x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido
Amosando publicacións coa etiqueta limícolas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta limícolas. Amosar todas as publicacións

Pilros Bulebule ó Carreirón10k


Pilros Bulebule
ó Carreirón 10k


Derradeiros días de Maio, que esgotan a permanencia na nosa contorna dos Pilros tridáctilos - Correlimos tridáctilos - Sanderling (Calidris alba). Técnicamente pódese dicir que é o mes no que lles toca abandoarnos pra migraren cara a latitudes moito mais frescas ó Norte, fuxindo da sufocante ardentía do estío, e de paso criar unha nova camada de Pilriños pró ano que vén.





Eu gosto mais chamalos "Pilros bulebule" o seu nome mais enxebre, que non lles foi outorgado por casualidade a tenor da performance deportiva deste post, e que penso define moito mellor as "cualidades atléticas" das que fan alarde, según deixan acreditado no simpático video dembaixo.


traxe de faena 
invernal
Cada vez que o retratista repunantiño se achegaba de mais, entón sí que emprendían un curto vóo de só uns metros, pra reiterar unha  vez mais ése ritual. Coido que tentaban o último acopio de enerxías antes de emprender o longuísimo camiño de retorno ós chalets de veraneo e de cría que teñen na Tundra das rexións Árticas, viaxe para o cal, como se aprecia nas fotos, os machos espiron o austero e grisáceo traxe de faena do inverno pra se mudar ás mais vistosas galas do seu particular fondo de armario, coas que face-las beiras ás mozas en condicións ótimas cando cheguen ó destino. 

traxe de gala pra viaxar
e outros menesteres...
Por certo que éste tipo de "quedadas" previas á partida migratoria xa as teño acreditado cós Mazaricos rubios nesta mesma praia de Xastelas. Debe ser algunha caste de expendeduría de billetes pra viaxes de longo percorrido ;-)
Dicir tamén que da simpatía desta miuda ave limícola naceu a inspiración pró afamado filme do 2016 "Piper" preto dos estudios que a productora de animación Pixar tén en Emeryville (California), cando un dos seus mais recoñecidos productores entusiasmou coas paveras manobras dos Bulebules dalí, mentres mariscaban bivalvos na seca, para o que debían sortear a intermitente acometida das ondas na mallante con carreiriñas similares ás que talmente me inspiraron eiquí para a confección deste post.


Neste video quixéronnos facer unha entrañabel demostración dunha carreira de velocidade polo areal de Xastelas, con anónimo vencedor. Sempre xuntándose na beira da mallante, pra iniciar en escasos intres unha galopada cara ó lombo da praia, onde se concentran as algas depositadas polas mareas e preñadas de pulgas de mar, que xunto a algúns bivalvos constitúen a práctica totalidade dos pratos do seu menú.

Eis o recurrido video que foi quén de sacar un sorriso do retratista repunantiño. Ou dous...

Anima-diños


Anima-diños



Como se fose un pase en Sesión Contínua, nesta entrada imos colgar unha escolla das gravacións logradas nos que sempre son afortunados encontros cós Bichiños de Carreirón, as cales, logo de pasaren o criba das inflexibles críticas das redes sociais, resultaron nominadas pra éste enxebre certame cinematográfico. 

Cértamente estes videos non pasarán ós anais dos documentais pola súa calidade, pois responden a tropezos casuais cunha fauna que sempre me surprende sen tempo de porfía, si ben no meu descargo hei de alegar que sempre procurei respeitar a imaxe mediática dos artistas. Polo tanto creo precisa certa indulxencia no implacable xuizo que dea a reverenciada audiencia deste Blog, que agardo indulte as tremendas carencias das gravacións, que nalgúns casos aquelei botándolle un pouco de humor. Defeitos que, por outra banda, evidencian a improvisación das tomas, transmitindo así o frescor e a emoción do momento

Pois logo, como dicía aquel, imos botar man da "maldita hemeroteca"  pra lle sacar as cores ós atrevidos bichiños que valentemente se chantaron diante do obxectivo deste repunante retratista, agasallándonos con éstas glamurosas intrepretacións:





O descobremento dun niño de Cobra sapeira con catro ou cinco crías que non terían nin dous días de vida. O seguinte finde volvemos por alí e xa medraran o triple, rematando os estudos superiores, e emáncipándose do núcleo familiar, deixando un completo roupeiro cheo de mudas.



