x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido
Amosando publicacións coa etiqueta aves da lagoa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta aves da lagoa. Amosar todas as publicacións

A lagoa de Carreirón


A Lagoa de Carreirón


Quenda para o humidal mais grande e mellor conservado da Arousa. Unha lagoa que mellorou considerablemente após a mais recente actuación de hai catro anos, cando a presenza das excavadoras presaxiaba grandes desastres para o fraxilísimo equilibrio dunha zona húmida moi ameazada dende moitas frontes. Unha délas é a xeográfica, cunha intimidante liña de costa que vai subindo imparable debido ó cambio climático e que o podería inundar de auga salgada acaso nalgún forte temporal que rachase a delgada duna que os separa. A outra é a cada ano mais inxente e ameazadora presión humana do Vran, coa conseguinte parte de turismo de cubito e paleta ó cal o último que lle importa é o respeto e sostenibilidade deste tesouro noso.


Unha lagoa que a pesar do estacional e cada vez mais escaso aporte de auga do inverno, que non lle permite rematar o Vran con auga, conserva unha envexable variedade de fauna e flora. Como adoito proclamar, non temos grandes cantidades mais sí un amplo álbume de especies. Neste post so vou incorporar unha pequena representación delas, tentando dar unha imaxe gráfica desa diversidade. Si acaso subirei as mais raras de atopar ou as que a mín me parecen mais vistosas. Todas contribuirán a poñer en valor este espazo tan singular da nosa Illa e da Galiza:




Dos Rascóns dise por aí que é mais doado escoitalos que velos, có cal estou dacordo. Si lle coñeces o chío avísanche da súa presenza dende algún lugar do humidal. Mais outra cousa ben distinta é chegar a ollalos, pois as súas aparicións son moi escollidas, e case sempre buscando a discreción das sombras, o que non che deixa moitas opcións pra chegar a desfrutar da observación con detalle.
Pois ben, si avistar un Rascón adulto é toda unha sorte, xa non digo ver dous, ou coma neste caso, ata tres, aínda que un déles fuxeu do plano no último momento. Seica dixo que tiña que rematar unhas xestións pendentes...
E como récord final, abeirar o insólito é acadar o retrato dun pitiño de Rascón, feito que, dentro dos meus posibles, debo calificar coma unha verdadeira "delicatessen" fotográfica. E con dupla satisfacción, comprobar que os nosos exemplares son residentes que crían á sua descendencia por eiquí, sen necesidade de migraren para tal menester.

RASCÓN MENINO (Dores Lobato)
Fuxín do colo da minha nai
coa ansia leda de ver o mundo...
E a uma foto fun a parar.
Pra uma vez que boto o pé fora
son apanhado por papparaccis
que se camuflan pola lagoa.
Tan elegante, todo de negro,
velaquí tou, apresentadinho,
neste tesouro que é Carreirón.
Tede respeito pola Natura,
fachendeade polo que somos:
afortunados polas misturas.


As Galiñolas negras que veñen pasar o inverno con nós, non che teñen seriedade ningunha ;-) pois aínda que este ano deixouse ver algún exemplar, foron catro tempadas as que pasamos en branco, dándonos pé a temer que xa non ían voltar por eiquí. A pesar das sobrias cores, é fascinante podelas contemplar.


E falando de galiñas, moito mais cromática é a Galiña de auga, na que destaca o seu magnífico peteiro que loce orgullosa, e que, coqueta éla, leva a xogo cunhas non menos repoludas "patorras" das que nesta imaxe só nos deixa adiviñar as suntuosas cores baixo a auga. Por certo, éstas sí que están empadroadas na Arousa, pois teño pra mín que fican e crían por eiquí todo o ano, aínda que nunca me cadrou ningún avistamento dos pitiños.


Un dos sons que é mais doado escoitar na Lagoa, é o escandaloso balbordo dos chíos cós que os Mergullóns pequenos inundan tudo o entorno do humidal, estrépito que liberan ó ar a canda unha boa manchea de hormonas, pois cando mais se esforzan adoita ser nesa época na que andan moi ocupados a facer as beiras con vistas á nova fornada...
Tamén crían aquí, como atestigua éste minúsculo pitiño que, aínda que na foto semella grande, non sei si pasaría dos 5cm. e que por casualidade se me puxo a tiro por primeira e única vez ate o dagora.



