x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido
Amosando publicacións coa etiqueta reptís. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta reptís. Amosar todas as publicacións

A lagoa de Carreirón


A Lagoa de Carreirón


Quenda para o humidal mais grande e mellor conservado da Arousa. Unha lagoa que mellorou considerablemente após a mais recente actuación de hai catro anos, cando a presenza das excavadoras presaxiaba grandes desastres para o fraxilísimo equilibrio dunha zona húmida moi ameazada dende moitas frontes. Unha délas é a xeográfica, cunha intimidante liña de costa que vai subindo imparable debido ó cambio climático e que o podería inundar de auga salgada acaso nalgún forte temporal que rachase a delgada duna que os separa. A outra é a cada ano mais inxente e ameazadora presión humana do Vran, coa conseguinte parte de turismo de cubito e paleta ó cal o último que lle importa é o respeto e sostenibilidade deste tesouro noso.


Unha lagoa que a pesar do estacional e cada vez mais escaso aporte de auga do inverno, que non lle permite rematar o Vran con auga, conserva unha envexable variedade de fauna e flora. Como adoito proclamar, non temos grandes cantidades mais sí un amplo álbume de especies. Neste post so vou incorporar unha pequena representación delas, tentando dar unha imaxe gráfica desa diversidade. Si acaso subirei as mais raras de atopar ou as que a mín me parecen mais vistosas. Todas contribuirán a poñer en valor este espazo tan singular da nosa Illa e da Galiza:




Dos Rascóns dise por aí que é mais doado escoitalos que velos, có cal estou dacordo. Si lle coñeces o chío avísanche da súa presenza dende algún lugar do humidal. Mais outra cousa ben distinta é chegar a ollalos, pois as súas aparicións son moi escollidas, e case sempre buscando a discreción das sombras, o que non che deixa moitas opcións pra chegar a desfrutar da observación con detalle.
Pois ben, si avistar un Rascón adulto é toda unha sorte, xa non digo ver dous, ou coma neste caso, ata tres, aínda que un déles fuxeu do plano no último momento. Seica dixo que tiña que rematar unhas xestións pendentes...
E como récord final, abeirar o insólito é acadar o retrato dun pitiño de Rascón, feito que, dentro dos meus posibles, debo calificar coma unha verdadeira "delicatessen" fotográfica. E con dupla satisfacción, comprobar que os nosos exemplares son residentes que crían á sua descendencia por eiquí, sen necesidade de migraren para tal menester.

RASCÓN MENINO (Dores Lobato)
Fuxín do colo da minha nai
coa ansia leda de ver o mundo...
E a uma foto fun a parar.
Pra uma vez que boto o pé fora
son apanhado por papparaccis
que se camuflan pola lagoa.
Tan elegante, todo de negro,
velaquí tou, apresentadinho,
neste tesouro que é Carreirón.
Tede respeito pola Natura,
fachendeade polo que somos:
afortunados polas misturas.


As Galiñolas negras que veñen pasar o inverno con nós, non che teñen seriedade ningunha ;-) pois aínda que este ano deixouse ver algún exemplar, foron catro tempadas as que pasamos en branco, dándonos pé a temer que xa non ían voltar por eiquí. A pesar das sobrias cores, é fascinante podelas contemplar.


E falando de galiñas, moito mais cromática é a Galiña de auga, na que destaca o seu magnífico peteiro que loce orgullosa, e que, coqueta éla, leva a xogo cunhas non menos repoludas "patorras" das que nesta imaxe só nos deixa adiviñar as suntuosas cores baixo a auga. Por certo, éstas sí que están empadroadas na Arousa, pois teño pra mín que fican e crían por eiquí todo o ano, aínda que nunca me cadrou ningún avistamento dos pitiños.


Un dos sons que é mais doado escoitar na Lagoa, é o escandaloso balbordo dos chíos cós que os Mergullóns pequenos inundan tudo o entorno do humidal, estrépito que liberan ó ar a canda unha boa manchea de hormonas, pois cando mais se esforzan adoita ser nesa época na que andan moi ocupados a facer as beiras con vistas á nova fornada...
Tamén crían aquí, como atestigua éste minúsculo pitiño que, aínda que na foto semella grande, non sei si pasaría dos 5cm. e que por casualidade se me puxo a tiro por primeira e única vez ate o dagora.



