x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido
Amosando publicacións coa etiqueta insectos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta insectos. Amosar todas as publicacións

A lagoa de Carreirón


A Lagoa de Carreirón


Quenda para o humidal mais grande e mellor conservado da Arousa. Unha lagoa que mellorou considerablemente após a mais recente actuación de hai catro anos, cando a presenza das excavadoras presaxiaba grandes desastres para o fraxilísimo equilibrio dunha zona húmida moi ameazada dende moitas frontes. Unha délas é a xeográfica, cunha intimidante liña de costa que vai subindo imparable debido ó cambio climático e que o podería inundar de auga salgada acaso nalgún forte temporal que rachase a delgada duna que os separa. A outra é a cada ano mais inxente e ameazadora presión humana do Vran, coa conseguinte parte de turismo de cubito e paleta ó cal o último que lle importa é o respeto e sostenibilidade deste tesouro noso.


Unha lagoa que a pesar do estacional e cada vez mais escaso aporte de auga do inverno, que non lle permite rematar o Vran con auga, conserva unha envexable variedade de fauna e flora. Como adoito proclamar, non temos grandes cantidades mais sí un amplo álbume de especies. Neste post so vou incorporar unha pequena representación delas, tentando dar unha imaxe gráfica desa diversidade. Si acaso subirei as mais raras de atopar ou as que a mín me parecen mais vistosas. Todas contribuirán a poñer en valor este espazo tan singular da nosa Illa e da Galiza:




Dos Rascóns dise por aí que é mais doado escoitalos que velos, có cal estou dacordo. Si lle coñeces o chío avísanche da súa presenza dende algún lugar do humidal. Mais outra cousa ben distinta é chegar a ollalos, pois as súas aparicións son moi escollidas, e case sempre buscando a discreción das sombras, o que non che deixa moitas opcións pra chegar a desfrutar da observación con detalle.
Pois ben, si avistar un Rascón adulto é toda unha sorte, xa non digo ver dous, ou coma neste caso, ata tres, aínda que un déles fuxeu do plano no último momento. Seica dixo que tiña que rematar unhas xestións pendentes...
E como récord final, abeirar o insólito é acadar o retrato dun pitiño de Rascón, feito que, dentro dos meus posibles, debo calificar coma unha verdadeira "delicatessen" fotográfica. E con dupla satisfacción, comprobar que os nosos exemplares son residentes que crían á sua descendencia por eiquí, sen necesidade de migraren para tal menester.

RASCÓN MENINO (Dores Lobato)
Fuxín do colo da minha nai
coa ansia leda de ver o mundo...
E a uma foto fun a parar.
Pra uma vez que boto o pé fora
son apanhado por papparaccis
que se camuflan pola lagoa.
Tan elegante, todo de negro,
velaquí tou, apresentadinho,
neste tesouro que é Carreirón.
Tede respeito pola Natura,
fachendeade polo que somos:
afortunados polas misturas.


As Galiñolas negras que veñen pasar o inverno con nós, non che teñen seriedade ningunha ;-) pois aínda que este ano deixouse ver algún exemplar, foron catro tempadas as que pasamos en branco, dándonos pé a temer que xa non ían voltar por eiquí. A pesar das sobrias cores, é fascinante podelas contemplar.


E falando de galiñas, moito mais cromática é a Galiña de auga, na que destaca o seu magnífico peteiro que loce orgullosa, e que, coqueta éla, leva a xogo cunhas non menos repoludas "patorras" das que nesta imaxe só nos deixa adiviñar as suntuosas cores baixo a auga. Por certo, éstas sí que están empadroadas na Arousa, pois teño pra mín que fican e crían por eiquí todo o ano, aínda que nunca me cadrou ningún avistamento dos pitiños.


Un dos sons que é mais doado escoitar na Lagoa, é o escandaloso balbordo dos chíos cós que os Mergullóns pequenos inundan tudo o entorno do humidal, estrépito que liberan ó ar a canda unha boa manchea de hormonas, pois cando mais se esforzan adoita ser nesa época na que andan moi ocupados a facer as beiras con vistas á nova fornada...
Tamén crían aquí, como atestigua éste minúsculo pitiño que, aínda que na foto semella grande, non sei si pasaría dos 5cm. e que por casualidade se me puxo a tiro por primeira e única vez ate o dagora.