Aínda que cada ano se deixa ver, e sobre todo escoitar pola lagoa algún exemplar, bén sexa polo chío ou bén cando o sintes o seu chumpo na auga pra pescar, o Picapeixe é, porén, un dos que mais difícil che poñen o retrato.
Éstas foron as mellores "poses" que nos quixeron conceder, pois case sempre os vexo de costas, o que quere dicir que, coma sempre xa me avistaron éles antes ca mín, e xa fuxen do retratista repunantiño. Resulta moi aquelado que a pesar das súas cores tan rechamantes e vistosas, camúflase perfeitamente entre os xuncos e a herba alta da lagoa...

PAXARO AZUL - GUARDA RIOS
Pasou por onda mín a frecha azul
pescador implacábel
beleza irresistibel
un ser Azul-Arousa na Arousa azul
Olhou pra min inquedo e espectante
"sairei bem no retrato?"
Non pode ser noutrora, é agora!
enleoume nesta prenda, é o meu auto-regalo
Deume o seu mellor ar, o ar azulado.
Chegou có vento de novas mareas, e eu, sen presa,
namoreime na maxia da illa azul,
da beleza deste ser máxico.
(Obrigado, Dores Lobato)


Tamén é doado escoitar polo humidal o seu singular chío, algo así coma "rrrrrrrrrr" ;-) das Avenoiteiras, mais outra cousa bén diferente é atopar unha a plena luz do día e ser quén de te achegar a só un par de metros déla. Eiquí fica a procelosa historia de tan insólito encontro "na terceira fase"...


Éste é un dos mais recentes veciños da lagoa. Os Bicos de coral son unha especie exótica moi ben adaptada eiquí, onde xa forman unha ruidosa colonia. Porén, non están calificados coma "especie invasora", pois non compiten nin desprazan ás especies granívoras autóctonas. Nesta entrada do "bug-blog" locen mais.


O da foto foi o primeiro Esgonzo que avistamos no humidal da lagoa, aínda que xa o temos visto noutros lugares de Carreirón. Avistamentos que son cértamente complicados, apenas intuitivos, pois escúrrense entre a herba mais axiña que o tempo que tén o ollo de reaccionar, que xa é dicir. Ésta imaxe foi do primeiro encontro, que contamos nestra entrada anterior.


A Estroza, ou Raniña de Santo Antón é un dos mais entrañables bichiños que temos a sorte de contemplar na Arousa, e que teñen a súa residencia por todo Carreirón, nomeadamente no humidal da lagoa, onde a pesares de seren unha das especies de anfibios que noutros lugares da Galiza e da península fican moi ameazadas, por aquí aínda non resulta moi complicado atopalas. Agardemos que por moitos anos.




Vaia, que ó día de hoxe a Lagoa de Carreirón goza dunha aceitable saúde, a pesar da continua sementeira de residuos que con orixe en cada asentamento humán arredor de toda a Ría, aterran por cada currucho do parque guiadas por según qué azarosos ventos e correntes, e sobre todo a pesar da inxente presión humán que durante o estío teñen que soportar os bichiños, que precisan do espacio todo o ano. Eu coma éles non gosto déses danos colaterais que nos deixan os "continentais", aínda que supoño que xa estou afeito.

Afeito, mais vixiante...




A Odisea dos nove patiños


A Odisea
dos nove patiños

A Natureza asómbranos a cotío con caprichosas reviravoltas que semellan inesgotables. Surpresa, beleza, crueldade, colmadas por un epílogo incrible foron algunhas das emocións que nos procurou nunha insólita e épica travesía "de cabotaxe" dunha punta á outra da Península de Carreirón patroneada por unha bravísima mamá Pata e a súa preciosa corda de intrépidos patiños (...e o meritorio esforzo deste retratista e a súa dona, ós que o cruxir dos respectivos xeonllos poñían unha e outra vez sobre aviso de que un xa non está pra heroicidades tripando coma lagartos polos Cóns).
No memorable relato que segue tentarei narrar o millor que poida a angurienta aventura que nos fixeron padecer... e desfrutar.


