x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido
Amosando publicacións coa etiqueta bolboretas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bolboretas. Amosar todas as publicacións

Apolillados... pola nortada


Apolillados... pola nortada


Traza, Bruxa ou Couza son denominacións galegas destes lepidópteros nocturnos a polos que fumos na procura nunha noite de biruxe do primeiro finde do vran.
Meténdose xa a noite, arredor das 22:30 montan o tenderete entre Carlos, Jose e Saleta, expertos entomólogos da SGHN, nun lugar de Carreirón que imaxino escollerían por estar á beira da Lagoa, e contar có abrigo proporcionado pola vexetación, a cuberto da nortada que tamén quixo participar no evento.


Mentres os tres "insectívoros" quedaban preparando o mantel prá merenda de Trazas que con ilusión agardabamos acadar, seguimos a Moisés Asensi, amigo da nosa Illa e grande experto en anfibios da SGHN que saiú a dar unha voltiña arredor pra ver que bichiños se atrevían con nós. Os primeiros en aparecer foron unha parexa de Lagarteiros / Cernícalos (Falco tinnunculus) que revoaban xusto por riba das nosas cabezas sobre a área que as nosas lanternas deixaban mais iluminada, acaso tentando aproveitarse da inesperada avantaxe que lles proporcionaba a nosa luminosa presenza prá caza.


Tamén se sumaron a esa berbena de luces un grupo de alomenos media ducia de Morcegos (supoño que comúns, que son os que temos por aquí). Coma noutras ocasións, Moisés, coa ansia dun cativo que abre un agasallo, non se pudo resistir a virar algúns pandullos, ata encetar embaixo dun deles un Escáncer de tamaño medio que, entortándose ó quedar exposto, escurréusenos hábilmente, deixando o obrigado retrato pra mellor ocasión. Por certo, o primeiro Escáncer que vexo lonxe dunha leira de patacas ;)


Xa de noite fechada, de volta na "merendiña", disfrutabamos dos primeiros convidados que chegaban atraídos pola luz, o que aproveitabamos pra bloquear coas cunquiñas transparentes invertidas que oportunamente trouxeron os que saben desto, e así darlle tempo a enfriaren os seus corpiños e poder retratalos e identificalos. De momento nós, os neófitos, mirando e aprendendo.







Por desgraza algúns escapáronseme do obxectivo da cámara, pero as fotos que poñemos aquí coido que dan unha boa idea do ben acompañados que estabamos alí.

Aínda botamos unha chea de tempo nestas faenas, ata que, ben sexa porque non eran horas prós rapaces, ou polas trompadas que pegaba na cara o dito Vento do Norte, ou, por qué non dicilo, (alomenos no meu caso), pra escapar dos mosquitos que a esas horas xa me tiñan acribillado vivo, decidimos coller "cabo en roda" e ir planeando outra saída da man de Moisés Asensi pró vindeiro Outono, na procura dalgunhas especies de anfibios dos que temos por veciños, os mesmos que nesta oportunidade zafáronse do noso acoso, pois só pudemos facerlle a foto de carnet a unha Estroza/Raniña de Santo Antón, que xunto cunha boa chea délas escoitábase cantar no medio da lagoa.


Unha experiencia fenomenal que temos que agradecer a Moisés, Carlos, Jose, Saleta e os seus intrépidos cativos, que amosaron estupendas cualidades de interés pola Natureza, os nosos amigos da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ós que lle agradezo a agradabilísima compañía, amabilidade e pacencia, e sin os que non sería posible esta enriquecedora oportunidade de ampliar un pouco mais o coñecemento dos nosos "Bichiños de Carreirón" protagonismo que no caso do sábado, tocoulle ós "after-hours" das noites da Arousa.

Un inverno moi "cativo"


Un Inverno moi "cativo"

     Hai uns días transitou por moitos perfiles das redes sociais aquela foto tan coñecida da nosa Illa coa nevada do 17 de xaneiro do 87, o que aproveitaron algúns pra lembrar as sensacións desfrutadas en primeira persoa naquel extraordinario evento. Eu penso que o feito de desempolvar daquel lonxano episodio invernal poido ser froito de que éste ano botemos en falla as normais condicións de friaxe, vento e choiva coas que irrecurriblemente nos debería sentenciar a despiadada estación que chega acanda o solsticio pra arrincar a derradeira folla do almanaque. Ou alomenos así adoitaba acontecer ate o dagora.