Aínda que cada ano se deixa ver, e sobre todo escoitar pola lagoa algún exemplar, bén sexa polo chío ou bén cando o sintes o seu chumpo na auga pra pescar, o Picapeixe é, porén, un dos que mais difícil che poñen o retrato.
Éstas foron as mellores "poses" que nos quixeron conceder, pois case sempre os vexo de costas, o que quere dicir que, coma sempre xa me avistaron éles antes ca mín, e xa fuxen do retratista repunantiño. Resulta moi aquelado que a pesar das súas cores tan rechamantes e vistosas, camúflase perfeitamente entre os xuncos e a herba alta da lagoa...

PAXARO AZUL - GUARDA RIOS
Pasou por onda mín a frecha azul
pescador implacábel
beleza irresistibel
un ser Azul-Arousa na Arousa azul
Olhou pra min inquedo e espectante
"sairei bem no retrato?"
Non pode ser noutrora, é agora!
enleoume nesta prenda, é o meu auto-regalo
Deume o seu mellor ar, o ar azulado.
Chegou có vento de novas mareas, e eu, sen presa,
namoreime na maxia da illa azul,
da beleza deste ser máxico.
(Obrigado, Dores Lobato)


Tamén é doado escoitar polo humidal o seu singular chío, algo así coma "rrrrrrrrrr" ;-) das Avenoiteiras, mais outra cousa bén diferente é atopar unha a plena luz do día e ser quén de te achegar a só un par de metros déla. Eiquí fica a procelosa historia de tan insólito encontro "na terceira fase"...


Éste é un dos mais recentes veciños da lagoa. Os Bicos de coral son unha especie exótica moi ben adaptada eiquí, onde xa forman unha ruidosa colonia. Porén, non están calificados coma "especie invasora", pois non compiten nin desprazan ás especies granívoras autóctonas. Nesta entrada do "bug-blog" locen mais.


O da foto foi o primeiro Esgonzo que avistamos no humidal da lagoa, aínda que xa o temos visto noutros lugares de Carreirón. Avistamentos que son cértamente complicados, apenas intuitivos, pois escúrrense entre a herba mais axiña que o tempo que tén o ollo de reaccionar, que xa é dicir. Ésta imaxe foi do primeiro encontro, que contamos nestra entrada anterior.


A Estroza, ou Raniña de Santo Antón é un dos mais entrañables bichiños que temos a sorte de contemplar na Arousa, e que teñen a súa residencia por todo Carreirón, nomeadamente no humidal da lagoa, onde a pesares de seren unha das especies de anfibios que noutros lugares da Galiza e da península fican moi ameazadas, por aquí aínda non resulta moi complicado atopalas. Agardemos que por moitos anos.




Vaia, que ó día de hoxe a Lagoa de Carreirón goza dunha aceitable saúde, a pesar da continua sementeira de residuos que con orixe en cada asentamento humán arredor de toda a Ría, aterran por cada currucho do parque guiadas por según qué azarosos ventos e correntes, e sobre todo a pesar da inxente presión humán que durante o estío teñen que soportar os bichiños, que precisan do espacio todo o ano. Eu coma éles non gosto déses danos colaterais que nos deixan os "continentais", aínda que supoño que xa estou afeito.

Afeito, mais vixiante...




O mundo nunha flor


O mundo nunha flor

Nestes derradeiros findes da xa agónica Primavera descobrimos todo un mundo de bichiños, coas súas vidas e dramáticas "relacións sociais" de dispar afectividade, inevitabeis onde se xuntan mais de dous. E todo na íntima profundidade dunha flor cuxo cáliz exerce tanto de bañeira onde se emboldrear de polen, coma de esconderixo no que montar o "hide" pra emboscar a unha confiada presa, un romántico curruncho onde proporse pra facer as beiras a unha turista ou, nos casos mais desesperados, directamente asaltar a unha descoidada amante, que acaso vai alí buscando o mesmo nesta testosterónica estación. E si non, alomenos roubarlle a carteira...

.

.

.

.

.

.


Un corto pero descriptivo álbume de lindos e miudiños bichiños, na maior parte anónimos pra mín, e ós que tampouco lles esixo identificación. Escollo por esta vez o único agasallo da beleza que me espetan nas espontáneas imaxes que sempre lles roubo sen consentimento, e sen tratar de dereitos de imaxe...


Un mundo que nos suxire relativizar a etérea noción do tempo, o tamaño das cousas, a efémera existencia, repetindo no eterno bucle branco e amarelo de dous centímetros cadrados a teimuda continuidade da vida. A fera crueldade da loita pola supervivencia, as gallardas formas e cores,  a milagre da natureza. 

Vaia... todo un mundo nunha flor.

...na mesma flor.

