x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido
Amosando publicacións coa etiqueta anfibios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta anfibios. Amosar todas as publicacións

Que veñen as grises...

Que veñen
as grises!




...E volveuno facer.

Carreirón volveunos conmover.
Un fascinante encontro aconteceu cando xa dabamos por rematado outro roteiro de ràcana colleita de bichiños neste anòmalo inverno, agás os paxariños, que  se deixan ver mais doadamente, andando como andan un pouco desconcertados nestas aqueladas datas de efervescencia hormonal. (coma sempre, click en cada foto para ampliar)

Aínda non sei moi ben como pudemos albiscar no chan a rentinha do caminho a ésta Estroza, ou Raniña de Santo Antón, cando xa vinhamos facendo de volta o habitual roteiro do finde. Porque raniñas por alì hainas dabondo, pero... GRIS? 
Pois sí, alí estaba a mirarnos pasar, sempre tan miudiñas e quedas que ata semella que esqueceron respirar.
Alí ficaba, à beira do caminho, inmobil e confiada coma sempre se sinten, amparadas pola camuflaxe da que coido presumen as Estrozas, que non se che moven do sitio ata que xa case as tocas, sabèndose difíciles de descifrar entre a vexetación tanto cando son verdes, coma incluso no caso de hoxe, con esa inusual cor gris, nunca vista antes por aquí en tantos anos que levamos perseguindo bichiños polo Parque Natural.


Eiquì podemos comparar a diferencia
cunha Estroza de cor normal


Esta cromática rareza chámase "Axantismo" e prodúcese por unha mutación xenética recesiva a cal impide a formación dos Xantóforos, que son os causantes das da pigmentaciòn amarela das celulas. Dito pigmento, de xeito combinado xunto ao dos Melanóforos (negro) e Iridóforos (azul) forman a característica cor Verde destes  marabillosos bichiños.
Así que cando fallan os primeiros, as Rás saen de cor grisácea ou azul.
En calquera caso, seica as mutacións que producen raniñas de cor azul son mais habituais que as grises coma a nosa de hoxe, así que o asombro que nos produxo a súa granìtica presenza está plenamente xustificado.

Pero a cousa non queda aquí, non. Após èste màxico encontro, no roteiro do seguinte finde facìase ineludibel ollar para o lugar onde a atoparamos, así que as nosas inquisitorias miradas dirixíanse alí, na procura da nosa decolorida amiguiña, á cal non quixo vir onda nòs outra vez.
Mais cal non sería o noso asombro ao distinguir moi preto dalí outro exemplar, si cabe aínda un pouco mais curioso, pois era unha Estroza de cor "medio-pensionista", con partes verdes e outras que xa tiñan mutado ao gris. Nas dúas fotos que acompañamos a estas liñas coido que se aprecia claramente o que vimos de narrar désta raniña "descafeinada", á cal, logo da pertinente sesión fotográfica deixamos en paz no mesmo sitio entre as herbas.

Vaia, que isto xa parece unha epidemia...






Unha Píntega, primeira ou derradeira?


Unha Píntega!
primeira, ou derradeira?


Éste foi outro finde de fortes sensacións. Despois de anos laiándonos unha e outra vez de non atopar ningunha Píntega que puderamos situar no álbum dos anfibios da Arousa, acabamos resignándonos dando por seguro que xa non figuraban entre os nosos veciños. Mais hoxe, inesperadamente por fín apareceu un exemplar.

Por desgraza xa estaba difunto, pois apareceu esmagado, como por desgraza acontece tantas veces con estes animaliños cando coa súa teimuda lentitude se nos atravesan no camiño. Neste caso, adiviño que pudera ser obra dalgunha bici das que fan os roteiros de Carreirón pois semellaba unha tronzadura non moi ancha, que non concordaba coa dunha pisada.

Pensei que era un suceso inusual, así que demos aviso ós amigos da SGHN do achado, confirmándonos que, efectivamente, os últimos datos de avistamento dos que dispoñen para a Illa de Arousa, corresponden á decada dos 80s, o que o convirte nun feito relevante.