Estreliña riscada (Regulus ignicapillus)
Porén, a climatoloxía deste ano estase revelando insólita, cós derradeiros días do ano erguéndonos da cama a 12º-15ºC, que certamente resultan mais acaídas no vran, mentres os meteorólogos da tele mándannos deitar en quente con aburridas e desidratadas isobaras, que xeran un acartonado clima que nestes derradeiros días do ano non sexa doado apagar unha extravagante xeira de lumes forestais no Cantábrico, "festa" coa que por aquelas latitudes semellan querer algúns despedir o ano.

Carriza dos xuncos (Cisticola juncidis)
Disque nos toca aturar os aleatorios propósitos daquel cativo ó que chaman "El Niño", un rapaz que seica éste ano chega moito mais arrebatado que nunca, polo que a casual calma de hoxe pódese tornar mañán en calamitosos temporais. Como pra se botar a rir do tan traído e levado Cambio climático...

Ferreiriño abelleiro (Parus major)
Mais como dicía o poeta, "yo he venido aquí a hablar de mi libro", así que polo que respeita ós nosos bichiños, tamén hai algunhas anotacións dignas de mencionar. Por Carreirón os paxariños cantan e voan prematuramente ledos coa mesma alegría coa que cada Primavera axudan a nos poñer en orde as Chakras. Neste mes do Nadal, cando moitas especies fan as maletas pra vir pasaren o inverno con nós, normalmente pódese desfrutar dunha abondosa variedade de paxariños, mais éste ano semellan andar atolaxados, despregando un mesto e apaixoado frenesí ó cal non adoita convidar a seriedade do clima invernal.



Tamén se poden ver a cotío parexas de bolboretas facéndose as beiras a garabatear unha con outra no ár, manténdose aínda rufas e con brilantes cores, a diferenza do habitual nesta época, de pálidas cores e avellentadas coas ás comestas pola voraz gula da idade, que llas consume na vellez, coma as aínda ben vistosas pás désta Vanessa atalanta, que loce ás súas mellores galas coma si estivesemos no medio do vran.



Porén, o que podo acreditar como un suceso fora do común, é bater cunha monstruosa Vespa velutina (a famosa asiática) vagueando polo alfombrado chan de jaspallada de Carreirón en confusa actitude, bandeando e tremendo insegura coma sen forzas. De inmediato a mirada ascendeu prás copas dos pinos, na procura do niño que por fortuna non apareceu. Polo volume dos cadriles do bicho que bén chegaba ós 4cm. podería ser unha raíña buscando sitio pra fundar unha nova colonia, despois do arraso que sofriron na que había nas Aceñas. Logo de pedirlle os permisos de obra o encontro rematou sen acordo en algo mais que palabras, así que alomenos ésta xa non vai fundar nada...


Mais difícil é "desencriptar" do caótico puzzle de lixos da superficie do chán a outros insectos moito mais miudiños, coma ésta fermosa Cicindela, a cal se ben nesta foto pódese desfrutar comodamente da súa beleza, pra mín é unha casualidade encetala. Por certo, vaille ter que pasa-lo ferro a ése anaco de á que quedou de fóra.


E pra rematar con esta pequena escolma de insectos subo aquí a ésta Chinche que me chamou a atención tamén polo tamaño, pois pareceume relativamente grande (uns 2 cm.) áparte da innegable beleza das tatuaxes que carrexa nun discreto lombo, só en tonos marróns... Pois descubro que resulta que é outra especie invasora, de nome Chinche americana dos pinos que seica non leva moito tempo con nós, e descoñécese ata que punto pode ser dañina. Xa veremos se non lle hai que executar un desafiuzamento express.