Enceta a procelosa saga dende a praia de Punta Carreirón, á que se vai achegando unha miudiña sombra aboiando no mar que aínda non desciframos o que é. A ampliación  da oportuna foto de recoñecemento revela unha Pata seguida por un tren de oito patiños en aparente direución Sur cara a... ningures.
-Pero... de onde saíron? nin idea. Os humidais de Carreirón fican moi lonxe, así que é de supor que xa levan toda a mañán navegando.
A consecuente repregunta nace instantánea:
-E a onde carallo pensan que van por aí? Só hai un xeito de averigualo, Seguir á atrevida comitiva pra descubrilo.

Os primeiros metros da nosa persecución revélannos que, aínda que os patiños esvaecense por detrás dos Cóns, fan tal cousa só pra acadar augas mansas mais doadas de marear, mais mantendo teimudos o terco rumbo Sur.

Primeiros cruxidos dos meus sofridos xeonllos nos alegres brincos puenteando os Cóns de Punta Revello.


Axiña chegan os problemas, pois vemos con preocupación que un dos patiños tén dificultades pra seguir ritmo da mareira procesión cós seus irmanciños, quedando por momentos aillado déla, poñéndoo nunha perigosa posición solitaria que o delata, ante a ameaza das Gabotas, que vixían, pero que non se atreven có grupo compacto. Ó virar os Cóns que separan a Praia das Margaritas da praia do Porto das Mulleres prodúcese o primeiro ataque ó fatigado patiño. A colérica resposta da nai-coraxe pón en fuga á carroñeira, como podemos ver no video dembaixo.

Solventado o perigoso suceso, reemprenden a singradura facendo tres escalas técnicas nas seguintes praias, pra relaxar un chisco o desmedido esforzo dos cativiños. Coido que mamá-pata é conscente da dificultade que teñen os seus filliños en seguila por augas tan picadas, sobre todo o pequecho de antes, que semella abafadiño...
Estamos ante unha auténtica Nai-coraxe disposta a todo polos seus cativos, que ten moi claro o que hai que facer en cada caso, parando nas seguintes praias a estira-las patas nuns casos, subindo ós Cóns buscando abrigo e atallando o camiño, pra evitar o perigoso mar de fora que os pode botar contra os Cóns... Sempre atinadas decisións cun certeiro diagnóstico do problema e correspondente e dilixente solución pra cada caso.

Con tan brillante Patrona continúa a penosa travesía, ata que acontece o que con recelo víamos vir.
Ò virar os Cóns da Praia da Lontreira, aconteceu o episodio mais atroz e nefasto do camiño. Remataba eu de grabar unha curta toma após decatarme de que o sufocado patiño semellaba non dar mais de sí, quedando cada vez mais lonxe dos seus irmáns, a pesar de que a nai suspendía continuamente o avance, agardando por él.
De súpeto, unha Gabota que non vín antes apareceu coma aqueles funestos Stukas da guerra, facendo un certeiro picado pra cazar ó descolgado cativiño no único e fatídico intento. Mamá-pata douse conta, pero cando quixo dar volta, xa a Gabota tiña o traballo feito, fuxindo có botín no peteiro cara a un Cón mais quedo onde papalo. Triste final pra un patiño tan valente, xa tan preto da meta, pero como dicíamos arriba, así de azarados son os ciclos da Natureza, e hainos que acatar, deixando seguir o seu inexorable curso.


Daquela xa comezabamos a especular coas intencións da Nai-coraxe.
- Non será que o que quere é chegar ata a Praia da Lameira, a só uns poucos metros da Lagoa de Carreirón, que sería a "Terra Prometida" ?
E se así fose, acaso coñecía éla a ubicación e o mapa do roteiro que debía seguir?
A resposta que nos viña á mente era un indubidable SÍ.
Unha leución que aprendemos deste incrible suceso, foi  a de que éstes intrépidos bichiños dispoñen dun biolóxico GPS no corpo que supera de lonxe ós artificiales que temos os humanos, dos que tanto presumimos, e que tanto nos fan rompe-la cabesa.