En vindeiras datas poderanse programar algúns rastrexos e muestreos, na procura de outros exemplares, preferiblemente vivos. Tamén consideraron interesante facer algunhas análises xenéticas do bicho, supoño que pra comprobar posibles mutacións, acaso ao viviren aillados doutros conxéneres como no exemplo das Illas Cíes...


Vaia, que acaso en vindeiras datas non moi demoradas poidamos facer outro post no blog coas simpáticas imaxes que nos queiran agasallar éstes anfibios tan fermosos de rechamantes pintas amarelas e olliños saltóns.

Agollá... e si pode ser, que sexan moitos veciños coma éstes...

Azibache da melhor calidade,
do negro máis negro
coroado de pequenos solzinhos...
Así son
as píntegas de Carreirón.
Belidas raparigas
teimosas e tranquilas,
un luxo para a vista.
Así se mostran
as píntegas da Arousa.
Xa ven a primavera
correndo cara nós,
xa ta o tempo sorrindo.
Vou por a pel de inverno
a aquecerso co Sol...

(Moi obrigado a Dores Lobato por ésta maravilla)



A lagoa de Carreirón


A Lagoa de Carreirón


Quenda para o humidal mais grande e mellor conservado da Arousa. Unha lagoa que mellorou considerablemente após a mais recente actuación de hai catro anos, cando a presenza das excavadoras presaxiaba grandes desastres para o fraxilísimo equilibrio dunha zona húmida moi ameazada dende moitas frontes. Unha délas é a xeográfica, cunha intimidante liña de costa que vai subindo imparable debido ó cambio climático e que o podería inundar de auga salgada acaso nalgún forte temporal que rachase a delgada duna que os separa. A outra é a cada ano mais inxente e ameazadora presión humana do Vran, coa conseguinte parte de turismo de cubito e paleta ó cal o último que lle importa é o respeto e sostenibilidade deste tesouro noso.


Unha lagoa que a pesar do estacional e cada vez mais escaso aporte de auga do inverno, que non lle permite rematar o Vran con auga, conserva unha envexable variedade de fauna e flora. Como adoito proclamar, non temos grandes cantidades mais sí un amplo álbume de especies. Neste post so vou incorporar unha pequena representación delas, tentando dar unha imaxe gráfica desa diversidade. Si acaso subirei as mais raras de atopar ou as que a mín me parecen mais vistosas. Todas contribuirán a poñer en valor este espazo tan singular da nosa Illa e da Galiza:




Dos Rascóns dise por aí que é mais doado escoitalos que velos, có cal estou dacordo. Si lle coñeces o chío avísanche da súa presenza dende algún lugar do humidal. Mais outra cousa ben distinta é chegar a ollalos, pois as súas aparicións son moi escollidas, e case sempre buscando a discreción das sombras, o que non che deixa moitas opcións pra chegar a desfrutar da observación con detalle.
Pois ben, si avistar un Rascón adulto é toda unha sorte, xa non digo ver dous, ou coma neste caso, ata tres, aínda que un déles fuxeu do plano no último momento. Seica dixo que tiña que rematar unhas xestións pendentes...
E como récord final, abeirar o insólito é acadar o retrato dun pitiño de Rascón, feito que, dentro dos meus posibles, debo calificar coma unha verdadeira "delicatessen" fotográfica. E con dupla satisfacción, comprobar que os nosos exemplares son residentes que crían á sua descendencia por eiquí, sen necesidade de migraren para tal menester.

RASCÓN MENINO (Dores Lobato)
Fuxín do colo da minha nai
coa ansia leda de ver o mundo...
E a uma foto fun a parar.
Pra uma vez que boto o pé fora
son apanhado por papparaccis
que se camuflan pola lagoa.
Tan elegante, todo de negro,
velaquí tou, apresentadinho,
neste tesouro que é Carreirón.
Tede respeito pola Natura,
fachendeade polo que somos:
afortunados polas misturas.


As Galiñolas negras que veñen pasar o inverno con nós, non che teñen seriedade ningunha ;-) pois aínda que este ano deixouse ver algún exemplar, foron catro tempadas as que pasamos en branco, dándonos pé a temer que xa non ían voltar por eiquí. A pesar das sobrias cores, é fascinante podelas contemplar.


