x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido
Amosando publicacións coa etiqueta aves de presa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta aves de presa. Amosar todas as publicacións

Señores dos outeiros


Señores dos outeiros


As aves de presa contaxian emocións.
De poderío, de suficiencia...
A mín fascínanme todas as trazas do seu ser, dende a insolencia da súa intimidante mirada, ate o señorial porte da sola presenza pousadas e quedas nun escollido ponto estratéxico, semellando dominar sobradamente todo o que queda por baixo delas.
Todos éses rasgos e actitudes son elementos acaídos pra unha suntuosa imaxe. Ingredientes que, de podelos achegar a tí por medio dun obxetivo, xeneran sensacións con éses e outros calificativos, pois dende a ponta do peteiro ata a derradeira pluma da cola, todo é seducción nestas aves.
Aínda mais emocionante resulta cando, no cumio da túa propia sorte, podes asistir a unha sesión de caza, pois a todo o dito haberá que engadir a maxestuosidade do vóo no caso de uns, ou a imaxinaria liña que coma un mísil trazan noutros velozmente no ceo, agromando o senso de vértigo pola violenta e habilidosa precisión coa que perpetran os asaltos.
O que relatarei eiquí serán as miñas particulares impresións nas historias dalgúns dos encontros con estas maxestuosas aves...




Miñato, Busardo ratonero,
Common buzzard 
(Buteo buteo)
Á volta de Carreirón, pola zona do Muíño do Vento, alí ficaba, quedo nesa postura, así que como non fuxía, decidimos aparcar o coche na beirarrúa, a uns poucos metros dése poste eléctrico. De súpeto, chumpou en picado cara a nós, que ata chegamos a crer que nos atacaba.
Pero non, tiña fixado no punto de mira un furonsiño que ficaba xusto baixo o noso parachoques, polo que dende dentro do automóvil perdémolo de vista por uns instantes, ata saír coa presa inmóvil nas garras. 
A foto da dereita foi tomada no Naso. Non hai imaxe mais descriptiva dos adxectivos cós que vimos de definir ás aves de presa, que a destoutro Miñato na súa atalaia, imperando no seu territorio con hierática e poderosa figura.


Moucho de orellas,
Autillo europeo, Scops owl,
(Otus scops)
Un Moucho de orellas que tiñamos ubicado en Carreirón pola zona da Lagoa. Moitos findes faciámoslle unha visita, pois  tiña fixada a direución postal da súa vivenda no oco do seco tronco dun solitario pino, niño que, con ésas señas era de doada ubicación pra lle facer un seguimento e as fotos que tanto ansiabamos.
Mais por desgraza un día apareceu todo arrincado e tirado polo chan por algún pavero que debeu encetalo e non tiña mellor cousa que facer...
Unha ave que nunca pensamos atopar pola Arousa, pois o mais normal sería dar cun Mouchiño común, cunha presenza mais documentada. Ésta miudiña e bela ave de presa seguramente procuraría outro pino acaso non moi lonxano pra fixar a súa residencia. Porén, trístemente nono volvemos a ver, aínda que tendo en conta as súas magníficas cualidades de camuflaxe, non é de estranar...


Falcón pequeno, Alcotán,
Hobby (Falco subbuteo)
A primeira vez que o vimos, pensei que sería un avistamento único, crendo que a súa presencia entre nós tería sido casual, mais non, xa hai varios anos que mais tarde ou mais cedo prodúcese un novo avistamento, polo que acaso haxa alomenos unha parexa criando.
Tamén tuvemo-la sorte de observalo varias veces en veloces ataques na praia, cazando algunha das limícolas que ó afuciñar pra lograr algún invertebrado, vense sorprendidas pola sombra deste raio con plumas. 
Probablemente o mais colorido da familia dos falcóns. Antes de fuxir dándome ésta bela estampa, aínda tuven ocasión de retratalo mentres escudriñaba o chan en busca de presas.


Éste sí que foi un "momentazo". Enriba dun dos Cóns de Punta Revello había unha ave, que nun principio quixen identificar coma unha Gabota, cousa que sería o mais normal nese sitio.
Falcón peregrino
(Falco peregrinus)
Había unha néboa bastante espesa, e aínda que dende a distancia onde estaba, (Eu diría que mais de 100 metros) non podía concretar o bicho, mais algo lle vín que me deixou cheo de dúbidas, así que, como fago moitas veces, "primeiro disparo, e logo pregunto" pois neste mundo das aves, si fas ó contrario, o mais seguro é que perdas a oportunidade. Así que tirei varias fotos pra ver si había sorte, e na edición e ampliación da foto saír de dúbidas.
E vaia si saín de dúbidas!  ante mín nada menos que un fermosísimo xoven Falcón peregrino, especie nada habitual na Arousa, que intúo estaba descansando de paso a algures, o seu destino definitivo, e extraordinarimente púdose desviar ó medio da Ría. Un dos mellores momentos que me agasallaron tanto a afeizón á fotografía coma os meus fideis bichiños, que de cando en vez che dan semexantes alegrías...