Tal como sospeitabamos, a meta fixada era a Praia da Lameira e a Lagoa, mais aínda houbo que sortear outro derradeiro e non menos problemático obstaculo: Os bañistas, e nomeadamente os rapaciños, que forzosamente curiosos, achegábanse en exceso á expedición que xa chegaba a terra, o que provocaba que a Mamá-pata en varios intentos tornase de volta ó mar, onde se sentía mais segura.

Ante a ameaza certa de que a indiscreción intimidante dos rapaces provocase o fracaso do obxectivo final da travesía, excepcionalmente optamos por intervir, tentando convencer ós familiares dos cativos de que os apartasen dos patiños, abrindo un espacio folgado que lle proporcionase seguridade por onde acometeren o desexado asalto á praia.


Afortunadamente a xente comprendeu perfectamente a delicada situación, colaborando con nós na apertura do desexado corredor polo cal descorreu por fín o ansiado desembarco na praia, pra relax da enxebre familia navegante, e subsecuente liberación do estrés que uns e outros levabamos acumulado durante ésta portentosa fazaña da que, sen éles pretendelo, nos fixeron partícipes por mais de tres horas e media de remollado Calvario.

MISION CUMPRIDA !!

...e ata aquí a narración da heroica saga dos nove patiños. Pero como dí o refrán, "vale mais unha imaxe que mil palabras" (e sobretodo si están tan mal xuntadas coma as miñas), así que ó lector que gostase da historia, creo que vai gozar aínda mais recreándose có vídeo seguinte, testemuña do "momentaso" que Carreirón outra vez nos entregou, coma sempre sorpresivamente, e sen pagar entrada nin nada...:




Anima-diños


Anima-diños



Como se fose un pase en Sesión Contínua, nesta entrada imos colgar unha escolla das gravacións logradas nos que sempre son afortunados encontros cós Bichiños de Carreirón, as cales, logo de pasaren o criba das inflexibles críticas das redes sociais, resultaron nominadas pra éste enxebre certame cinematográfico. 

Cértamente estes videos non pasarán ós anais dos documentais pola súa calidade, pois responden a tropezos casuais cunha fauna que sempre me surprende sen tempo de porfía, si ben no meu descargo hei de alegar que sempre procurei respeitar a imaxe mediática dos artistas. Polo tanto creo precisa certa indulxencia no implacable xuizo que dea a reverenciada audiencia deste Blog, que agardo indulte as tremendas carencias das gravacións, que nalgúns casos aquelei botándolle un pouco de humor. Defeitos que, por outra banda, evidencian a improvisación das tomas, transmitindo así o frescor e a emoción do momento

Pois logo, como dicía aquel, imos botar man da "maldita hemeroteca"  pra lle sacar as cores ós atrevidos bichiños que valentemente se chantaron diante do obxectivo deste repunante retratista, agasallándonos con éstas glamurosas intrepretacións:





O descobremento dun niño de Cobra sapeira con catro ou cinco crías que non terían nin dous días de vida. O seguinte finde volvemos por alí e xa medraran o triple, rematando os estudos superiores, e emáncipándose do núcleo familiar, deixando un completo roupeiro cheo de mudas.



É a primeira vez que podo grabar a un Peto verde alimentándose. Aínda que quedei discretamente a bastante distancia, non son parvos, e sí que me veu. Foi moi estrano que non fuxira, seguramente disfrutaba dunha boa comedela de formigas, que é o que xeralmente procuran peteirando nas dunas de Carreirón, onde hai moitos formigueiros. Outro momentazo...



Un admirable momentazo que non desaproveitei, cando ése grupo de Cullereiros, enfaenados e preocupados como estaban en encher o bandullo, concedéronme unha boa aproximación pra facer a toma désta memorable actuación.



Unha selección de boas imaxes de varias Estrozas, unhas raniñas encantadoras e dunha fotoxenia sin par.



Éstas foron as mellores imaxes en movemento acadadas ate o de agora da manda de Arroases que día tras día percorren a nosa Ría. Aínda estou gardando o alento pra non prexudicar as magníficas escenas.