E falando de galiñas, moito mais cromática é a Galiña de auga, na que destaca o seu magnífico peteiro que loce orgullosa, e que, coqueta éla, leva a xogo cunhas non menos repoludas "patorras" das que nesta imaxe só nos deixa adiviñar as suntuosas cores baixo a auga. Por certo, éstas sí que están empadroadas na Arousa, pois teño pra mín que fican e crían por eiquí todo o ano, aínda que nunca me cadrou ningún avistamento dos pitiños.


Un dos sons que é mais doado escoitar na Lagoa, é o escandaloso balbordo dos chíos cós que os Mergullóns pequenos inundan tudo o entorno do humidal, estrépito que liberan ó ar a canda unha boa manchea de hormonas, pois cando mais se esforzan adoita ser nesa época na que andan moi ocupados a facer as beiras con vistas á nova fornada...
Tamén crían aquí, como atestigua éste minúsculo pitiño que, aínda que na foto semella grande, non sei si pasaría dos 5cm. e que por casualidade se me puxo a tiro por primeira e única vez ate o dagora.



Aínda que cada ano se deixa ver, e sobre todo escoitar pola lagoa algún exemplar, bén sexa polo chío ou bén cando o sintes o seu chumpo na auga pra pescar, o Picapeixe é, porén, un dos que mais difícil che poñen o retrato.
Éstas foron as mellores "poses" que nos quixeron conceder, pois case sempre os vexo de costas, o que quere dicir que, coma sempre xa me avistaron éles antes ca mín, e xa fuxen do retratista repunantiño. Resulta moi aquelado que a pesar das súas cores tan rechamantes e vistosas, camúflase perfeitamente entre os xuncos e a herba alta da lagoa...

PAXARO AZUL - GUARDA RIOS
Pasou por onda mín a frecha azul
pescador implacábel
beleza irresistibel
un ser Azul-Arousa na Arousa azul
Olhou pra min inquedo e espectante
"sairei bem no retrato?"
Non pode ser noutrora, é agora!
enleoume nesta prenda, é o meu auto-regalo
Deume o seu mellor ar, o ar azulado.
Chegou có vento de novas mareas, e eu, sen presa,
namoreime na maxia da illa azul,
da beleza deste ser máxico.
(Obrigado, Dores Lobato)


Tamén é doado escoitar polo humidal o seu singular chío, algo así coma "rrrrrrrrrr" ;-) das Avenoiteiras, mais outra cousa bén diferente é atopar unha a plena luz do día e ser quén de te achegar a só un par de metros déla. Eiquí fica a procelosa historia de tan insólito encontro "na terceira fase"...


Éste é un dos mais recentes veciños da lagoa. Os Bicos de coral son unha especie exótica moi ben adaptada eiquí, onde xa forman unha ruidosa colonia. Porén, non están calificados coma "especie invasora", pois non compiten nin desprazan ás especies granívoras autóctonas. Nesta entrada do "bug-blog" locen mais.


O da foto foi o primeiro Esgonzo que avistamos no humidal da lagoa, aínda que xa o temos visto noutros lugares de Carreirón. Avistamentos que son cértamente complicados, apenas intuitivos, pois escúrrense entre a herba mais axiña que o tempo que tén o ollo de reaccionar, que xa é dicir. Ésta imaxe foi do primeiro encontro, que contamos nestra entrada anterior.


A Estroza, ou Raniña de Santo Antón é un dos mais entrañables bichiños que temos a sorte de contemplar na Arousa, e que teñen a súa residencia por todo Carreirón, nomeadamente no humidal da lagoa, onde a pesares de seren unha das especies de anfibios que noutros lugares da Galiza e da península fican moi ameazadas, por aquí aínda non resulta moi complicado atopalas. Agardemos que por moitos anos.




Vaia, que ó día de hoxe a Lagoa de Carreirón goza dunha aceitable saúde, a pesar da continua sementeira de residuos que con orixe en cada asentamento humán arredor de toda a Ría, aterran por cada currucho do parque guiadas por según qué azarosos ventos e correntes, e sobre todo a pesar da inxente presión humán que durante o estío teñen que soportar os bichiños, que precisan do espacio todo o ano. Eu coma éles non gosto déses danos colaterais que nos deixan os "continentais", aínda que supoño que xa estou afeito.

Afeito, mais vixiante...