É a primeira vez que podo grabar a un Peto verde alimentándose. Aínda que quedei discretamente a bastante distancia, non son parvos, e sí que me veu. Foi moi estrano que non fuxira, seguramente disfrutaba dunha boa comedela de formigas, que é o que xeralmente procuran peteirando nas dunas de Carreirón, onde hai moitos formigueiros. Outro momentazo...



Un admirable momentazo que non desaproveitei, cando ése grupo de Cullereiros, enfaenados e preocupados como estaban en encher o bandullo, concedéronme unha boa aproximación pra facer a toma désta memorable actuación.



Unha selección de boas imaxes de varias Estrozas, unhas raniñas encantadoras e dunha fotoxenia sin par.



Éstas foron as mellores imaxes en movemento acadadas ate o de agora da manda de Arroases que día tras día percorren a nosa Ría. Aínda estou gardando o alento pra non prexudicar as magníficas escenas.



Habilidades marisqueiras dun Mazarico rubio que no curto espacio de minuto e pico foi quén de arrincar da entranas da praia dúas boas miñocas, a última délas dun considerable tamaño, que seguro lle prestaron dabondo no seu valeiro bandullo. Todo o evento foi, como se pode comprobar, vixiado por uha Gabota patiamarela que, coma un Xuiz de silla dun partido de tenis, controlaba arrente dél dende a súa "atalaia" as evolucións do artista desta seman.



Un pavero grupo de Pardaliños que, dun xeito moi simpático andan a peteirar os restos que poden atopar polas gavias das tellas.



Aínda non fún quén de coller a xeito unha imaxe como eu quixera dun Verderol. Porén, aquí plantóuseme diante do coche pra se asear debidamente pola mañán nunha poza no medio e medio do camiño, o que non desaproveitei pra inmortalizar esta cinematográfica escena clásica de ducha.



Os Patos Culleretes son unhas anátidas cun peteiro desproporcionado que locen con orgullo. A mín ése magnífico apéndice lémbrame a Cyrano de Bergerac. Na Arousa só se poden ver na Poza de Espiñeiro, agardemos que por moitos anos, porque a súa presencia mais ben semella intermitente.



Toda a comunidade de Pardaliños do rueiro se citaron nunha poza formada coas que semellan ser xa a finais de Abril, as derradeiras choivas mais ou menos serias do inverno. Así que aínda non sei moi bén si se estaban aseando, ou facendo as beiras "one each other" que por alfo xa chegou a Primavera e haise que poñer á faena...



Aquí pillámoslle o rechouchío a éste macho de Escribenta facendo alarde das súas dotes cantoras en plena época de efervescencia reproductora. Abofé que estaba falador...



Menos mal que pasaba eu pra sacalo dalí, que si non, non sei que sería dél. Díxenlle que tuvera mais coidado, porque correu moito perigo, ó que me respondeu que viña un pouco "colocado" despois dunha noite loca de fiestuqui desfrutando de tanta auga que caeu onte, e como están en época de reproducción, xa se sabe... Son as hormonas, estúpido! :D



Con todos vostedes, o repoludo Lagarto Arnau e a glamurosa Lagartixa de Bocage, acabadiños de aterrar a Carreirón, para a presentación da inminente estrea nas carteleiras do mundo mundial dun novo "remake", de... "Os findes ó Sol"