No país das miudanzas existen moitos camiños, xeitos, modos, cores, odios, amores, fames, cariños. Na terra da bicharada todo o rixe o instinto: se non das, és tí que levas, se non comes, és comido. No mundo das luzes puras importa cada ser vivo por formar parte real da nai Natura e os seus ciclos.

Moi obrigado a Dores Lobato por éstes feiticeiros versos, un perfeito xeito de fermosura có que poñer epílogo a ésta nova historia que nos veñen de contar os nosos bichiños de Carreirón.


Un inverno moi "cativo"


Un Inverno moi "cativo"

     Hai uns días transitou por moitos perfiles das redes sociais aquela foto tan coñecida da nosa Illa coa nevada do 17 de xaneiro do 87, o que aproveitaron algúns pra lembrar as sensacións desfrutadas en primeira persoa naquel extraordinario evento. Eu penso que o feito de desempolvar daquel lonxano episodio invernal poido ser froito de que éste ano botemos en falla as normais condicións de friaxe, vento e choiva coas que irrecurriblemente nos debería sentenciar a despiadada estación que chega acanda o solsticio pra arrincar a derradeira folla do almanaque. Ou alomenos así adoitaba acontecer ate o dagora.


Estreliña riscada (Regulus ignicapillus)
Porén, a climatoloxía deste ano estase revelando insólita, cós derradeiros días do ano erguéndonos da cama a 12º-15ºC, que certamente resultan mais acaídas no vran, mentres os meteorólogos da tele mándannos deitar en quente con aburridas e desidratadas isobaras, que xeran un acartonado clima que nestes derradeiros días do ano non sexa doado apagar unha extravagante xeira de lumes forestais no Cantábrico, "festa" coa que por aquelas latitudes semellan querer algúns despedir o ano.

Carriza dos xuncos (Cisticola juncidis)
Disque nos toca aturar os aleatorios propósitos daquel cativo ó que chaman "El Niño", un rapaz que seica éste ano chega moito mais arrebatado que nunca, polo que a casual calma de hoxe pódese tornar mañán en calamitosos temporais. Como pra se botar a rir do tan traído e levado Cambio climático...

Ferreiriño abelleiro (Parus major)
Mais como dicía o poeta, "yo he venido aquí a hablar de mi libro", así que polo que respeita ós nosos bichiños, tamén hai algunhas anotacións dignas de mencionar. Por Carreirón os paxariños cantan e voan prematuramente ledos coa mesma alegría coa que cada Primavera axudan a nos poñer en orde as Chakras. Neste mes do Nadal, cando moitas especies fan as maletas pra vir pasaren o inverno con nós, normalmente pódese desfrutar dunha abondosa variedade de paxariños, mais éste ano semellan andar atolaxados, despregando un mesto e apaixoado frenesí ó cal non adoita convidar a seriedade do clima invernal.



Tamén se poden ver a cotío parexas de bolboretas facéndose as beiras a garabatear unha con outra no ár, manténdose aínda rufas e con brilantes cores, a diferenza do habitual nesta época, de pálidas cores e avellentadas coas ás comestas pola voraz gula da idade, que llas consume na vellez, coma as aínda ben vistosas pás désta Vanessa atalanta, que loce ás súas mellores galas coma si estivesemos no medio do vran.



Porén, o que podo acreditar como un suceso fora do común, é bater cunha monstruosa Vespa velutina (a famosa asiática) vagueando polo alfombrado chan de jaspallada de Carreirón en confusa actitude, bandeando e tremendo insegura coma sen forzas. De inmediato a mirada ascendeu prás copas dos pinos, na procura do niño que por fortuna non apareceu. Polo volume dos cadriles do bicho que bén chegaba ós 4cm. podería ser unha raíña buscando sitio pra fundar unha nova colonia, despois do arraso que sofriron na que había nas Aceñas. Logo de pedirlle os permisos de obra o encontro rematou sen acordo en algo mais que palabras, así que alomenos ésta xa non vai fundar nada...


Mais difícil é "desencriptar" do caótico puzzle de lixos da superficie do chán a outros insectos moito mais miudiños, coma ésta fermosa Cicindela, a cal se ben nesta foto pódese desfrutar comodamente da súa beleza, pra mín é unha casualidade encetala. Por certo, vaille ter que pasa-lo ferro a ése anaco de á que quedou de fóra.