Anima-diños


Anima-diños



Como se fose un pase en Sesión Contínua, nesta entrada imos colgar unha escolla das gravacións logradas nos que sempre son afortunados encontros cós Bichiños de Carreirón, as cales, logo de pasaren o criba das inflexibles críticas das redes sociais, resultaron nominadas pra éste enxebre certame cinematográfico. 

Cértamente estes videos non pasarán ós anais dos documentais pola súa calidade, pois responden a tropezos casuais cunha fauna que sempre me surprende sen tempo de porfía, si ben no meu descargo hei de alegar que sempre procurei respeitar a imaxe mediática dos artistas. Polo tanto creo precisa certa indulxencia no implacable xuizo que dea a reverenciada audiencia deste Blog, que agardo indulte as tremendas carencias das gravacións, que nalgúns casos aquelei botándolle un pouco de humor. Defeitos que, por outra banda, evidencian a improvisación das tomas, transmitindo así o frescor e a emoción do momento

Pois logo, como dicía aquel, imos botar man da "maldita hemeroteca"  pra lle sacar as cores ós atrevidos bichiños que valentemente se chantaron diante do obxectivo deste repunante retratista, agasallándonos con éstas glamurosas intrepretacións:





O descobremento dun niño de Cobra sapeira con catro ou cinco crías que non terían nin dous días de vida. O seguinte finde volvemos por alí e xa medraran o triple, rematando os estudos superiores, e emáncipándose do núcleo familiar, deixando un completo roupeiro cheo de mudas.



É a primeira vez que podo grabar a un Peto verde alimentándose. Aínda que quedei discretamente a bastante distancia, non son parvos, e sí que me veu. Foi moi estrano que non fuxira, seguramente disfrutaba dunha boa comedela de formigas, que é o que xeralmente procuran peteirando nas dunas de Carreirón, onde hai moitos formigueiros. Outro momentazo...



Un admirable momentazo que non desaproveitei, cando ése grupo de Cullereiros, enfaenados e preocupados como estaban en encher o bandullo, concedéronme unha boa aproximación pra facer a toma désta memorable actuación.



Unha selección de boas imaxes de varias Estrozas, unhas raniñas encantadoras e dunha fotoxenia sin par.



Éstas foron as mellores imaxes en movemento acadadas ate o de agora da manda de Arroases que día tras día percorren a nosa Ría. Aínda estou gardando o alento pra non prexudicar as magníficas escenas.



Habilidades marisqueiras dun Mazarico rubio que no curto espacio de minuto e pico foi quén de arrincar da entranas da praia dúas boas miñocas, a última délas dun considerable tamaño, que seguro lle prestaron dabondo no seu valeiro bandullo. Todo o evento foi, como se pode comprobar, vixiado por uha Gabota patiamarela que, coma un Xuiz de silla dun partido de tenis, controlaba arrente dél dende a súa "atalaia" as evolucións do artista desta seman.



Un pavero grupo de Pardaliños que, dun xeito moi simpático andan a peteirar os restos que poden atopar polas gavias das tellas.



Aínda non fún quén de coller a xeito unha imaxe como eu quixera dun Verderol. Porén, aquí plantóuseme diante do coche pra se asear debidamente pola mañán nunha poza no medio e medio do camiño, o que non desaproveitei pra inmortalizar esta cinematográfica escena clásica de ducha.



Os Patos Culleretes son unhas anátidas cun peteiro desproporcionado que locen con orgullo. A mín ése magnífico apéndice lémbrame a Cyrano de Bergerac. Na Arousa só se poden ver na Poza de Espiñeiro, agardemos que por moitos anos, porque a súa presencia mais ben semella intermitente.



Toda a comunidade de Pardaliños do rueiro se citaron nunha poza formada coas que semellan ser xa a finais de Abril, as derradeiras choivas mais ou menos serias do inverno. Así que aínda non sei moi bén si se estaban aseando, ou facendo as beiras "one each other" que por alfo xa chegou a Primavera e haise que poñer á faena...



Aquí pillámoslle o rechouchío a éste macho de Escribenta facendo alarde das súas dotes cantoras en plena época de efervescencia reproductora. Abofé que estaba falador...