Azor, Goshhawk
(Accipiter gentilis)
Éste tamén foi outro caso pra poñer a proba os reflexos e o "gatillo lixeiro" do dediño do retratista, que dispara antes de preguntar. No intre quedei dabondo convencido de que podía ser un Azor, mais logo de editar e poñer a foto nas redes pra asegurar a identidade da ave, un amigo identificouno como "Tartaraña cincenta", mentras outros confirmaban a miña primeira idea. Ante a dúbida, voume decantar polo Azor, ave que coido resulta mais razonable da nosa zona... A foto non é moi boa, porque, coma tantas veces, foi velo no ceo e no transcurso duns efémeros segundos esfumarse da vista.
Ate o dagora, éste é o ultimo avistamento. Sempre os tuvemos por Gabiáns, pero non. Unha vez mais parece ser que se trata de Azores. Nun roteiro polo Monte escoitamos os chíos dalgunha ave de presa que non paraban asi que nos fumos achegando cada vez mais preto, ata que descobrimos ós nosos pés a zona onde se xuntaban plumas e ósos de aves en distintos montiños. De Peto verde, de Torcaces... Restos inconfundibles de recentes comedelas.
Chegados a onde os chíos se facían mais frecuentes e intensos, a nosa conclusión foi que podía ser unha cría que se decatou da nosa presenza e reclamaba acaso pola dos proxenitores na procura de protección. E non tardou en aparecer éste exemplar, revoando moi baixo nunha actitude ameazante que, teño que recoñecer, intimidoume un pouco.
Mais outra cousa bén distinta é facerlle unha foto, pois os bichos non son parvos, e sempre se poñen a favor do Sol, de xeito que tí case sempre os tés a contraluz. As imaxes que mellor acadei foron éstas que subo eiquí, resultado dun arduo revelado pra "liberar" das sobreexposicións ou das sombras iniciais ésta beleza de bicho.




De momento éstas son as mellores imaxes, ben sexa por únicas, ben por calidade, dignas de subir aquí, dentro da categoría das Aves de presa, mais aínda quedan outras que, na medida en que se me vaian poñendo "a tiro" serán inmovilizadas convintemente néste meu álbume de bichos.


Nómadas do inverno


Nómadas do Inverno

Nesta entrada tentarei facer unha dilixente laboura notarial aproveitando os roteiros que teño a sorte de poder fruir por Carreirón os findes, e facer cronolóxico inventario dalgunhas das aves invernantes da presente tempada entre solsticios, que unhas veces veñen pra residir eiquí nos meses mais duros do ano, e outras só pra facer unha provisional escala collendo folgos de camiño a outros lares mais ou menos lonxanos nos que manteñen un fogar agardando por éles cada ano. Entre éstes efémeros visitadores en roteiro migratorio, demos avistado algunhas especies pouco pródigas pola nosa Illa, que a sorte nos puxo "a tiro" fotográfico, como se deixa acreditado deseguido.


Gabita - Ostrero euroasiático - 
Eurasian oystercatcher 
(Haematopus ostralegus)

Foi unha das primeiras e mais amplas bandadas que fixeron o debut na estrea Outonal do noso escenario insular. De primeiras anduveron ás voltas durante varias semans polo Esteiro de Carreirón, e tamén polo Sur da Ría.
Porén, dende o fin do mes de Novembro xa case non se albiscan pola zona. Só nalgúns cóns de fóra, ó Sur de Carreirón pódense ver algúnhas cuadrillas con frecuencia. Daquela estaríanse a xuntar pra "coordenar axendas" pra aniñar. Hai un par de anos tropezamos con varios poliños que se refuxiaban nos sacos de area da base do parapeto de protección do Dolmen do Areoso, onde criaron, manténdose a nai revoando nerviosa arredor.




Bilurico Bailón - Andarríos chico -Common sandpiper 
(Actitus hypoleucos)

Tamén chamado Bilurico das rochas, eu gosto mais da festiva denominación, que coido define moi bén o comportamento desta miudiña limícola, de discreta figura.
Nada gregarios, case sempre se miran solitarios, todo mais ás veces en parexa, brincando da mallante prós cóns, ou correndo ó longo das ondas así como morren na praia, supoño que porque nese bater deixarán ó descuberto algúns invertebrados das algas dos que se alimentan.
E sempre adornándose cós seus simpáticos "tics" baixando e subindo cabeza e corpo, de cuxo "baile" é de supor que nacerá o expresivo apelido có que foi bautizado. Por certo que se fan moi reos ós meus inocentes achegamentos pra retratalos.