E pra rematar con esta pequena escolma de insectos subo aquí a ésta Chinche que me chamou a atención tamén polo tamaño, pois pareceume relativamente grande (uns 2 cm.) áparte da innegable beleza das tatuaxes que carrexa nun discreto lombo, só en tonos marróns... Pois descubro que resulta que é outra especie invasora, de nome Chinche americana dos pinos que seica non leva moito tempo con nós, e descoñécese ata que punto pode ser dañina. Xa veremos se non lle hai que executar un desafiuzamento express.


Éstas fotos serven tamén pra axudar a asimilar ése tan traído e levado Cambio climático que ven acanda o "rapaz" de antes. A finais do vran, que é a época, non se pudo colleitar nin a primeira amora en Carreirón debido á sequía deses meses. Incríblemente, có aninovo atopamos éste tenro acio con follas cheas de colorido e intenso verdor, colmado de flores e brotes de Amoriñas enchendo candanseu capulliño pulando xa por saír.



E uns metros mais pra diante, mesmo enriba da mallante arrente doutras especies de vexetación intermareal, varias colonias de Chuchameles espalladas tal coma se estuvesemos dando un paseíño pola beira da praia ó calor do vran.


Mesmo abraiante é ver florecer os Toxos en Xaneiro, coma nesta foto de finais dése mes do 2016. Teremos que adiantar as celebracións dos Maios da Primavera pró medio do inverno?
Son pequenos detalles que nos chaman a atención, poñéndonos sobre aviso de que algo grave estáse a cocer no clima, aínda que algunhas cabesas-juecas nono queiran acreditar. Por sorte cada vez son menos.

Vaia, que tiña pensado subir algunhas fotos mais, pero así como me temía que o jorado inverno có que iniciei o post non iba a traer cousa boa, así foi, e prós días do Patrón xa levamos unha semana solapando un temporal por riba doutro sen albisca-lo derradeiro, así que recollo polo momento a pasarela das miñas vedettes mentres preparo o seguinte desfile có permiso da autoridade competente e se o tempo o permite...


Dúas arañas: Cruz e Raia


Dúas arañas:
Crus e Raia


Nestes primeiros días do Outono comezamos a ver as primeiras arañas, alomenos as que fan a rede por riba do chan. Pola Arousa hai mais especies, pero de momento imos subir só dúas, unha é moi común e a outra érame descoñecida ata que a atopei por primeira vez por Carreirón. Ámbalas dúas deixáronnos fermosas imaxes, tanto da súa intimidante figura, coma da propia actividade depredadora, pois tuvemo-la sorte de grabar o ataque a dous probes hóspedes que lle foron petar á porta cando pasabamos por alí...

Araneus diadematus:

Mais coñecida como Araña de xardín ou Araña de cruz, é a mais habitual en xardíns e bosques da Arousa e de toda Galiza.


Cando entran en actividade, é imposible dar unha volta polo monte sen cruzar con algunha arañeira pendurada no medio dos camiños, pois éses corredores que forman os estreitos sendeiros é por onde se moven os insectos voadores con mais facilidade, e resulta tamén mais doado atrapalos.
O veleno que segregan só lles serve pra inmovilizar ás súas pequenas presas, sendo totalmente inofensivo pró ser humán. Todo mais, aínda que chegase a trabar, todo se solucionaría cunha pequena bochiña, coma a da picada dun mosquito.
Nesta foto aprécianse os dous quelíceros ou colmillos, e enriba deles eu conto seis ollos.
Seica polas noites comen a súa propia rede como "entrante" ó prato principal das presas cazadas, comezando á mañan seguinte a construción dunha nova.


Foi unha sorte poder grabar en vídeo, e ademais por dúas veces, o proceso de captura e embalaxe das vítimas. No primeiro caso foi un Cabaliño do Demo, e no segundo unha variedade de mosca que non idenfiquei, pero que fixo un paquete moi estético.
Sobre todo nése último caso é onde se pode observar con mais detalle a habilidade coa que envolve á presa aínda viva, deixándoa inmovilizada pra papala con tranquilidade mais adiante, acompañándoa cuns vasiños mentras disfruta do Celta-Dépor televisado...
Nesta foto aparece o que creo que é o saco cós ovos da posta, que poden chegar a varios centos. O que non sei é que fai aí ése pequeno exemplar de "Agalenatea redii". Xa lle preguntarei...

Argiope bruennichi:

Nona coñecía, e descobrina por primeira vez moi recentemente. Non sei si é característico da especie, á rede constrúena a escasos centímetros do chán, nunca mais de medio metro.


