedéronme unha boa aproximación pra facer a toma désta memorable actuación.



Unha selección de boas imaxes de varias Estrozas, unhas raniñas encantadoras e dunha fotoxenia sin par.



Éstas foron as mellores imaxes en movemento acadadas ate o de agora da manda de Arroases que día tras día percorren a nosa Ría. Aínda estou gardando o alento pra non prexudicar as magníficas escenas.



Habilidades marisqueiras dun Mazarico rubio que no curto espacio de minuto e pico foi quén de arrincar da entranas da praia dúas boas miñocas, a última délas dun considerable tamaño, que seguro lle prestaron dabondo no seu valeiro bandullo. Todo o evento foi, como se pode comprobar, vixiado por uha Gabota patiamarela que, coma un Xuiz de silla dun partido de tenis, controlaba arrente dél dende a súa "atalaia" as evolucións do artista desta seman.



Un pavero grupo de Pardaliños que, dun xeito moi simpático andan a peteirar os restos que poden atopar polas gavias das tellas.



Aínda non fún quén de coller a xeito unha imaxe como eu quixera dun Verderol. Porén, aquí plantóuseme diante do coche pra se asear debidamente pola mañán nunha poza no medio e medio do camiño, o que non desaproveitei pra inmortalizar esta cinematográfica escena clásica de ducha.



Os Patos Culleretes son unhas anátidas cun peteiro desproporcionado que locen con orgullo. A mín ése magnífico apéndice lémbrame a Cyrano de Bergerac. Na Arousa só se poden ver na Poza de Espiñeiro, agardemos que por moitos anos, porque a súa presencia mais ben semella intermitente.



Toda a comunidade de Pardaliños do rueiro se citaron nunha poza formada coas que semellan ser xa a finais de Abril, as derradeiras choivas mais ou menos serias do inverno. Así que aínda non sei moi bén si se estaban aseando, ou facendo as beiras "one each other" que por alfo xa chegou a Primavera e haise que poñer á faena...



Aquí pillámoslle o rechouchío a éste macho de Escribenta facendo alarde das súas dotes cantoras en plena época de efervescencia reproductora. Abofé que estaba falador...



Menos mal que pasaba eu pra sacalo dalí, que si non, non sei que sería dél. Díxenlle que tuvera mais coidado, porque correu moito perigo, ó que me respondeu que viña un pouco "colocado" despois dunha noite loca de fiestuqui desfrutando de tanta auga que caeu onte, e como están en época de reproducción, xa se sabe... Son as hormonas, estúpido! :D



Con todos vostedes, o repoludo Lagarto Arnau e a glamurosa Lagartixa de Bocage, acabadiños de aterrar a Carreirón, para a presentación da inminente estrea nas carteleiras do mundo mundial dun novo "remake", de... "Os findes ó Sol"



Un violento suceso aconteceu días atrás a horas intempestivas nun bar da Poza de Espiñeiro na Illa de Arousa: Andaban dous Mergullóns cós ánimos moi alporizados, con moita violencia física e verbal por un perigoso asunto de ciumes. Aquí deixo constancia mediática do incidente, permitíndome a licenza de subtitular a escena pra mellor contextualizala e facilitar a comprensión do espeluznante acontecemento. O suceso foi denunciado ante a autoridá competente polo taberneiro, que tamén estivo a piques de papalas como queda demostrado no vídeo, instruíndo aquéla o correspondente parte de danos, inxurias e ameazas... ;) Son as hormonas, estúpido! :D




Cando a nosa productora "Bichiños Productions Corporation " volva a producir novas pelis con mais "saídas de tono" destas estrelas mediáticas, iremos enchendo este sitio có correspondente material audiovisual, onde os amigos das cousas do retratista de bichos de Carreirón poderán facer os pases que queiran có mesmo abono da entrada inicial.

Eso sí, sen dereito a palomitas.