Aínda que cada ano se deixa ver, e sobre todo escoitar pola lagoa algún exemplar, bén sexa polo chío ou bén cando o sintes o seu chumpo na auga pra pescar, o Picapeixe é, porén, un dos que mais difícil che poñen o retrato.
Éstas foron as mellores "poses" que nos quixeron conceder, pois case sempre os vexo de costas, o que quere dicir que, coma sempre xa me avistaron éles antes ca mín, e xa fuxen do retratista repunantiño. Resulta moi aquelado que a pesar das súas cores tan rechamantes e vistosas, camúflase perfeitamente entre os xuncos e a herba alta da lagoa...

PAXARO AZUL - GUARDA RIOS
Pasou por onda mín a frecha azul
pescador implacábel
beleza irresistibel
un ser Azul-Arousa na Arousa azul
Olhou pra min inquedo e espectante
"sairei bem no retrato?"
Non pode ser noutrora, é agora!
enleoume nesta prenda, é o meu auto-regalo
Deume o seu mellor ar, o ar azulado.
Chegou có vento de novas mareas, e eu, sen presa,
namoreime na maxia da illa azul,
da beleza deste ser máxico.
(Obrigado, Dores Lobato)


Tamén é doado escoitar polo humidal o seu singular chío, algo así coma "rrrrrrrrrr" ;-) das Avenoiteiras, mais outra cousa bén diferente é atopar unha a plena luz do día e ser quén de te achegar a só un par de metros déla. Eiquí fica a procelosa historia de tan insólito encontro "na terceira fase"...


Éste é un dos mais recentes veciños da lagoa. Os Bicos de coral son unha especie exótica moi ben adaptada eiquí, onde xa forman unha ruidosa colonia. Porén, non están calificados coma "especie invasora", pois non compiten nin desprazan ás especies granívoras autóctonas. Nesta entrada do "bug-blog" locen mais.


O da foto foi o primeiro Esgonzo que avistamos no humidal da lagoa, aínda que xa o temos visto noutros lugares de Carreirón. Avistamentos que son cértamente complicados, apenas intuitivos, pois escúrrense entre a herba mais axiña que o tempo que tén o ollo de reaccionar, que xa é dicir. Ésta imaxe foi do primeiro encontro, que contamos nestra entrada anterior.


A Estroza, ou Raniña de Santo Antón é un dos mais entrañables bichiños que temos a sorte de contemplar na Arousa, e que teñen a súa residencia por todo Carreirón, nomeadamente no humidal da lagoa, onde a pesares de seren unha das especies de anfibios que noutros lugares da Galiza e da península fican moi ameazadas, por aquí aínda non resulta moi complicado atopalas. Agardemos que por moitos anos.




Vaia, que ó día de hoxe a Lagoa de Carreirón goza dunha aceitable saúde, a pesar da continua sementeira de residuos que con orixe en cada asentamento humán arredor de toda a Ría, aterran por cada currucho do parque guiadas por según qué azarosos ventos e correntes, e sobre todo a pesar da inxente presión humán que durante o estío teñen que soportar os bichiños, que precisan do espacio todo o ano. Eu coma éles non gosto déses danos colaterais que nos deixan os "continentais", aínda que supoño que xa estou afeito.

Afeito, mais vixiante...




Un reencontro moi familiar


Un reencontro moi familiar


Xa había algún tempo que non tropezabamos con ningún ofidio, ós que xa botabamos en falta dende o último e asombroso descobrimento dun niño de Cobras sapeiras (Natrix maura) que relatamos neste célebre post do "bug-blog".
(Click nas imaxes pra ampliar)


Un encontro onde se forxaron uns fortes vencellos coas neonatas culebriñas, ás cales sempre tuvemos anceios de volver a atopar algunha vez mais, se ben coñecemos a imposible identificación por si serían "as nosas" ou outras veciñas do rueiro.

Un repoludo exemplar duns 70-80cm. de Cobra sapeira, que saleu de entre os pés mentres atendíamos a un interesante achado dunha orquídea aínda descoñecida pra nós en Carreiron.
De ningunha maneira podíamos deixar marchar á nosa anfitriona así como así, cousa que pretendía teimudamente o bicho, sempre na procura dalgunha escapatoria "pra fora das boias". Antes debíanos deixar unha completa sesión vídeo-fotográfica que subir ás redes. Moi amablemente accedeu, logo das nosas machaconas, pero non menos amables solicitudes de posado.