Un violento suceso aconteceu días atrás a horas intempestivas nun bar da Poza de Espiñeiro na Illa de Arousa: Andaban dous Mergullóns cós ánimos moi alporizados, con moita violencia física e verbal por un perigoso asunto de ciumes. Aquí deixo constancia mediática do incidente, permitíndome a licenza de subtitular a escena pra mellor contextualizala e facilitar a comprensión do espeluznante acontecemento. O suceso foi denunciado ante a autoridá competente polo taberneiro, que tamén estivo a piques de papalas como queda demostrado no vídeo, instruíndo aquéla o correspondente parte de danos, inxurias e ameazas... ;) Son as hormonas, estúpido! :D




Cando a nosa productora "Bichiños Productions Corporation " volva a producir novas pelis con mais "saídas de tono" destas estrelas mediáticas, iremos enchendo este sitio có correspondente material audiovisual, onde os amigos das cousas do retratista de bichos de Carreirón poderán facer os pases que queiran có mesmo abono da entrada inicial.

Eso sí, sen dereito a palomitas.


Nómadas do inverno


Nómadas do Inverno

Nesta entrada tentarei facer unha dilixente laboura notarial aproveitando os roteiros que teño a sorte de poder fruir por Carreirón os findes, e facer cronolóxico inventario dalgunhas das aves invernantes da presente tempada entre solsticios, que unhas veces veñen pra residir eiquí nos meses mais duros do ano, e outras só pra facer unha provisional escala collendo folgos de camiño a outros lares mais ou menos lonxanos nos que manteñen un fogar agardando por éles cada ano. Entre éstes efémeros visitadores en roteiro migratorio, demos avistado algunhas especies pouco pródigas pola nosa Illa, que a sorte nos puxo "a tiro" fotográfico, como se deixa acreditado deseguido.


Gabita - Ostrero euroasiático - 
Eurasian oystercatcher 
(Haematopus ostralegus)

Foi unha das primeiras e mais amplas bandadas que fixeron o debut na estrea Outonal do noso escenario insular. De primeiras anduveron ás voltas durante varias semans polo Esteiro de Carreirón, e tamén polo Sur da Ría.
Porén, dende o fin do mes de Novembro xa case non se albiscan pola zona. Só nalgúns cóns de fóra, ó Sur de Carreirón pódense ver algúnhas cuadrillas con frecuencia. Daquela estaríanse a xuntar pra "coordenar axendas" pra aniñar. Hai un par de anos tropezamos con varios poliños que se refuxiaban nos sacos de area da base do parapeto de protección do Dolmen do Areoso, onde criaron, manténdose a nai revoando nerviosa arredor.




Bilurico Bailón - Andarríos chico -Common sandpiper 
(Actitus hypoleucos)

Tamén chamado Bilurico das rochas, eu gosto mais da festiva denominación, que coido define moi bén o comportamento desta miudiña limícola, de discreta figura.
Nada gregarios, case sempre se miran solitarios, todo mais ás veces en parexa, brincando da mallante prós cóns, ou correndo ó longo das ondas así como morren na praia, supoño que porque nese bater deixarán ó descuberto algúns invertebrados das algas dos que se alimentan.
E sempre adornándose cós seus simpáticos "tics" baixando e subindo cabeza e corpo, de cuxo "baile" é de supor que nacerá o expresivo apelido có que foi bautizado. Por certo que se fan moi reos ós meus inocentes achegamentos pra retratalos.



Garza real - Grey heron 
(Ardea cinerea)

Após todo o vran no que só se puderon ver escasos exemplares (acaso xa residentes), coa chegada do outono vanse formando grupos bastante numerosos de entre trinta e cuarenta individuos pescando espallados por todo o Esteiro de Carreirón, que é por onde adoitan xuntarse nesta parte da Ría. Este grupo que retratei eiquí lembroume a distribucion dos xogadores nunha cancha deportiva, ó mellor estaban a xogar un partido de fútbol de máxima rivalidade, e aínda que non vín o balón por ningún lado, non puden resistirme a documentar o evento.