A Poza de Espiñeiro, tribuna VIP


A Poza de Espiñeiro,
tribuna VIP


Un pouco mais dunha hectárea é a extensión deste pequeno humidal ó Sur da Arousa, un dos poucos que aínda se conservan con relativa boa saúde medioambiental, e todo a pesar de estar a caron dun camiño moi transitado, rendido por muros e cerrados de leiras por case toda a súa contorna. Porén, pra mín semellan mais surrealistas eses postes marcando fronteiras espichados no medio da "bañeira" da auga, que os peculiares "veciños" do lugar usan como pousadoiros.

Galiña de río - Gallineta común - Moorhen
(Gallinula chloropus)

Precisamente o feito de estar mesmo enriba do camiño dalle unhas posibilidades inmellorables a xeito de varanda onde os visitantes poidan desfrutar da súa beleza. Non sei si será boa idea, pero boto en falla algún tipo de valado neses 30 ou 40 metros de linde coa beira do camiño, có que se evitasen as perigosas incursións caninas que, a xeito de comandos de operacións especiais lánzanse á auga con evidente perigo prá fauna silvestre.

Pato cullerete - Cuchara común - Northern shoveler
(Anas clypeata)

Mais cando esa hectárea escasa se enche coas augas do Outono prodúcese tal brote de fauna que parece coma se fixese un cultivo en pequeno da biodiversidade da nosa Illa, pois tanto na Poza de auga doce, como nos esteiros mariños de Espiñeiro están representadas a meirande parte das especies que podemos avistar en Carreirón ou en calquera outra zona insular. E aínda por riba con especies exclusivas, como é o caso dos patos Culleretes, que nunca avistei fóra deste puntiño da nosa xeografía.


O vídeo que subo eiquí evidencia a beleza deste agraciado curruchiño. Un Cullerete "cú pa riba" procura o sustento no piso dembaixo, un macho de Lavanco que aínda hoxe non sei bén o que me preguntou, unhas Gabotas aseándose na auga doce e disimuladamente ficar ó axexo dalgún descoido de mamá-pata pra encher ó bandullo con algún patiño da nova fornada. Tamén hai unha "Lavanca" que chegou de repente cun ovo no peteiro, que alí mesmo papou. Sería algún fillo malogrado cuxas proteínas non se poden estragar, que a vida está moi cara e a familia numerosa xa está a petar á porta. Unha Galiña de río recórdame a un ciclista en pleno "repecho" levando no peteiro algo con que face-lo niño, e un Mergullonciño que botou toda a tarde buceando os fondos acá e acullá, lava enérxicamente o que aferra no peteiro, pra volver a chumpar procurando mais. Haise que poñer forte, que xa chegan os pitiños da nova camada. Éses sí que van ser difíciles de encetar, porque si miúdos son os pais, os fillos non levantan mais que unha noz. E por último as primeiras excursión de patiños guiados pola mamá-pata.


Mergullón pequeno - Zampullín común - Little greve
(Tachybaptus ruficollis)

Todo este desfile é arrodeado por un continuo concerto de chíos e sons de tódolos retratados e mais doutros que de momento deixaremos só de anónimos coristas. Unha música optimizada polo fondo có circo de arbores que conforma unha magnífica caixa de resonancia coa que se "masteriza" unha acústica que nona mellora nin o mais sesudo deseño dun pazo de concertos, saturando aínda de mais beleza as cores e formas deste miudo, mais suntuoso teatro natural. 

Xa había catro anos dende o último debut dunha Galiñola negra, ou  Focha na Lagoa de Carreirón, en data de Abril do 2013. Tódolos anos as botamos de menos, e xa ficabamos afeitos de que non ían voltar, mais para ledicia e surpresa de propios e alleos, no 2017 volven, e desta quenda fixeron mudanza pra viren de veraneo á Poza de  Espiñeiro!
Todo un pracer observar o belo e formoso porte desta ave, a cal tendo en conta ésta estación de subida hormonal, intúo que a parexa non debe andar moi lonxe. Agollá as volvamos a ver, e si pode ser, paseando ós pitiños, que xa non deben tardar. 



Un tesouriño medioambiental que por sorte aínda conservamos na Arousa e que deberíamos axudar a preservar, porque a presión humana na nosa pequena Illa é cada vez mais incompatible con éstes entornos nos que os bichiños cós que compartimos o espacio sen dúbida teñen tanto dereito a vivir coma nós.