Garza real - Grey heron 
(Ardea cinerea)

Após todo o vran no que só se puderon ver escasos exemplares (acaso xa residentes), coa chegada do outono vanse formando grupos bastante numerosos de entre trinta e cuarenta individuos pescando espallados por todo o Esteiro de Carreirón, que é por onde adoitan xuntarse nesta parte da Ría. Este grupo que retratei eiquí lembroume a distribucion dos xogadores nunha cancha deportiva, ó mellor estaban a xogar un partido de fútbol de máxima rivalidade, e aínda que non vín o balón por ningún lado, non puden resistirme a documentar o evento.


Pildora cincenta - Chorlito gris -
Grey plover 
( Pluvialis squatarola)

Dende finais de novembro é un espectáculo a gran variedade de limícolas a mariscar á seca da praia de Xastelas,  coma nesta imaxe. Ése día en concreto as Píldoras cincentas eran claramente maioría.  E veña daquí pra alá por toda a praia -e mira que é grande- pois a canto te achegas un pouco, dan o salto pró outro lado. Tamén son moi doados de ver no Esteiro de Carreirón, arrente da beira do mar, descansando nos Cóns de fóra, a salvo de malévolas intencións. 


Pilro común - Correlimos común - Dunlín 
(Calidris alpina)

Tiña dúbidas da súa identidade, por seren moi confundibles có P. ferruxento, aínda que éstes últimos son mais difíciles de atopar por aquí. Un déles está marcado cun anel, que nos dá información sobre o bicho como por exemplo que xa se levan 4 anos seguíndoo e anotando "escalas" en Rouxique, na Arnosa, na Fianteira, etc., no Complexo intermareal Umia-Grove.
Moi obrigado ó Grupo de anelamento Anduriña pola información, e pola oportunidade que me dan de axudar ó seguimento destas belezas. Escolleron esa caste de grada que lle brindaba un Cón en Punta Carreirón seguramente pra descansar e tomar unhas birras ollando así tan escalonadiños todos na mesma direución, como se asistisen a un espectáculo, cando o espectáculo eran éles, alomenos sen dúbida pra mín. Reunidos nun compacto acio, en canto a embestida dunha onda os obrigou a brincar no aire, emprenderon novamente o vóo na procura do seu destino cara ó Sur.


Bilurico común - Archibebe común -
Common redshank 
(Tringa totanus)

Teño pra mín que éste ano non foron dos mais puntuais, pois por eiquí comezaron a asomar o peteiro dende os derradeiros días de novembro.
Teñen querencia polo esteiro das Aceñas, onde mariscan a canda os Biluricos claros, e as Garzas reais.
É un bilurico de tamaño medio, pra mín probablemente o mais vistoso déles, có lucido e intenso bermello có que visten o peteiro e as patas. Porén, non son dos que ofrecen mais confianza ás visitas, así que terei que invitar a algúns cafeses pra que me deixen achegar un pouquiño mais.


Falcón peregrino - Peregrine falcon 
(Falco peregrinus)

Un exemplar xuvenil de tan fermosa e espectacular ave rapaz, a cal nunca pensei atopar pola Arousa, pois moi raramente atravesa por eiquí, sempre en paso migratorio. Apareceu no medio dunha espesa néboa, e xa me pareceu raro ése debuxo e cores do peito nada familiares, ó que tampouco axudou o lugar onde ficaba pousado, un Cón á beira da praia da Portiña do revello que ó primeiro levoume a pensar que era algunha gabota, identidade que con grande asombro negou a edición fotográfica. Pouco tempo nos dou o bicho pois botou a voar cando iniciabamos os primeiros pasos da aproximación. A ver si hai mais sorte nos días que queira botar con nós, e nos concede unha entrevista, aínda que sexa curta e sen intérprete.


Bilurico claro - Archibebe claro -Greenshank 
(Tringa nebularia)

Adoito atopalos en faenas mariscadoras a canda ós B. comúns, e igoal que fan éstes, son moi doados de ver pola zona Oeste de Carreirón, e na súa época, tamén pola praia de Espiñeiro.
Eis a boa harmonía que cultivan éstas dúas aves, que velas aí van ó par mentras cachean polas miñocas que van partillar coma bós veciños. Seguramente haberá pra todos porque tampouco os vin rifar nunca cós do Control da peneira pola "tasa" nin polo tamaño das capturas.