Así que unha vez chegado o acordo, empeza o "baile" arredor da nosa artista, sempre procurando sacarlle o seu millor perfil, plasmado na secuencia de imaxes que poñemos aquí.

E nesto, mais cedo que tarde pró noso gusto, unha vez acadado o "botín" perseguido, que alomenos mitigou un pouco a tristura do epílogo da historia, chegou o desagradable momento da despedida, non sen antes intercambiarmos os correspondentes números de WhatsApp pra non perder o contacto, e quedar calquera outro día pra tomar unhas cañas...

Non me sorprende nadiña que haxa tanto namorado da beleza destes bichos. Pola nosa parte, trátase dun mundo ó que xusto acabamos de arribar, e a beleza e fascinación coa que nos agasallan cada vez, compensa e rebasa a inicial aversión, cando non verdadeira fobia que, partindo do descoñecemento nos bloqueaba coma a tantos outros. Definitivamente, uns bichiños pra lle querer.



En vista da querencia que éstes fermosos bichiños teñen polos encontros casuais, agardamos por unha nova oportunidade que o azar e mais éles nos queiran brindar pra seguir estreitanto lazos. Xa deberían saber que o retratista repunantiño aínda non quedou satisfeito...

Anima-diños


Anima-diños



Como se fose un pase en Sesión Contínua, nesta entrada imos colgar unha escolla das gravacións logradas nos que sempre son afortunados encontros cós Bichiños de Carreirón, as cales, logo de pasaren o criba das inflexibles críticas das redes sociais, resultaron nominadas pra éste enxebre certame cinematográfico. 

Cértamente estes videos non pasarán ós anais dos documentais pola súa calidade, pois responden a tropezos casuais cunha fauna que sempre me surprende sen tempo de porfía, si ben no meu descargo hei de alegar que sempre procurei respeitar a imaxe mediática dos artistas. Polo tanto creo precisa certa indulxencia no implacable xuizo que dea a reverenciada audiencia deste Blog, que agardo indulte as tremendas carencias das gravacións, que nalgúns casos aquelei botándolle un pouco de humor. Defeitos que, por outra banda, evidencian a improvisación das tomas, transmitindo así o frescor e a emoción do momento

Pois logo, como dicía aquel, imos botar man da "maldita hemeroteca"  pra lle sacar as cores ós atrevidos bichiños que valentemente se chantaron diante do obxectivo deste repunante retratista, agasallándonos con éstas glamurosas intrepretacións:





O descobremento dun niño de Cobra sapeira con catro ou cinco crías que non terían nin dous días de vida. O seguinte finde volvemos por alí e xa medraran o triple, rematando os estudos superiores, e emáncipándose do núcleo familiar, deixando un completo roupeiro cheo de mudas.



É a primeira vez que podo grabar a un Peto verde alimentándose. Aínda que quedei discretamente a bastante distancia, non son parvos, e sí que me veu. Foi moi estrano que non fuxira, seguramente disfrutaba dunha boa comedela de formigas, que é o que xeralmente procuran peteirando nas dunas de Carreirón, onde hai moitos formigueiros. Outro momentazo...



Un admirable momentazo que non desaproveitei, cando ése grupo de Cullereiros, enfaenados e preocupados como estaban en encher o bandullo, concedéronme unha boa aproximación pra facer a toma désta memorable actuación.



Unha selección de boas imaxes de varias Estrozas, unhas raniñas encantadoras e dunha fotoxenia sin par.



Éstas foron as mellores imaxes en movemento acadadas ate o de agora da manda de Arroases que día tras día percorren a nosa Ría. Aínda estou gardando o alento pra non prexudicar as magníficas escenas.



Habilidades marisqueiras dun Mazarico rubio que no curto espacio de minuto e pico foi quén de arrincar da entranas da praia dúas boas miñocas, a última délas dun considerable tamaño, que seguro lle prestaron dabondo no seu valeiro bandullo. Todo o evento foi, como se pode comprobar, vixiado por uha Gabota patiamarela que, coma un Xuiz de silla dun partido de tenis, controlaba arrente dél dende a súa "atalaia" as evolucións do artista desta seman.



Un pavero grupo de Pardaliños que, dun xeito moi simpático andan a peteirar os restos que poden atopar polas gavias das tellas.