...ou mais.


Nómadas do inverno


Nómadas do Inverno

Nesta entrada tentarei facer unha dilixente laboura notarial aproveitando os roteiros que teño a sorte de poder fruir por Carreirón os findes, e facer cronolóxico inventario dalgunhas das aves invernantes da presente tempada entre solsticios, que unhas veces veñen pra residir eiquí nos meses mais duros do ano, e outras só pra facer unha provisional escala collendo folgos de camiño a outros lares mais ou menos lonxanos nos que manteñen un fogar agardando por éles cada ano. Entre éstes efémeros visitadores en roteiro migratorio, demos avistado algunhas especies pouco pródigas pola nosa Illa, que a sorte nos puxo "a tiro" fotográfico, como se deixa acreditado deseguido.


Gabita - Ostrero euroasiático - 
Eurasian oystercatcher 
(Haematopus ostralegus)

Foi unha das primeiras e mais amplas bandadas que fixeron o debut na estrea Outonal do noso escenario insular. De primeiras anduveron ás voltas durante varias semans polo Esteiro de Carreirón, e tamén polo Sur da Ría.
Porén, dende o fin do mes de Novembro xa case non se albiscan pola zona. Só nalgúns cóns de fóra, ó Sur de Carreirón pódense ver algúnhas cuadrillas con frecuencia. Daquela estaríanse a xuntar pra "coordenar axendas" pra aniñar. Hai un par de anos tropezamos con varios poliños que se refuxiaban nos sacos de area da base do parapeto de protección do Dolmen do Areoso, onde criaron, manténdose a nai revoando nerviosa arredor.




Bilurico Bailón - Andarríos chico -Common sandpiper 
(Actitus hypoleucos)

Tamén chamado Bilurico das rochas, eu gosto mais da festiva denominación, que coido define moi bén o comportamento desta miudiña limícola, de discreta figura.
Nada gregarios, case sempre se miran solitarios, todo mais ás veces en parexa, brincando da mallante prós cóns, ou correndo ó longo das ondas así como morren na praia, supoño que porque nese bater deixarán ó descuberto algúns invertebrados das algas dos que se alimentan.
E sempre adornándose cós seus simpáticos "tics" baixando e subindo cabeza e corpo, de cuxo "baile" é de supor que nacerá o expresivo apelido có que foi bautizado. Por certo que se fan moi reos ós meus inocentes achegamentos pra retratalos.



Garza real - Grey heron 
(Ardea cinerea)

Após todo o vran no que só se puderon ver escasos exemplares (acaso xa residentes), coa chegada do outono vanse formando grupos bastante numerosos de entre trinta e cuarenta individuos pescando espallados por todo o Esteiro de Carreirón, que é por onde adoitan xuntarse nesta parte da Ría. Este grupo que retratei eiquí lembroume a distribucion dos xogadores nunha cancha deportiva, ó mellor estaban a xogar un partido de fútbol de máxima rivalidade, e aínda que non vín o balón por ningún lado, non puden resistirme a documentar o evento.


Pildora cincenta - Chorlito gris -
Grey plover 
( Pluvialis squatarola)

Dende finais de novembro é un espectáculo a gran variedade de limícolas a mariscar á seca da praia de Xastelas,  coma nesta imaxe. Ése día en concreto as Píldoras cincentas eran claramente maioría.  E veña daquí pra alá por toda a praia -e mira que é grande- pois a canto te achegas un pouco, dan o salto pró outro lado. Tamén son moi doados de ver no Esteiro de Carreirón, arrente da beira do mar, descansando nos Cóns de fóra, a salvo de malévolas intencións. 