Éstas fotos serven tamén pra axudar a asimilar ése tan traído e levado Cambio climático que ven acanda o "rapaz" de antes. A finais do vran, que é a época, non se pudo colleitar nin a primeira amora en Carreirón debido á sequía deses meses. Incríblemente, có aninovo atopamos éste tenro acio con follas cheas de colorido e intenso verdor, colmado de flores e brotes de Amoriñas enchendo candanseu capulliño pulando xa por saír.



E uns metros mais pra diante, mesmo enriba da mallante arrente doutras especies de vexetación intermareal, varias colonias de Chuchameles espalladas tal coma se estuvesemos dando un paseíño pola beira da praia ó calor do vran.


Mesmo abraiante é ver florecer os Toxos en Xaneiro, coma nesta foto de finais dése mes do 2016. Teremos que adiantar as celebracións dos Maios da Primavera pró medio do inverno?
Son pequenos detalles que nos chaman a atención, poñéndonos sobre aviso de que algo grave estáse a cocer no clima, aínda que algunhas cabesas-juecas nono queiran acreditar. Por sorte cada vez son menos.

Vaia, que tiña pensado subir algunhas fotos mais, pero así como me temía que o jorado inverno có que iniciei o post non iba a traer cousa boa, así foi, e prós días do Patrón xa levamos unha semana solapando un temporal por riba doutro sen albisca-lo derradeiro, así que recollo polo momento a pasarela das miñas vedettes mentres preparo o seguinte desfile có permiso da autoridade competente e se o tempo o permite...


Quinta entrega de Bolboretas


Quinta entrega de Bolboretas

Por quinta vez imos achegar unha nova coleción de bolboretas, imaxes recollidas durante os últimos meses que nalgúns casos resultaron verdadeiras surpresas, descobrindo no revelado especies que aínda non acadara, cando non atopar a unha onde agardaba por outra. Sonche as cousas da fotografía, na que a observación das estáticas imaxes destapa cores e formas que resultan imposibles de desfrutar cando ficas preso da lixeireza efémera da visión en vivo.
Porque se algo me quedou ben nidio neste fermoso mundo "lepidóptero", é que case nada é o que parece á primeira...



Dysgonia algira
Vive nos eirados e sitios descobertos en xeral dende Maio a Setembro, procreando dúas xeracións ó ano. Amplamente estendida pola península ibérica, o seu hábitat abrangue o Sur de Europa, norte de África e Oriente próximo.


Ematurga atomaria
Cunha envergadura de entre 24 e 34mm. ésta especie habita unha ampla área que vai dende o Oeste da Peninsula Ibérica (Nós) ata a illa de Sakhalin, pasando por toda Europa e Siberia, así coma nas costas europeas do Mediterráneo e no Mar Negro Turco. Teñen actividade diúrna e voan de Abril a Agosto, en dúas xeracións. Ésas curiosas antenas son potentes receptores que teñen as polillas, e que lle permiten localizar á parexa a moita distancia, e segun recentes estudios tamén lle serven pra se manteren dereitas en voo.


Coneonympha pamphilus
Habita en toda Eurasia e Norte de África, e pódese atopar en múltiples hábitats, con preferencia ás áreas un pouco mais secas que as que teñen outras variedades desta mesma especie. Cecais por iso na Península Ibérica voa de Febreiro a Novembro, namentras que na Gran Bretaña só o fai de Maio a Outubro, onde ven sofrindo unha preocupante baixa poboacional, sendo catalogada como "especie prioritaria" prá súa conservación.


Leptidea sinapis
Presente en altitudes dende o nivel do mar ata os 1500m. principalmente en zonas forestais e prados húmidos. Últimamente foi separada ésta definición da Leptidea realis, así que a partires daí comezan xa as miñas dúbidas, pois as dúas son moi semexantes.


Autographa gamma
De 32 a 42mm de envergadura, na parte anterior presenta unha destacada mácula branca que lembra á letra grega "Gamma", daí o nome outorgado a éste bicho. Seica son coma "todo-terreos" bolboreteiros, pois habitan dende o nivel do mar a 2000 metros, e teñen unha actividade tanto diurna coma ó solpor e aínda nocturna, distribuíndose por toda Europa, onde emigra anualmente dende o Sur ata o resto do continente.