Aínda non fún quén de coller a xeito unha imaxe como eu quixera dun Verderol. Porén, aquí plantóuseme diante do coche pra se asear debidamente pola mañán nunha poza no medio e medio do camiño, o que non desaproveitei pra inmortalizar esta cinematográfica escena clásica de ducha.



Os Patos Culleretes son unhas anátidas cun peteiro desproporcionado que locen con orgullo. A mín ése magnífico apéndice lémbrame a Cyrano de Bergerac. Na Arousa só se poden ver na Poza de Espiñeiro, agardemos que por moitos anos, porque a súa presencia mais ben semella intermitente.



Toda a comunidade de Pardaliños do rueiro se citaron nunha poza formada coas que semellan ser xa a finais de Abril, as derradeiras choivas mais ou menos serias do inverno. Así que aínda non sei moi bén si se estaban aseando, ou facendo as beiras "one each other" que por alfo xa chegou a Primavera e haise que poñer á faena...



Aquí pillámoslle o rechouchío a éste macho de Escribenta facendo alarde das súas dotes cantoras en plena época de efervescencia reproductora. Abofé que estaba falador...



Menos mal que pasaba eu pra sacalo dalí, que si non, non sei que sería dél. Díxenlle que tuvera mais coidado, porque correu moito perigo, ó que me respondeu que viña un pouco "colocado" despois dunha noite loca de fiestuqui desfrutando de tanta auga que caeu onte, e como están en época de reproducción, xa se sabe... Son as hormonas, estúpido! :D



Con todos vostedes, o repoludo Lagarto Arnau e a glamurosa Lagartixa de Bocage, acabadiños de aterrar a Carreirón, para a presentación da inminente estrea nas carteleiras do mundo mundial dun novo "remake", de... "Os findes ó Sol"



Un violento suceso aconteceu días atrás a horas intempestivas nun bar da Poza de Espiñeiro na Illa de Arousa: Andaban dous Mergullóns cós ánimos moi alporizados, con moita violencia física e verbal por un perigoso asunto de ciumes. Aquí deixo constancia mediática do incidente, permitíndome a licenza de subtitular a escena pra mellor contextualizala e facilitar a comprensión do espeluznante acontecemento. O suceso foi denunciado ante a autoridá competente polo taberneiro, que tamén estivo a piques de papalas como queda demostrado no vídeo, instruíndo aquéla o correspondente parte de danos, inxurias e ameazas... ;) Son as hormonas, estúpido! :D




Cando a nosa productora "Bichiños Productions Corporation " volva a producir novas pelis con mais "saídas de tono" destas estrelas mediáticas, iremos enchendo este sitio có correspondente material audiovisual, onde os amigos das cousas do retratista de bichos de Carreirón poderán facer os pases que queiran có mesmo abono da entrada inicial.

Eso sí, sen dereito a palomitas.


Cobra sapeira, unha familia numerosa


Cobra sapeira,
unha familia numerosa


Non resulta moi doado o avistamento de ofidios pola Arousa. Nas moi contadas ocasions precedentes só pudemos correr tras délas coma tolos paparazzis tentando roubarlles algunha imaxe que puderamos subir aquí, antes de que desapareceran polo medio dos toxos tan axiña como saíron déles coma se dalgún cinematográfico vampiro que tuvera que fuxir da luz do Sol estuveramos a falar.
E case sempre aparecendo de repente, cruzando inocentes por algun dos vieiros de Carreirón. (Click nas fotos pra zoom)


Mais na última ocasión a nosa artista non pudo fuxir da fame de fotos que sempre levamos. Porén, só lle pudemos ver o final da cola, mentras se derretía entre a herba fuxindo da nosa acosadora cacería dixital, pra, de repente, "desaguar" por un buratiño no chan non moi lonxe dalí.

Ó primeiro supoñiamos que ése burato sería algunha saída de emerxencia do niño, o que pudera ser, mais dalí a un pouco decatámonos de que viña de se espir, ronzando o corpo contra un pandullo, pra liberar tras déla na fuxida (coma naquel conto da "Cenicienta"), unha peza do seu traxe que nos indicaría á direución correcta do seu chalet.

Unha muda de pel case completa que amigos expertos identificaron como a dunha Cobra sapeira (Natrix maura). So faltaba a da cabeza, que a pesar de buscala pola zona, non fumos quén de dar con ela.