Pildora cincenta - Chorlito gris -
Grey plover 
( Pluvialis squatarola)

Dende finais de novembro é un espectáculo a gran variedade de limícolas a mariscar á seca da praia de Xastelas,  coma nesta imaxe. Ése día en concreto as Píldoras cincentas eran claramente maioría.  E veña daquí pra alá por toda a praia -e mira que é grande- pois a canto te achegas un pouco, dan o salto pró outro lado. Tamén son moi doados de ver no Esteiro de Carreirón, arrente da beira do mar, descansando nos Cóns de fóra, a salvo de malévolas intencións. 


Pilro común - Correlimos común - Dunlín 
(Calidris alpina)

Tiña dúbidas da súa identidade, por seren moi confundibles có P. ferruxento, aínda que éstes últimos son mais difíciles de atopar por aquí. Un déles está marcado cun anel, que nos dá información sobre o bicho como por exemplo que xa se levan 4 anos seguíndoo e anotando "escalas" en Rouxique, na Arnosa, na Fianteira, etc., no Complexo intermareal Umia-Grove.
Moi obrigado ó Grupo de anelamento Anduriña pola información, e pola oportunidade que me dan de axudar ó seguimento destas belezas. Escolleron esa caste de grada que lle brindaba un Cón en Punta Carreirón seguramente pra descansar e tomar unhas birras ollando así tan escalonadiños todos na mesma direución, como se asistisen a un espectáculo, cando o espectáculo eran éles, alomenos sen dúbida pra mín. Reunidos nun compacto acio, en canto a embestida dunha onda os obrigou a brincar no aire, emprenderon novamente o vóo na procura do seu destino cara ó Sur.


Bilurico común - Archibebe común -
Common redshank 
(Tringa totanus)

Teño pra mín que éste ano non foron dos mais puntuais, pois por eiquí comezaron a asomar o peteiro dende os derradeiros días de novembro.
Teñen querencia polo esteiro das Aceñas, onde mariscan a canda os Biluricos claros, e as Garzas reais.
É un bilurico de tamaño medio, pra mín probablemente o mais vistoso déles, có lucido e intenso bermello có que visten o peteiro e as patas. Porén, non son dos que ofrecen mais confianza ás visitas, así que terei que invitar a algúns cafeses pra que me deixen achegar un pouquiño mais.


Falcón peregrino - Peregrine falcon 
(Falco peregrinus)

Un exemplar xuvenil de tan fermosa e espectacular ave rapaz, a cal nunca pensei atopar pola Arousa, pois moi raramente atravesa por eiquí, sempre en paso migratorio. Apareceu no medio dunha espesa néboa, e xa me pareceu raro ése debuxo e cores do peito nada familiares, ó que tampouco axudou o lugar onde ficaba pousado, un Cón á beira da praia da Portiña do revello que ó primeiro levoume a pensar que era algunha gabota, identidade que con grande asombro negou a edición fotográfica. Pouco tempo nos dou o bicho pois botou a voar cando iniciabamos os primeiros pasos da aproximación. A ver si hai mais sorte nos días que queira botar con nós, e nos concede unha entrevista, aínda que sexa curta e sen intérprete.


Bilurico claro - Archibebe claro -Greenshank 
(Tringa nebularia)

Adoito atopalos en faenas mariscadoras a canda ós B. comúns, e igoal que fan éstes, son moi doados de ver pola zona Oeste de Carreirón, e na súa época, tamén pola praia de Espiñeiro.
Eis a boa harmonía que cultivan éstas dúas aves, que velas aí van ó par mentras cachean polas miñocas que van partillar coma bós veciños. Seguramente haberá pra todos porque tampouco os vin rifar nunca cós do Control da peneira pola "tasa" nin polo tamaño das capturas.


Mazarico real - Zarapito real - 
Eurasian Curlew
(Numenius arquata)

Outra especie que, alomenos na Arousa non é moi habitual. Porén, este ano xa os teño avistado dende o mes do Nadal nunha bandada que adoita pousar polo Sur de Carreirón, mais ate este finde non fun quén de reflexar a éstes fuxe-fuxe peteiros corvos no espello da miña cámara.
Son fácilmente confundibles cós Mazaricos chiadores desta entrada anterior, aínda que cando botan a voar son delatados tanto a envergadura como polo longuísimo peteiro característico.
A foto da bandada é pola Punta Xastelas, e a dos dous exemplares foi na Praia dos Petóns, onda Punta Carreirón.