Menos mal que pasaba eu pra sacalo dalí, que si non, non sei que sería dél. Díxenlle que tuvera mais coidado, porque correu moito perigo, ó que me respondeu que viña un pouco "colocado" despois dunha noite loca de fiestuqui desfrutando de tanta auga que caeu onte, e como están en época de reproducción, xa se sabe... Son as hormonas, estúpido! :D



Con todos vostedes, o repoludo Lagarto Arnau e a glamurosa Lagartixa de Bocage, acabadiños de aterrar a Carreirón, para a presentación da inminente estrea nas carteleiras do mundo mundial dun novo "remake", de... "Os findes ó Sol"



Un violento suceso aconteceu días atrás a horas intempestivas nun bar da Poza de Espiñeiro na Illa de Arousa: Andaban dous Mergullóns cós ánimos moi alporizados, con moita violencia física e verbal por un perigoso asunto de ciumes. Aquí deixo constancia mediática do incidente, permitíndome a licenza de subtitular a escena pra mellor contextualizala e facilitar a comprensión do espeluznante acontecemento. O suceso foi denunciado ante a autoridá competente polo taberneiro, que tamén estivo a piques de papalas como queda demostrado no vídeo, instruíndo aquéla o correspondente parte de danos, inxurias e ameazas... ;) Son as hormonas, estúpido! :D




Cando a nosa productora "Bichiños Productions Corporation " volva a producir novas pelis con mais "saídas de tono" destas estrelas mediáticas, iremos enchendo este sitio có correspondente material audiovisual, onde os amigos das cousas do retratista de bichos de Carreirón poderán facer os pases que queiran có mesmo abono da entrada inicial.

Eso sí, sen dereito a palomitas.


Rescate na carretera


Rescate na carretera

Son os anfibios uns animaliños moi incomprendidos, moitas veces rexeitamos a súa presencia só polo aspecto externo, que en moita xente produce desagrado, ignorando as importantísimas cualidades que todos éles, rás, píntegas, tritóns... teñen prá conservación do ecosistema, principalmente pola súa labor de depredación de insectos nas zonas húmidas que habitan, polo que contribuen a que tamén nós nos beneficiemos desa limpeza da insalubridade que nos agasallan.
Ademais, son uns excelentes bioindicadores da saúde ambiental debido á alta sensibilidade que teñen ós axentes químicos presentes na auga. Onde éles viven, hai salubridade.
Sería moi importante que nos concienciásemos de todo isto e os protexésemos mais, pois o mundo non pode sobreviver só coas especies que a nós nos conveñan, e ademais neste caso, pola conta que nos tén...



Antevéspera do anunciado plenilunio do luns-14nov, unha noite coa forza da Lúa mais grande dos últimos 50 anos, podíase camiñar sen luz artificial ningunha polos sendeiros escuros sen necesidade de lanternas.

Pero o principal relato de hoxe non vai da afamada Lúa de forza, senon dun día pra un oportuno reconto no que pudemos constatar con ledicia que na Arousa aínda estamos ben abastecidos de Tritóns, principalmente de Pintafontes.

Aínda que tamén tropezamos cun par de miudiños Limpafontes igoalmente vagando polas calzadas,  coa surpresa de que o da foto de arriba resultou ser un "Limpafontes palmado, como se deduce pola membrana que xungue os dediños das patas traseiras.

Todo un descobrimento, pois aínda non tuveramos a sorte de atopar esta variedade, non moi habitual por aquí. O outro xa estaba un pouco "perxudicado". Chegamos tarde pra él.


O primeiro dos Pintafontes foi o que motivou a "campaña" que inesperadamente encetamos, pois alí ficaba, no medio do asfalto, obrigándonos a parar o automóvil, ante o perigo inminente de esmagalo coas rodas.

Inmediatamente apareceron mais, atascados sen poder vencer as inexpugnavels murallas que supoñen pra éles as aceras, cando non encaixados entre os curruchiños ós pés dos muros das casas, vaia, que á vista da "tortilla" que se podía cociñar con éstes probes incautos decidimos resgatalos dése entorno tan estrano e tan hostil pra éles.
Fomos recollendo os que acadamos, pra deseguido poñelos a salvo liberándoos alí ó lado, no humidal das Brañas da Veiga, de onde probablemente procedían, mais non sen antes deixalos ben avisados de non saíren dalí, baixo pena de sanción por infracción de tráfico, por cruzaren fora dos correspondentes pasos de cebra...