Mazarico real - Zarapito real - 
Eurasian Curlew
(Numenius arquata)

Outra especie que, alomenos na Arousa non é moi habitual. Porén, este ano xa os teño avistado dende o mes do Nadal nunha bandada que adoita pousar polo Sur de Carreirón, mais ate este finde non fun quén de reflexar a éstes fuxe-fuxe peteiros corvos no espello da miña cámara.
Son fácilmente confundibles cós Mazaricos chiadores desta entrada anterior, aínda que cando botan a voar son delatados tanto a envergadura como polo longuísimo peteiro característico.
A foto da bandada é pola Punta Xastelas, e a dos dous exemplares foi na Praia dos Petóns, onda Punta Carreirón.


Pato cullerete - Cuchara común -
Northern shoveler
(Anas clipeata)

Habituais no espazo inter mareal Umia - Grove, éste é o primeiro ano que consigo avistar ésta bonita anátida, polo que tentar retratala pra subila aquí non foi mais que outro acto reflexo. 
A localización non foi en Carreirón senon na Poza de Espiñeiro, onde os vexo dende finais de Xaneiro. Con ese asombroso peteiro, no que ten o berce o nome do bicho, ás veces ata me parece un artificial implante coma si lle puxeran unha especie de careta ó animal, aínda que, en calquera caso precisamente polo inusual tamén me parece un fermosísimo complemento á beleza de cores que, como tantos anátidos luce éste patiño.


Mapa dos avistamentos
desta entrada:

         foto aérea de Manuel Beloso

Vento, choiva e... Cullereiros


Vento, choiva
e... Cullereiros


Píllara real - Chorlitejo grande 
(Charadrius hiaticula)
Inesperadamente proveitoso resultou o derradeiro finde, no medio dun par de tristes semanas de diluvios, temporais, treboadas... e o peor de todo pra min: unha roñenta luz coa que regar as fotos dos bichiños. (click nas imaxes pra ampliar)

Pilro - Correlimos tridáctilo 
(Calidris alba)
O caso é que á tardiña deste penúltimo venres de Setembro decidimos dar un pequeniño rodeo antes de coller a ponte pa fóra por algunhas tarefas pendentes en England, e como non era moi acaído achegarse ata Carreirón polo retraso que ía supor, achegámonos ata a lagoa de Espiñeiro, comprobando que non recuperou o nivel coas últimas choivas.

Pilro - Correlimos común 
(Calidris alpina)
Vaia, que xa viñamos de volta, cando nos decatamos de que na praia homónima rexistrábase unha ben concurrida tropa de bicherío, por exemplo, escandalosas gaivotas choronas que semellaban rifar por algunha repoluda femia, ou un corrillo de pillaras peteirando nas algas que o mar estercou no areal, ou unha garza real que anduvo mais lixeira que o meu dedo có disparador. 

Tamén andaban por alí, facendo infinitos intentos, varios Carráns espichándose no mar unha e outra vez, aínda que sen excesiva fortuna mentres estuven observando, machos e femias de Lavancos que coma sempre semellan estar paseando como parexas modosiñas e formais, e ata unha desubicada pomba torcaz, que non sei que faría enriba dun cón que descubreu coa seca.


Como non levaba maquinaria pesada, botei man da práctica cámara automática que sempre teño árrente, tentando aproveitarme daquel fervellón de bichiños que aínda por riba lucían rufos, favorecidos cós raios de Sol que se atreveron a saír nesa tardiña.


O resultado foi o que estou espallando a destro e sinistro destes párrafos. Coido que a colleita resultou fértil dabondo.


O sábado, nunha calmiña a canto se ía achegando o solpor,  de súpeto asistimos asombrados a unha violenta función de caza con reserva de butaca en primeira fila, onde lle tocou o papel de malo da película a éste Falcon (Falco subbuteo) que había algún tempo que non viamos pola zona, e que rematou có epílogo que vemos na foto, o roubo dunha das nosas pillariñas que ata ese intre era unha das artistas sobre o escenario....

E para cando despois dunha manchea de tomas e disparos a discreción, xa me decatara de que non ía conseguir mellores imaxes que as que xa levaba no "cesto" da tarxeta SD, puxemos por fin rumbo ó "continente" desviándonos polo Esteiro de Vilanova, onde atopamos un insospeitado premio: Dándolle á cabeza coma desbrozadoras a un lado e a outro có seu característico peteiro, había un grupiño de Cullereiros que, sen perder-la formación peiteaban as augas e a lameira do fondo cubrindo mentres avanzaban, un carreiro que semellaba prefixado pola procura de alimento.

Sen alternativa, aparquei onde puden e saín lixeiro pra apropiarme de tan impensadas imaxes, pendurado literalmente do quitamedos da carretera, non fora que se me desviasen pra mais lonxe, como tantas veces acontece neste gremio do retrato "al vuelo".
Cullereiro - Espátula común
(Platalea leucorodia)

Mais desta volta non... non me escaparon, e pra mostra, éstas tres "culleradas" do doce néctar có que as estampas destas fermosas aves nos agasallan pra que as degustemos a pracer...