Pato cullerete - Cuchara común -
Northern shoveler
(Anas clipeata)

Habituais no espazo inter mareal Umia - Grove, éste é o primeiro ano que consigo avistar ésta bonita anátida, polo que tentar retratala pra subila aquí non foi mais que outro acto reflexo. 
A localización non foi en Carreirón senon na Poza de Espiñeiro, onde os vexo dende finais de Xaneiro. Con ese asombroso peteiro, no que ten o berce o nome do bicho, ás veces ata me parece un artificial implante coma si lle puxeran unha especie de careta ó animal, aínda que, en calquera caso precisamente polo inusual tamén me parece un fermosísimo complemento á beleza de cores que, como tantos anátidos luce éste patiño.


Mapa dos avistamentos
desta entrada:

         foto aérea de Manuel Beloso

Mazarico chiador, un tipo revirado


Mazarico chiador,
un tipo revirado


Nestas alturas da Primavera, a piques de entrar no vran, non agardaba pra nada ter a oportunidade de roubarlle o seu mellor perfil a unhas aves que me levan esquivando todo o inverno e que agora mesmo deberían estar a miles de kilómetros daquí:
(Click nas fotos para ampliar)

Mazarico chiador - Zarapito trinador - Whimbrel
(Numenius phaeopus)

Cértamente, os Mazaricos son aves invernantes que na Galiza están catalogadas como "de paso" localizándose por todo o litoral. O primeiro deles saltoume diante dos ollos de costas, pois como adoita acontecer, para cando eu chegaba, xa él iba de volta...
O seu orixinal peteiro débese, como tódalas aves, ás preferencias e hábitos alimenticios. Éstes aliméntanse de invertebrados, ós que pillan pola retagarda dando un rodeo có revirado apéndice.
Entre as limícolas invernantes da nosa contorna, creo que é a de tamaño mais grande, só superado polo seu "primo" o Mazarico real, do que falaremos en canto se me poña a tiro.
Non é doado diferenciar ós mozos dos adultos, seica teñen unhas cores menos intensas nas plumas superiores do torso, e mais porque o peteiro é mais corto nos primeiros. Tamén se distinguen polo mesmo as femias dos machos.
Porén, élas, que son de maior tamaño, téñeno mais grande.
(...o peteiro) 

Logo apareceron dous mais. Non sei si sería unha unidade familiar ou un grupo do whatsapp, mais fanse estranos nesta época do ano, aínda que teño lido que os ornitólogos andan a detectar últimamente individuos dalgunhas especies invernantes que se están a facer residentes, botando todo o ano con nós.


As medidas para o traxe son:
Lonxitude, 45 cm.
Envergadura, 88 cm.
Peso: 430 gr.
O que non sei aínda é o número que calzan...


Vaia, que neste caso tuvemos bastante sorte, pois deixáronse retratar sen demasiada dificultade. Non sei si é que vou mellorando nas técnicas de aproximaçao, ou si estaban entusiasmados có que atopaban nos Cóns e non repararon no espía, o caso é que ata me deixaron grabalos un anaquiño no vídeo denriba.

E agora, imaxes do fin do Vran do 2016, cós primeiros exemplares da tempada, que supoño invernantes acabados de chegar, pois durante todo o estío non apareceron nin siquera a tomar unha cervexa. Nesta ocasión era un Mazarico chiador que, arrente dun Bilurico bailón, enfrontaron a miña presenza con tal despreocupación que ata me deixaron montar o trípode pra grabalos a escasos vinte metros, cértamente perigosos prá marxe que uns e outros adoitan conceder.


Unhas fermosísimas imaxes que non podía deixar de incorporar ó seu escaparate privado no blog.