Habilidades marisqueiras dun Mazarico rubio que no curto espacio de minuto e pico foi quén de arrincar da entranas da praia dúas boas miñocas, a última délas dun considerable tamaño, que seguro lle prestaron dabondo no seu valeiro bandullo. Todo o evento foi, como se pode comprobar, vixiado por uha Gabota patiamarela que, coma un Xuiz de silla dun partido de tenis, controlaba arrente dél dende a súa "atalaia" as evolucións do artista desta seman.



Un pavero grupo de Pardaliños que, dun xeito moi simpático andan a peteirar os restos que poden atopar polas gavias das tellas.



Aínda non fún quén de coller a xeito unha imaxe como eu quixera dun Verderol. Porén, aquí plantóuseme diante do coche pra se asear debidamente pola mañán nunha poza no medio e medio do camiño, o que non desaproveitei pra inmortalizar esta cinematográfica escena clásica de ducha.



Os Patos Culleretes son unhas anátidas cun peteiro desproporcionado que locen con orgullo. A mín ése magnífico apéndice lémbrame a Cyrano de Bergerac. Na Arousa só se poden ver na Poza de Espiñeiro, agardemos que por moitos anos, porque a súa presencia mais ben semella intermitente.



Toda a comunidade de Pardaliños do rueiro se citaron nunha poza formada coas que semellan ser xa a finais de Abril, as derradeiras choivas mais ou menos serias do inverno. Así que aínda non sei moi bén si se estaban aseando, ou facendo as beiras "one each other" que por alfo xa chegou a Primavera e haise que poñer á faena...



Aquí pillámoslle o rechouchío a éste macho de Escribenta facendo alarde das súas dotes cantoras en plena época de efervescencia reproductora. Abofé que estaba falador...



Menos mal que pasaba eu pra sacalo dalí, que si non, non sei que sería dél. Díxenlle que tuvera mais coidado, porque correu moito perigo, ó que me respondeu que viña un pouco "colocado" despois dunha noite loca de fiestuqui desfrutando de tanta auga que caeu onte, e como están en época de reproducción, xa se sabe... Son as hormonas, estúpido! :D



Con todos vostedes, o repoludo Lagarto Arnau e a glamurosa Lagartixa de Bocage, acabadiños de aterrar a Carreirón, para a presentación da inminente estrea nas carteleiras do mundo mundial dun novo "remake", de... "Os findes ó Sol"



Un violento suceso aconteceu días atrás a horas intempestivas nun bar da Poza de Espiñeiro na Illa de Arousa: Andaban dous Mergullóns cós ánimos moi alporizados, con moita violencia física e verbal por un perigoso asunto de ciumes. Aquí deixo constancia mediática do incidente, permitíndome a licenza de subtitular a escena pra mellor contextualizala e facilitar a comprensión do espeluznante acontecemento. O suceso foi denunciado ante a autoridá competente polo taberneiro, que tamén estivo a piques de papalas como queda demostrado no vídeo, instruíndo aquéla o correspondente parte de danos, inxurias e ameazas... ;) Son as hormonas, estúpido! :D




Cando a nosa productora "Bichiños Productions Corporation " volva a producir novas pelis con mais "saídas de tono" destas estrelas mediáticas, iremos enchendo este sitio có correspondente material audiovisual, onde os amigos das cousas do retratista de bichos de Carreirón poderán facer os pases que queiran có mesmo abono da entrada inicial.

Eso sí, sen dereito a palomitas.


A Poza de Espiñeiro, tribuna VIP


A Poza de Espiñeiro,
tribuna VIP


Un pouco mais dunha hectárea é a extensión deste pequeno humidal ó Sur da Arousa, un dos poucos que aínda se conservan con relativa boa saúde medioambiental, e todo a pesar de estar a caron dun camiño moi transitado, rendido por muros e cerrados de leiras por case toda a súa contorna. Porén, pra mín semellan mais surrealistas eses postes marcando fronteiras espichados no medio da "bañeira" da auga, que os peculiares "veciños" do lugar usan como pousadoiros.