Polyommatus icarus
Tén unha envergadura alar de 28 a 36mm. polo que se pode considerar de tamaño mediano tirando a pequeno, e son bastante polimorfas, esto é, que presentan cores e formas que aínda sendo a mesma especie, varían dunhas a outras. Ésa debe ser a razón pola que creo que xa a metin tres veces nas entradas deste blog pensando que eran distintas. En tódolos casos, moi fermosa con tantas cores, tons, puntiños e trazos.


Pontia daplidice
Os machos son uns 3mm. mais pequenos que as femias, que poden acadar unha envergadura de 42-43mm. Teñen uns tonos verdosos nas ás que dan pé ó nome có que se coñece vulgarmente de "blanqui-verdosa". Escolle zonas soleadas pra vivir, nunha área inmensa que abrangue toda Europa, Asia, e todo o Norte de África, ata Etiopía.


Pironia cecilia
Habita zonas xeralmente secas nunhas altitudes baixas ate os 300m. voando de Xullo a Setembro nunha soa xeración anual. Envergadura de 28-34mm. sendo moi doada de confundir coa P.tithonus, así que xa agardo resignado a estiradura de orellas dos expertos na materia, ós que por ancitipado pido escusas polo atrevemento.


Thymelicus acteon
Ámplamente espallada pola península Ibérica, voa entre Maio e Agosto escollendo zonas secas e soleadas en zonas de gramíneas e de herba. Dado o pequeno tamaño, de 24-28mm pode pasar desapercibida, có que o afeizoado perderase unha boa foto como se pode apreciar. Vive pola Europa central e meridional ate Grecia, e o Norte de África.


Lycaena phlaeas
É comun atopala en Europa, Asia, Norteamérica e o Norte de África, aínda que ésta é a primeira foto que tomei déla, en Maio-2016. Seica son moi territoriales e agresivas na súa defensa, atacando a outros insectos que se internen.


Euphydryas aurinia
Por si aínda non resulta espectacular dabondo néste debut nun post anterior, non me podo resistir a deixar constancia da beleza desta especie, neste caso con estoutra estupenda toma lateral có revés das ás, que a cámara colleu en toda a plenitude por casualidade. Fermosísima bolboreta mírela por onde a mires.



Gillmeria pallidactyla
O mais recente "encontro na terceira fase". Pensando que era unha Traza coas ás xa un pouco "perxudicadas" pola idade, ou ó mellor por unha desenfrenada noite de festa... Pois non, os amables amigos das redes descobríronme outra variedade que descoñecía. Da familia das Pterophoridae, aparentemente non tan fermosas coma os estereotipos que estamos predispostos a aceptar, mais coma tódolos bichiños, temos que trocar de chip e miralas con outros ollos pra atoparlle a fermosura, da que non adolecen.


LINKS A MAIS BOLBORETAS:

Primeira tirada de bolboretas

Mais bolboretas

Bolboretas (III)

Bolboretiñas do fondo do caixón



Podalirio: a Bolboreta tigre


Podalirio:
a bolboreta tigre

Podalirio, Scarce Swallowtail
(Iphiclides podalirius)
Como ten acontecido outras veces, foi éla a que me veu buscar para unha sesión fotográfica, revoando arredor e pousando unha e outra vez nas mesmas plantas arredor duns catro ou cinco metros, polo que non me resultou moi difícil roubarlle o seu mellor perfil.


É unha das bolboretas mais grandes de Europa, podendo acadar unha envergadura de 8cm. sendo curiosamente os machos un pouco mais pequenos que as femias.