Virapedras ó rebusquiño


Virapedras ó rebusquiño

Virapedras - Vuelvepiedras - Turnstone
(Arenaria interpres)

Éstas bonitiñas aves limícolas espállanse por todo o mundo... Agás a Antártida, visitan as costas de tódolos continentes habitados. Aves migratorias, no caso da Arousa son invernantes, pois veñen pasa-lo inverno ás nosas costas procedentes dos lugares de cría, nomeadamente Islandia e Escandinavia.



Poderíamos considerar as nosas latitudes coma unha "estación de paso", pois dende os seus lugares de cría arrente do Círculo Polar, e nomeadamente Islandia ou Escandinavia, chegan a migrar ate Sudáfrica. Os exemplares da zona Americana son capaces de aterrar en Tierra del Fuego, e os Asiáticos acadan Oceanía nas súas migracións.


Ata 25cm de longo, medio metro de envergadura e aproximadamente 110 gramos son as súas medidas para o traxe. Aliméntanse de miñocas, insectos e pequenos crustáceos que acadan remenxendo por baixo das algas, pequenas pedras, etc., Non por casualidade teñen o nome que teñen.



Coma moitas aves, a plumaxe varía segundo toque vestir o uniforme de cada estación acorde có "estado emocional", ou a situación familiar, según estean facendo as beiras en fase de emparellamento ou directamente criando.


Haille que recoñecer que son unhas aves que non sempre che fuxen, depende do humor có que as collas. Cando se están a alimentar adoitan facelo en grupiños non moi grandes, eu diría que sobre uns vinte individuos, mostrándose moi activos remenxendo todo o que atopan, e as veces competindo entre eles, polo que xa os teño acadado en diversas oportunidades, deixándome aproximar ate uns 4 ou 5 metros.


O resto do tempo agás os viaxes migratorios ou cando se alimentan, (o tempo libre) amósanse bastante menos gregarios, podéndose ver moitas veces nos Cóns algúns exemplares solitarios facendo o longuis, no medio de outras especies coma Píllaras, Pilros, Biluricos... 



Supoño que agardan a baixada do mar, aproveitando a mornura que proporciona o grupiño formado polas especies da competencia, pra ir á Seca a mariscar remenxendo ó "rebusquiño"...


Cullereiros anónimos


Cullereiros anónimos


Este ano pódese aseverar que os Cullereiros facturaron a nosa Illa nas suas viaxes turísticas, pois xa van sendo ben sinxelos de atopar, sobre todo polo esteiro das Aceñas e polas praias  que encerran a enseada de Carreirón.

Ademais no último finde ata deixaronse achegar un chisquiño mais, dabondo como pra acadar éstas boas anque curtas tomas de vídeo:


Iso foi o que lle aconteceu a un servidor, transfigurado no intrépido heroe desta historia, según queda narrado para a posteridade na minudenciosa crónica que deseguido se relata: 


Descobertos como por obra da Divina Providencia, comeza o retratista a achegarse a éles coma quen non quere a cousa, (al bies, e asubiando de lado).
Os bichos, confundidos pola hábil maniobra de distración, seguen na faena... Un déles levanta a cabeza do "escritorio", mais non percibe ameaza, só un pringado ó lonxe...
Así que en vista de que a sorte semella propicia, e aproveitando a insólita indiferencia das aves ése día, avanza un pouquiño mais. Cada metro que se achega ós inmundos bichos, toma as fotos que lle permite a dór do seu conxelado dediño de premer.
De súpeto, despístase un por detrás dun cón.
Parece ser que foi acender un pitillo ó abrigo.