Galiña de río - Gallineta común - Moorhen
(Gallinula chloropus)

Precisamente o feito de estar mesmo enriba do camiño dalle unhas posibilidades inmellorables a xeito de varanda onde os visitantes poidan desfrutar da súa beleza. Non sei si será boa idea, pero boto en falla algún tipo de valado neses 30 ou 40 metros de linde coa beira do camiño, có que se evitasen as perigosas incursións caninas que, a xeito de comandos de operacións especiais lánzanse á auga con evidente perigo prá fauna silvestre.

Pato cullerete - Cuchara común - Northern shoveler
(Anas clypeata)

Mais cando esa hectárea escasa se enche coas augas do Outono prodúcese tal brote de fauna que parece coma se fixese un cultivo en pequeno da biodiversidade da nosa Illa, pois tanto na Poza de auga doce, como nos esteiros mariños de Espiñeiro están representadas a meirande parte das especies que podemos avistar en Carreirón ou en calquera outra zona insular. E aínda por riba con especies exclusivas, como é o caso dos patos Culleretes, que nunca avistei fóra deste puntiño da nosa xeografía.


O vídeo que subo eiquí evidencia a beleza deste agraciado curruchiño. Un Cullerete "cú pa riba" procura o sustento no piso dembaixo, un macho de Lavanco que aínda hoxe non sei bén o que me preguntou, unhas Gabotas aseándose na auga doce e disimuladamente ficar ó axexo dalgún descoido de mamá-pata pra encher ó bandullo con algún patiño da nova fornada. Tamén hai unha "Lavanca" que chegou de repente cun ovo no peteiro, que alí mesmo papou. Sería algún fillo malogrado cuxas proteínas non se poden estragar, que a vida está moi cara e a familia numerosa xa está a petar á porta. Unha Galiña de río recórdame a un ciclista en pleno "repecho" levando no peteiro algo con que face-lo niño, e un Mergullonciño que botou toda a tarde buceando os fondos acá e acullá, lava enérxicamente o que aferra no peteiro, pra volver a chumpar procurando mais. Haise que poñer forte, que xa chegan os pitiños da nova camada. Éses sí que van ser difíciles de encetar, porque si miúdos son os pais, os fillos non levantan mais que unha noz. E por último as primeiras excursión de patiños guiados pola mamá-pata.


Mergullón pequeno - Zampullín común - Little greve
(Tachybaptus ruficollis)

Todo este desfile é arrodeado por un continuo concerto de chíos e sons de tódolos retratados e mais doutros que de momento deixaremos só de anónimos coristas. Unha música optimizada polo fondo có circo de arbores que conforma unha magnífica caixa de resonancia coa que se "masteriza" unha acústica que nona mellora nin o mais sesudo deseño dun pazo de concertos, saturando aínda de mais beleza as cores e formas deste miudo, mais suntuoso teatro natural. 

Xa había catro anos dende o último debut dunha Galiñola negra, ou  Focha na Lagoa de Carreirón, en data de Abril do 2013. Tódolos anos as botamos de menos, e xa ficabamos afeitos de que non ían voltar, mais para ledicia e surpresa de propios e alleos, no 2017 volven, e desta quenda fixeron mudanza pra viren de veraneo á Poza de  Espiñeiro!
Todo un pracer observar o belo e formoso porte desta ave, a cal tendo en conta ésta estación de subida hormonal, intúo que a parexa non debe andar moi lonxe. Agollá as volvamos a ver, e si pode ser, paseando ós pitiños, que xa non deben tardar. 



Un tesouriño medioambiental que por sorte aínda conservamos na Arousa e que deberíamos axudar a preservar, porque a presión humana na nosa pequena Illa é cada vez mais incompatible con éstes entornos nos que os bichiños cós que compartimos o espacio sen dúbida teñen tanto dereito a vivir coma nós.

...ou mais.


Avenoiteira, sonámbula de día


Avenoiteira,
sonámbula de día

Outra espléndida descoberta neste remate do vran, cando xa voltabamos de Carreirón polo camiño entre a Praia da Lameira e a Lagoa, nun finde ben proveitoso cértamente, após acadar entre outras, as primeiras imaxes do Picapeixe na Lagoa, que aínda haberá que revelar e, si acaso, introducir nun vindeiro post.