Entusiasmados có fermoso espectáculo que a fortuna nos estaba a ofrecer, continuamos por outras carreteras da Arousa na procura de mais extraviados. Podemos dar fé de catro déles pola rotonda de Carreirón, así como outros tres no cruce que leva á praia de Espiñeiro. A todos axudamos a cruzar adiantándoos na mesma direución que seguían, e reubicándoos a salvo polas beirarúas, pra non quedaren reducidos a someros Entes de "dúas dimensións".

Vaia, unha noite de verdadeira alegría comprobar que no que respeita a éstes anfibios, a nosa Arousa aínda goza dunha saúde aceitabel, pois si somos capaces de acadalos tan doadamente, significa que as colonias aínda deben ser ótimas, alomenos nos lugares onde os vimos. Todos uns superviventes.

Unha noite de fermosas surpresas, unha verdadeira gozada.

Dúas que me saíron rana


Dúas que me saíron rana


Al cabo de los años he observado que la belleza, como la felicidad, es frecuente. No pasa un día en que no estemos, un instante, en el paraíso.
Jorge Luis Borges (1899-1986) Escritor argentino.


Este ano encetamos a tempada de Rás con moi bós agoiros. Resulta doado dabondo atopalas a pouco que te esforces na procura, saltándoche ás veces diante dos pés igoal que os arroases fuxen da proa do barco, e provocándoche desequilibrios que che levan a facer inverosímiles piruetas pra non esmagar a estes feiticeiros bichiños.

Por Carreirón pòdese atopar, que eu sepa, alomenos as dúas especies que subimos nesta entrada: A Estroza ou Raniña de San Antón (Hyla arborea) e a Rá das veigas (Discoglosus galganoi).
Aquí temos á primeira dende a súa discreta posición pescudando o nível de hostilidade do inimigo:
- "Sen novidade no frente, agás o repunantiño retratista de sempre..."
Nos derradeiros anos resultaba sinxelo atopar ás encantadoras verdiñas, nomeadamente na veciñanza da Lagoa de Carreirón.

Porén, o ano pasado foi un caso, pois só puden retratar a unha cría aínda miudiña en todo o ano. Coido que debe ter bastante que ver no asunto unha Garza cincenta que estranamente non se moveu dalí en todo o vran, agás ó chegar alguén.
Daquela era cando armaba un gran balbordo brotando do fondo da seca poza onde as cazaba, e roñando de reollo contra o inoportuno axexador.
O bó que teñen as Estrozas é que as probiñas, confiadas no seu mimetismo, alí se che quedan inmóviles na pónla, polo que, si tés a sorte ou a boa vista de "desincrustar" a figura dalgunha do medio da confusión que lle proporciona o escollido entorno no que descansa, xa podes ir arranxando o equipo pra unha completa e vistosa sesión fotográfica.



A proba disto é o curto pero encantador vídeo roubado a ésta linda raniña que por dúas veces nos agardou no mesmo sitio, así que xa nona imos atormentar mais.
Estresadiña quedou có monstro do trípode acosándoa arredor...

Bastante mais grandes eran dous exemplares da Rá das veigas, que apareceron brincando tentando afastársenos das nosas pisadas, mais as fotos non foron por isto mais doadas que coas verdiñas.
A pesar do seu tamaño móvense moi lixeeiras, cunha axilidade proverbial pra se "peneirar" no medio das herbas e cañotos secos. Si aínda por riba se che mete nunha poza coma nesta imaxe, atopala xa é só cuestión de sorte.
Esa escapista habilidade, unida ós debuxos e cores do uniforme de combate que leva, ofuscan a un coma un trilero engana a atención do xogador mais espabilado. Cando por fin saeu das "profundidades" acuáticas, só me concedeu uns segundos prá miña laboura depredadora.
Á vista está que souben aproveitalos.


Eso foi a finais de febreiro. A finais de Abril atopeime có resultado doutro tipo de mergullos no que andaban moi ocupadas. Había moitos exemplares arredor dunha poza, todos eles xa formados, aínda que dun tamaño mínimo, 7-8mm. Unha délas ata se permiteu a licenza de gabear a ésta flor, un lugar moito mais suxerente onde facer un retrato para subir o seu perfil do facebook, según me dixo. A formiga dixo que é Notaria de profesión, e achegouse ó evento pra dar fé da medición...