Pilro común - Correlimos común - Dunlín 
(Calidris alpina)

Tiña dúbidas da súa identidade, por seren moi confundibles có P. ferruxento, aínda que éstes últimos son mais difíciles de atopar por aquí. Un déles está marcado cun anel, que nos dá información sobre o bicho como por exemplo que xa se levan 4 anos seguíndoo e anotando "escalas" en Rouxique, na Arnosa, na Fianteira, etc., no Complexo intermareal Umia-Grove.
Moi obrigado ó Grupo de anelamento Anduriña pola información, e pola oportunidade que me dan de axudar ó seguimento destas belezas. Escolleron esa caste de grada que lle brindaba un Cón en Punta Carreirón seguramente pra descansar e tomar unhas birras ollando así tan escalonadiños todos na mesma direución, como se asistisen a un espectáculo, cando o espectáculo eran éles, alomenos sen dúbida pra mín. Reunidos nun compacto acio, en canto a embestida dunha onda os obrigou a brincar no aire, emprenderon novamente o vóo na procura do seu destino cara ó Sur.


Bilurico común - Archibebe común -
Common redshank 
(Tringa totanus)

Teño pra mín que éste ano non foron dos mais puntuais, pois por eiquí comezaron a asomar o peteiro dende os derradeiros días de novembro.
Teñen querencia polo esteiro das Aceñas, onde mariscan a canda os Biluricos claros, e as Garzas reais.
É un bilurico de tamaño medio, pra mín probablemente o mais vistoso déles, có lucido e intenso bermello có que visten o peteiro e as patas. Porén, non son dos que ofrecen mais confianza ás visitas, así que terei que invitar a algúns cafeses pra que me deixen achegar un pouquiño mais.


Falcón peregrino - Peregrine falcon 
(Falco peregrinus)

Un exemplar xuvenil de tan fermosa e espectacular ave rapaz, a cal nunca pensei atopar pola Arousa, pois moi raramente atravesa por eiquí, sempre en paso migratorio. Apareceu no medio dunha espesa néboa, e xa me pareceu raro ése debuxo e cores do peito nada familiares, ó que tampouco axudou o lugar onde ficaba pousado, un Cón á beira da praia da Portiña do revello que ó primeiro levoume a pensar que era algunha gabota, identidade que con grande asombro negou a edición fotográfica. Pouco tempo nos dou o bicho pois botou a voar cando iniciabamos os primeiros pasos da aproximación. A ver si hai mais sorte nos días que queira botar con nós, e nos concede unha entrevista, aínda que sexa curta e sen intérprete.


Bilurico claro - Archibebe claro -Greenshank 
(Tringa nebularia)

Adoito atopalos en faenas mariscadoras a canda ós B. comúns, e igoal que fan éstes, son moi doados de ver pola zona Oeste de Carreirón, e na súa época, tamén pola praia de Espiñeiro.
Eis a boa harmonía que cultivan éstas dúas aves, que velas aí van ó par mentras cachean polas miñocas que van partillar coma bós veciños. Seguramente haberá pra todos porque tampouco os vin rifar nunca cós do Control da peneira pola "tasa" nin polo tamaño das capturas.


Mazarico real - Zarapito real - 
Eurasian Curlew
(Numenius arquata)

Outra especie que, alomenos na Arousa non é moi habitual. Porén, este ano xa os teño avistado dende o mes do Nadal nunha bandada que adoita pousar polo Sur de Carreirón, mais ate este finde non fun quén de reflexar a éstes fuxe-fuxe peteiros corvos no espello da miña cámara.
Son fácilmente confundibles cós Mazaricos chiadores desta entrada anterior, aínda que cando botan a voar son delatados tanto a envergadura como polo longuísimo peteiro característico.
A foto da bandada é pola Punta Xastelas, e a dos dous exemplares foi na Praia dos Petóns, onda Punta Carreirón.


Pato cullerete - Cuchara común -
Northern shoveler
(Anas clipeata)

Habituais no espazo inter mareal Umia - Grove, éste é o primeiro ano que consigo avistar ésta bonita anátida, polo que tentar retratala pra subila aquí non foi mais que outro acto reflexo. 
A localización non foi en Carreirón senon na Poza de Espiñeiro, onde os vexo dende finais de Xaneiro. Con ese asombroso peteiro, no que ten o berce o nome do bicho, ás veces ata me parece un artificial implante coma si lle puxeran unha especie de careta ó animal, aínda que, en calquera caso precisamente polo inusual tamén me parece un fermosísimo complemento á beleza de cores que, como tantos anátidos luce éste patiño.


Mapa dos avistamentos
desta entrada:

         foto aérea de Manuel Beloso