Nese treito é tentador botar a vista á esquerda, nunha derradeira ollada ó humidal da Lagoa... Pois nunha desas, nun sitio onde apenas asomaba por riba das herbas unha pónla caída, algo non cadraba nunha das piñas que aínda conservaba.
Ó mirar cós prismáticos descobrimos con surpresa que unha desas piñas non era tal, era nada menos que unha Avenoiteira, sen dúbida unha das aves mais difíciles de avistar, tanto polos seus hábitos noturnos, como pola habilidade innata de permaneceren inmóviles, confiando plenamente na invisibilidade que lle proporciona a suma da petrificada figura ás crípticas cores da plumaxe.
Nesta época o chan da lagoa xa secou, quedando moi feble e irregular, así que iniciei a aproximación avanzando torpemente, unhas  veces petando nalgún invisible tronco podre, cando non chumpar media perna nun burato do chan. Escuso detallar o escandaloso ruído que fun xenerando en tan procelosa conquista territorial.
Vaia, que non quedou ninguén sen se enterar que andaba por alí o repunante retratista dos bichos. Porén, a perena Avenoiteira, apenas entornaba un ollo, ata cheguei a pensar se non estaría morta.  Só os abreu un chisco cando cheguei arrentiño dela. Por un intre pensei que se deixaría coller coa man.
Cando xa case lle facía sombra ó bicho, após outro escandaloso e torpe paso en falso, sinteu a Avenoiteira algún perigo e escapou voando, mais sen se alonxar moito, voando en curtos saltos, pra pousar nos pinos darredor nun diámetro duns 50 metros, non mais. A lástima é que non lle pudera facer unha foto en vóo, pois verdadeiramente parecía aínda mais fermosa que pousada.
Avenoiteira,
Chotacabras,  Nightjar
(Caprimilgus europaeus)
Todo un "momentaso" polo insòlito encontro, cando xa conformaramos con ésta imaxe doutro exemplar lograda días atrás cando andabamos tomando fotos nocturnas.



Por último, ésta imaxe da esquerda, nun dos focos das instalacións do Punto Limpo parecía a única posible, que xa daquela fora un suertudo golpe do azar. Así que o de onte xa non tén nome...

Na Galiza, lugar onde o misterio e a superstición sempre tivo ampla cabida, é coñecida como  "Ave da morte" xunto a Mouchos e Curuxas, e portadora das ánimas dos defuntos ó Alén... O cómico nome en Castelán, procede da crenza de que polas noites adicábase a chucharlle o leite ás cabuxas. Son en ámbolos casos misteriosos contos supersticiosos pra unha das aves mais ignotas que temos por aquí...


Estricallada coma unha marquesa


Estricallada
coma unha marquesa


Garza real (Ardea cinerea)
Un dos bichos mais difíciles de retratar. Cando se decatan de que sube-la cámara ó ollo, fuxen roñando prá praia do lado ou pior, pra un Cón mais pa fòra. Por sorte, ésta dificultade compénsase có grande tamaño destas aves, que habilita unha boa foto a unha distancia considerable, eso sí, cun tele-obxectivo digamos, mediano. Si nono tés, bótalle pacencia... 
(click nas imaxes pra ampliar)

Xúntanse en colonias pra criaren entre febreiro e agosto, preferindo as árbores, aínda que tamén poden aniñar nas xunqueiras ou entre a herba como fan na Lagoa de Carreirón, mais sempre procurando que sexa arrente da auga. 
Pápano todo: rás, peixes, invertebrados ou furonsiños. A subespecie que habita polas nosas rías desenrolou unhas cualidades adaptativas características, que lle facilitan por exemplo, a supervivencia deambulando polos puntóns das bateas sen escarallarse   ;-)

Ésta da foto alí estaba, seica no descanso do bocadillo no medio do desdoble...
Disque só crían no centro e sur da Peninsula, cousa que explica o feito de que nin en Carreirón nin polo resto da Arousa víramos nunca crías pequenas, sendo despois de rematar a crianza cando se espallan por toda a península. Eso sí, sempre buscando a auga arrente délas, doce ou salgada, nesto non son escrupulosas.