Parece que as da Península Ibérica e Norte de África mutaron a uns tons mais claros, dando pe ós investigadores a sopesar si trocar o nome científico das nosas polo de Iphiclides feisthamelli. O que non sei é a razón pola que é alcumada "Chucha leite", pero mentras dou con éla doume a licenza de propoñer outro que ó mellor resulta axeitado, como "Bolboreta tigre", e non creo que sexa preciso explicar a evidencia que argumenta éste atrevemento.
Arriba, en manobra de aterraxe pra muxir.
Debido ó seu grande tamaño, teñen un vóo áxil e poderoso que o pode misturar con longos e vistosísimos planeos nada habituais nas bolboretas, e que nalgunha ocasión xa puden desfrutar. Semellan aboiar no aire, desafiando nuns intres as leises da gravidade.
Os coloridos e rechamantes ocelos da parte posterior das ás teñen unha función defensiva, chamando sobre éles o obxectivo dos ataques dos predadores, que os confundirían cecais cós ollos. Aínda que perderan ésta parte das ás, non suporía un dano fatal para a bolboreta...
Producen dúas xeracións no ano, a primeira durante a Primavera e a outra entre o Verán e o Outono. Logo da cópula ó macho quédanlle catro días de vida, mentras que a femia aínda vai durar tres semanas, con tempo pra face-la posta no envés das follas das mesmas plantas nutricias das que se alimentan.
Gardería con servicio de catering.



Teño lido por aí que a orixe do seu nome común tén o berce na mitoloxía, na que os irmáns Podalirio e Macaón eran dous médicos gregos que terían participado na guerra de Troya. Á nósa bolboreta de hoxe puxéronlle o primeiro, e o nome do segundo irmán foi para aqueloutra bolboreta de grande parecido en cores e tamaño, que tamén podemos atopar con facilidade pola Arousa, e que aínda me ha de dar a oportunidade de adicarlle un vindeiro post neste blog.


Bolboretiñas do fondo do caixón


Bolboretiñas do fondo do caixón


Cuarta entrega de bolboretas, desta vez cunhas poucas que me quedaron esquecidas no queixón dende o vran. As fermosas estampas coas que sempre nos agasallan estes bichiños poden servir nesta ocasión pra darlle un toque alegre ás friaxes e tempos grises que inevitablemente acompañan ó inverno.
(click nas imaxes pra ampliar)


ARGYNNIS PANDORA:
Toda unha descoberta, pois nunca atopara ésta variedade pola Arousa. Aproveiteime do pouco temor que me demostraba e afarteime de facerlle fotos. Éstas dúas son as que mellor reflexan a súa beleza.

Seica teñen debilidade polas Violetas, plantas nas que depositan a posta dos ovos e que lle sirve como planta nutricia ás larvas.Éses tons metálicos que se chegan a apreciar nas fotos son simplemente espectaculares.

LASIOMMATA MEGERA:
En sitios coñécena como "saltacercas".
Paréceme un pouco estrano este alcume, porque as bolboretas saltar, o que se dí saltar, non saltan moito.
Pa mín que é unha das mais habituais pola Arousa.

Por certo, que cós Lepidópteros levo unha boa lideira por ter que corrixir tantos nomes que creía correctos, así que éstes daquí quedan apuntados como discretas "suxerencias", e polo tanto, abertos a discusión...

VANESSA CARDUI:
En bastantes lugares da península chámanlle "Almirante rojo".
Vaia, as da Arousa pode ser que teñan algún título mariñeiro pero as do interior non sei eu... Pra mín, unha das mais vistosas.

Doada de atopar por toda a Illa, tamén é unha especie moi espallada arredor do mundo, sendo Europa, Asia e Norteamérica os continentes nos que habita.

...áparte da Arousa, claro.

PYRONIA TITHONUS:
Aquí achego unha segunda imaxe desta bolboreta que nésta entrada xa fora retratada pola cara superior das ás. 
Seica no Reino Unido danlle o alcume de Gatekeeper, ou "Porteira", mais a mín nunca me pideu a entrada...

PARARGE AEGERIA:
Tamén alcumada como "Bolboreta dos muros", supoño que por ter querencia por éste tipo de construccións. En inglés coñécese como Speckled wood, seguramente porque a súa aparencia e cores lembran bastante ós da madeira, non?

Unha vez esgotáda-las existencias, ímolas deixar descansar un chisco, pois aínda que polo inverno pódense ver aínda bolboretas arredor de un, non é a millor época délas. Mellor agardaremos ó vran pra buscar por aí mais "robados" aproveitando que polo estío andan moito mais despreocupadas da súa privacidade, coma tantos...


LINKS A MAIS BOLBORETAS:

Primeira tirada de bolboretas

Mais bolboretas

Bolboretas (III)

Bolboretiñas do fondo do caixón

Quinta entrega de bolboretas