Vaia, que nesta "liga" que está a empezar xa melloramos en 5-1 ós resultados do pasado, así que arelamos as fermosas sesións fotográficas coas que estamos certos que nos van agasallar, e cun pouco de sorte ó mellor entramos con algunha délas na "Champions league" da fotografía.

Quén sabe, con éstas artistas tan profesionais éche ben posible...


Uns tritóns moi urbanos


Uns tritóns moi urbanos

Conta unha lenda da mitoloxía Grega que o Deus Tritón, fillo dos deuses Poseidón e Anfítrite, foi desterrado vítima dunha conxura a un reino nas profundidades dos ríos e das lagoas, onde Úrsula converteuno nun pequeno dragón verde-grisáceo de cuxa face penduraban dous longos bigodes.


Galego: Pintafontes verde, Píntiga verde, Píntiga de auga.
Castelán: Tritón jaspeado
Científico: Triturus marmoratus
Esperanza de vida, 10 anos
Pode chegar ate os 15cm. aínda que é moi raro.


Como resulta que na Arousa non temos ríos, os descendentes dese "temible" dragón mitolóxico podémolos atopar nos escasos humedais que aínda nos quedan sen secar, sexa dun xeito ou doutro, pero sempre coa "inocente" man humana de fondo.
En calquera caso, para mín onde mais doados son de atopar últimamente é no medio e medio da carretera ou si acaso polas aceras, pois hai algúns que van mais avanzados en educación vial.
Tal foi o caso dos dous que subo hoxe aquí, ós que tuven a sorte (ou tuvérona eles?) de atopalos enriba de cadansúa veirarúa, cando o Pintafontes verde camiñaba en direución a un bar, seguramente a tomar algunha copa, e o Limpafontes parecía face-la espera na parada do bus, inmóvil coma unha estatua e mirando o reló impaciente.



Galego: Limpafontes común, Sabanduxa, Gardafontes
Castelán: Lagartija de agua
Científico: Triturus boscai
Esperanza de vida, entre 10 e 15 anos
Non hiberna, é nocturno.
Como moito pode acadar unha lonxitude de uns 10cm.


A pregunta de antes é cértamente atinada, pois contra éstes dous que puden recoller vivos pra deseguido liberalos a poucos metros dalí, pero alomenos en lugares mais rústicos onde non estivesen tan expostos, pois xa perdín a conta dos que puden descifrar por esmagadiños, moitas veces irrecoñecibles, seguramente vítimas do fero caucho das rodas, ou do non menos depredador sapato dalgún veciño que, comprensiblemente debeuse sentir ameazado por semexante alimaña acuática.

Sexa como for, nada que ver cós rebaños de Pintafontes verdes que, cando eu era un rapaz me vía obrigado a sortear pra nonos tripar indo prá escola, sobre todo polo tempo do Outono.
Lembro perfeitamente o chan estercado déles, algúns vivos e moitos mais esmagados, eu diría que centos déles, no que daquela era un camiño, que hoxe é a carretera asfaltada que discurre a carón do Grupo escolar ata o Cabodeiro. Penso que debían proceder do humidal que había por detrás do Colexio, que daquela aínda nono desecara a presión urbanística.
Sei que pola Arousa temos outra especie que é o Limpafontes palmeado, que é unha variante do común que subo aquí, do cal se diferencia por ter as dúas patas traseiras cós pés palmeados, e lóxicamente os dediños xunguidos.

Agollá poida subilo axiña a éste modesto lugar de esposición, que confiemos non se nos convirta nun museo de "fotografía fósil" de especies insulares extintas...

Uns bichiños fermosos cando non espectaculares, tan simpáticos como inofensivos, e tan torpóns en terra que así lles vai cando se atravesan no noso camiño. Agardo que dende hoxe os queiramos un pouquiño mais e saibamos apreciar a súa beleza, pra que os queiramos protexer un pouquiño mais, que boa falta lle fai, alomenos ós que temos por veciños na nosa Illa, que non teñen pra onde escapar...