...aínda que ben pensado, ése día non facía vento ningún. 
A comedela á que se entregan con frenesí vai gañando lambóns, sumando outro repoludo exemplar á mariscada.
Había papatoria dabondo, pois non facían mais que enviar miñocas ó bandullo pola escorregadoira da súa longa e entortada gorxa.
E chega o clímax de tan proceloso suceso. Ata esta distancia chegou a conquista territorial do noso temerario artista do obturador na misión de se arrimar ás temibles alimañas marinas non fora a estragar tan concorrida celebración.
Oi que carallo, -seica dixo éste da foto- que corra o aire, que me paréce que xa te estás arrimando de mais con ésa ameazante vara que levas na man, que non creo que sexa pra te poñer a mariscar con nós.
(era o monopié)...
Nin un paso mais!
E o triste final foi que o chismoso darriba foille "cajar" ós demais que había un tipo por dentro das boias, así que fuxiron prá outra banda sen poder facer xa mais foto que ésta de despedida. Mais por fortuna xa daquela iba bén empachada a cámara de fotos, e non de miñocas cértamente...

E falando de todo un pouco, puden constatar que os Cullereiros que mariscan pola nosa Illa non presentan aneis nas patas, a diferencia dos que puden observar en Vilanova ou en Cambados, que sí estaban marcados.

Eu penso que son estrelas do famoseo que migran ó noso país de incógnito, mais aquí non poden evitar ó paparazzi de Carreirón que é quen os deixa rexistrados e fichados neste blog. Confío  que na vindeira oportunidade lle poida facer unha entrevista a algún, anque sexa por señas, porque éstes creo que veñen dos países nórdicos e eu non che entendo nin papa de neerlandés...


De libre marisqueo


De libre marisqueo

Mazarico rabinegro- Aguja rabinegro
(Limosa limosa)
Un finde pra cada un. O primeiro, o de difuntos, foi un Mazarico o que me quixo agasallar cuns minutos en butaca de primeira fila pra disfrutar da súa obra e milagres pola praia adiante a uns 3 metros escasos dél, distancia que me concedeu coa condición de lle face-las fotos que quixera pero que o deixase favorecido nesta entrada do blog. Todo un glamuroso artista...

Cullereiro - Espátula común
(Platalea leucorodia)
E o seguinte finde, a inesperada surpresa de tropezar case sen querer con outra elegante ave que non figuraba no meu censo de veciños, pois aínda que os teño visto nos esteiros de Vilanova e Cambados, nunca tuven a sorte de atopalos en Carreirón. Refírome ós Cullereiros, ós que xa lle adiquei fai pouco ésta entrada pensando daquela que non ibamos ser merecedores na Arousa de semexante grata visita.

O Mazarico estaba na praia dos Espiños pequena, en compaña dunha Señorita, desfrutando dun saboroso menú de miñocas e outros invertebrados, que lograba espichando teimudo o seu longo e afiado peteiro na area.
Digo eu que debía estar apañando moi ben deles, e por iso non fixo moito caso do ameazante asedio ó que o sometín, aínda que cecais a súa audacia pudera vir da inexperiencia, pois pola plumaxe creo que se trataba dun xuvenil.
De calquera xeito, alí estuvo mariscando ata que se aburreu de mín fuxindo prá praia do lado, a onde nono seguín, pois eu xa levaba ben chea de estupendas imaxes a tarxeta SD da cámara.

En canto ó Cullereiro, atopeino cando viña de facer a obrigada visita á caseta de observación do esteiro das Aceñas collendo pola praia dos Espiños (esta vez a grande).
Ó primeiro pensei que era unha Garzota, mais decateime de que era un Cullereiro polo xeito que tiña de faenar, así que me acheguei o mais que puden pola sombra dos Cóns, tentando roubar algunha imaxe á súa ignorancia.
Ó reves que o Mazarico, éste non se amosaba nada confianzudo, emprendendo a fuxida en canto se decatou de que había un repunante retratista axexando.
Éstas son as mellores fotos que acadei. Non teñen moita calidade, mais sí moito oportunismo...

Un e mailo outro adicados ás súas tarefas cotiáns, remenxendo na lameira da seca, cada un có seu xeito particular de traballar, e cada un mariscando coa "farramenta" da que a natureza lle proveeu pra sobrevivir. Nuns días nos que, por certo, hai niveis altos de toxina, e daquela rexeitando ás recomendacións do "Intecmar" a propósito da prohibición de mariscar.

Tende coidadiño que vos vai colle-la Xunta...