Vaia, a mín fánseme un pouco "repunantes" con tanta desconfianza, poñéndonos as cousas ben difíciles ós que só queremos inmovilizalas nunha indolora tarxeta SD. Mais coido que pra elas é mellor así que si fosen mais confianzudas, porque non todos levamos sempre tan boas intencións.


Mellor deixalas estar coas súas cousas. Si gostan que "corra o aire" será por algo...
A Natureza, sempre tan sabia, suxírelles prudencia...



O primeiro finde pró Blog


O primeiro finde
pró Blog

Hoxe imos dar inicio a este blog có que, aproveitando a miña afección pola fotografía, únicamente pretendo deixar retratada a nosa Arousa nas mais diversas facetas, aínda que primordialmente gostaríame darlle un protagonismo moi especial á natureza da nosa Illa, e nomeadamente ós meus "bichiños de Carreirón", que tantas satisfaccións me levan dado e séguenme a dar, agasallándome en cada volta que damos por alí con eses "trofeos" pra mín tan prezados, en forma de fotografías cós que volvo prá casa entusiasmado, o mesmiño, supoño, que cando un cazador consegue os seus, aínda que os meus "disparos" resultan afortunadamente moito menos perigosos que os que se prodigan nesa outra afición da que teño que recoñecer que non comparto nadiña.

En fin, que pra emprezar teño no menú unhas fotos que tirei neste fin de seman, o primeiro finde có que encetamos tamén o vran deste ano, o cal coido que vai ser especial en comparación cós de anos precedentes, pois debido á abondosa colección de "calamidades" que trouxo éste pasado inverno en forma de temporais e choivas pra dar e agasallar, resulta que nos atopamos cáseque no mes de Xullo coa Lagoa de Carreirón prácticamente a rebosar de auga, o que lle confire unha capacidade de albergar e xerar bichiños moito mais outa que cando non hai tanta.

Cértamente, durante os derradeiros meses ven sendo moi sinxelo atopar mergullóns, galiñas, patos, rascóns, etc., por suposto coas súas crías, que sempre son un estupendo síntoma da boa saúde dun humedal, aínda que sexa tan pequeniño e especial coma ése noso tesouro que temos ó Sur da Arousa.

Rascón - Water rail (Rallus aquaticus)
Pra empezar teño a foto deste inmaturo de Rascón que, excesivamente confiado, lonxe de se asustar e poñer terra por medio como adoitan facer habitualmente para desgraza da miña condición física, alí estaba, á beira do camiño, sen inmutarse o mais mínimo, a pesares do grande ruído que estaba eu a provocar cós meus torpes movementos provocados pola emoción de tan inesperado "momentaso". Digo que debe ser inmaturo, porque os adultos teñen o peteiro cunha forte e vistosa cor bermella, e éste non loce aínda esa pigmentación. Por desgraza non saleu das sombras e ésta foto é do mellor que puden acadar. (Xa te enjancharei a xeito outro día...)

E agora van estas dúas imaxes, ás que só separa un día de diferencia, nas que se aprecia o xeito tan lixeiro de traballar que teñen éstas Vespas na re-construcción do vispeiro, o que me enche de ledicia, pois axiña vano a ter listo pra incubar a próxima xeración. Teño que dicir que o venres levamos un disgusto moi grande, pois o vispeiro que estabamos acostumados a ver, de repente "desapareceu" sen se albiscar migallas dél arredor. Non sei si se desprendería accidentalmente por algunha causa natural ou foi obra dalgún "pavero" deses que semella que desfrutan destruíndo o que se lle vai poñendo por diante, e que, por certo adoitan ter bastante boa sorte protexendo a súa impunidade...
Eu, que son moi mal pensado, decántome polo segundo. En calquera caso, as obras semella que progresan aceleradamente, e pronto teremos outro vispeiro coma o desaparecido.

Bueno, como dicía o outro, "pa empezar está ben". Por suposto que teño mais fotos, pero coido que será mellor nonas subir todas xuntas, senon ir escollendo as mellores de cada evento semanal, e así non esgotar tampouco os meus limitados recursos narrativos pra non aburrir ós sufridos leitores. O camiño pode ser longo, así que convén ir paseniño e ir facendo algo con xeito, como din sabiamente os nosos abós...