Existen tres ou catro variedades moi semexantes, comúnmente chámaselle cunha chea de nomes, como Araña tigre, Araña cebra, Araña vespa...
Tamén lle chaman Araña cesteira, acaso por ése zig-zag que sempre fan na tea, coma nesta imaxe, que trae de cú ós expertos pois descoñecen a función deste característico e único xeito de texer na rede. O macho é moito mais pequeno que a femia, que por certo ten bastante mala leche, así que o pretendente agarda con pacencia a que a femia remate a muda, intre no que os "quelíceros" (os seus temibles dentes) abrándanselle, podéndoa fecundar así sen perigo prá súa integridade física.
Si acaso o macho non tén a espabilasión de fuxir a tempo, a femia acaba con él. Porén, éste tuvo a precaución antes de finar de desprenderse do seu órgano sexual, deixándoo dentro da femia, asegurando a fecundación.
Amigo!, e parecía parvo...

Os machos adoitan saír un pouco "perxudicados" dos asuntos de namorar, deixando algunha parte de sí no intento, coma éste da esquerda, que me dixo que xa viña do ambulatorio de mirar por unhas muletas, por motivos obvios. Disque a femia tiña moita fame ése día...
Un mes despois deste pasional frenesí a femia fabrica un saco onde fai a posta dos ovos, que nacerán na primavera seguinte. Aquí collémola na faena da posta, así que como xa temos localizado o "niño", controlarémolo ata daquela a ver o que sae daí...


En Novembro aínda resta moito tempo ata a primavera, así que non sei que andaría a facer ésta pequena "Pisaura mirabilis" circunnavegando o saco da posta que andamos a vixiar, cecais procurando algunha oportunidade pra se introducir nel e desabaratarlle a descendencia a aquela, feito do que non se vai a enterar, pois xa hai un par de meses que nona vemos polo rueiro.

Agardaremos a ver que acontece...


Bolboretas (III)


Bolboretas (III)

CIMBALOPHORA
PUDICA: Atopámola por casualidade aboiando na auga da lagoa mentras andabamos na procura da imaxe dalgunha ave. Non debía levar moito tempo defunta, pois aínda conservaba moi ben as cores das ás e tamén do abdome. Foi outra das surpresas coas que de vez en cando nos agasalla Carreirón, que ademais foime moi difícil de identificar pois nas procuras pola rede non aparecían imaxes, ata que por fin apareceu cando xa case desbotara a posibilidade de poñerlle nome...

A mín paréceme que é unha femia pola cor rosada e as manchas das ás posteriores, pois no macho son brancas sen esas manchas. Pertencen á familia das Arctiidae, son nocturnas e distribúense polo sur de Europa occidental e norte de áfrica.
(click nas fotos pra ampliar)


Tamén foi cousa de bastante sorte poder pillar a éstas dúas, que si non erro moito deben ser dous exemplares de LEPTOTES PIRITHOUS en pleno frenesí reproductivo, actividade que non é doado ter a oportunidade de observar, a non ser que teñas ós bichiños amaestrados, como os teño eu... E qué hai desa fosforescencia que emiten xusto por onde están "enganchados"?        ;-)

Estas outras dúas fotos que poño enriba e embaixo, son de un exemplar que aínda non observara, e pensei que estaba ante outra especie, mais ó final resulta que pode ser unha femia da mesma especie de arriba, vista pola cara superior das ás, aínda que outras opinións póñenlle outro nome: Polyommatus icarus. Máis complicado do que pensaba...
O macho, que non se queda atrás en espectacularidade, e o que teño visto con moita mais frecuencia, subido noutro post. Pódelo ver premendo neste link .
A verdade é que son bastante distintos un do outro...



PIERIS RAPAE
Creo que é unha das mais sinxelas de atopar pola Arousa, e gañan moito cando se desfrutan en primeiros planos coma os que subín aquí, pois cando as vemos a simple vista non chaman en exceso a atención, debido á austeridade das cores e rácanas formas coas que debuxan as ás, brancas con algúns tons amarelos, e eses sinxelos adornos escuros pra romper tanta monotonía albina.

Porén, como veño de dicir, ó achegarte un pouquiño mais observanse unhas iridiscencias que a fan moito mais atractiva á vista.

O asunto é que en vivo non é nada doado achegarse a elas dabondo como pra apreciar eses detalles, polo que témoslle que agradecer á fotografía a posibilidade que che ofrece de facer un recurte dunha boa foto, descobrindo cualidades que nun principio quedaban agochadas, e que penso que teñen as dúas que poño aquí, modestia aparte.




LINKS A MAIS BOLBORETAS:

Primeira tirada de bolboretas

Mais bolboretas

Bolboretas (III)

Bolboretiñas do fondo do caixón

Quinta entrega de bolboretas