Vaia, que o fío levou ó ovillo, coa sorte de encetar un niño con alomenos cinco neonatos, acho que de escasos días, que ó verse espostos de repente á luz, fuxiron con rapidez desaparecendo por varias galerías excavadas no chan do acubillo.

Na visita do seguinte finde non atopamos a ninguén, nin grande nin pequeno, mais o que si vimos con surpesa foi que deixaran un abondoso "fondo de armario" cunha chea de mudas completas espalladas pola estancia, que recordaban o estado de policía do cuarto de calquera xoven de hoxendía ;-)
Tódalas pezas eran dunha considerable lonxitude comparándoas có miudiño tamaño que tiñan os cativos unha semana antes. Nese curto periodo, xa medraran mais do dobre.

Cando descobrimo-lo niño, unha das crías amosounos algunhas das súas habilidades. Como non son velenosas pero sí moi astutas, pra se defenderen tentan estarrecer ó opoñente aquelando o ataque dunha víbora, có corpo tensionado en roda como se vé no vídeo, pra lanzar embestidas coma aquelas. Benefícianse da confusión coas víboras pola cabeza triangular, e tamén polo debuxo da pel, con ése entramado en zig-zag, que remeda ó doutras variedades tóxicas. Hai un par de anos, noutro encontro cunha destas atrevidas, decatándose de que tiña pechada a retirada, ata se ergueu "facendo a Cobra" nunca mellor dito, arremedando embestidas coma as das súas tocaias de outros moi remotos lares.

Mais, prá tranquilidade daqueles que tropecen con algunha sen telas visto antes, a súa inocencia e inocuidade delátanse nas redondas meniñas dos ollos, por contra das especies velenosas que sempre as teñen dispostas nunha liña vertical no medio do ollo. Vaia, que si a mirada da nosa cobra pode meter respeto, a dunha especie tóxica pódeche deixar teso coma un pau...


Así que xa viña bén aprendido este cativiño que non chegaba ós 10cm. de "liñon", mais o miudo tamaño non foi traba pra se amosar así de encabreado tentando intimidarnos coa súa insolente actitude.

Haberá que ficar atentos por si,  pra cando medre un pouco mais nos volvemos a ver.

...Quén sabe, ó mellor aínda lle acorda éste encontro e temos catro palabras...


Os findes ó Sol


Os findes ó Sol

Lagarto Arnau (Timon lepidus)
Primeiros findes da Primavera, cheos de artistas estricados ó Sol, e flashes de comparanza coas esceas da famosa película de Fernando León e os seus personaxes que contaban as horas espatalados ó eitón nos asientos da cuberta do non menos popular barco do filme.
(Preme en cada imaxe pra ampliar)


Cértamente, temos en Carreirón unha nova version da estupenda peli do 2002, con algúns cambios no reparto, xa que pola Arousa contamos cuns galáns tanto ou mais juapeteiros que os da primeira...

Lagartixa Galega
 (Podarcis bocagei)
Trocamos a Javier Bardem e Luis Tosar polos nosos artistas dos pandullos e xa podemos empezar a rodar, bueno, de momento só poñeremos esta reportaxe fotográfica dos galáns Carcamáns, de indiscutibles dotes interpretativas ou, cando menos fotoxénicas. 
Con todos vostedes, o repoludo Lagarto Arnau e a glamurosa Lagartixa de Bocage, acabadiños de aterrar a Carreirón, para a presentación da inminente estrea nas carteleiras do mundo mundial dun novo "remake", de... "Os findes ó Sol".

Tentando saír ó Sol, mais fóra merodeaba 
o temible mostro dá cámara de fotos...
Aínda temos pendente de asignar os papeis, hai dúbidas si o de lajarto a Bardem e lagartixa a Tosar, ou viceversa.

Mellor non entraremos en polémicas, non vaia a ser que algún se me poña nas patas de atrás có inocente reparto de papeis que xa tiña eu asignado...
Primeiras solleiras Primaverais nas que Lourenzo trouxo luminosos días de sabor a vran, ideais tanto para os adiantados e ansiosos plagueros como para os repunantes retratistas de bichos, a saber cál mais antipático cós nosos artistas da Natureza.
Após a rácana escuridade invernal, encetaron as mellores butacas do anfiteatro dos lombos dos Cóns, ben morniños polos fotóns cós que os regou Lourenzo dende as alturas, que lles prestan mellor que os bisteses de insectos que malamente acadan nas baixuras...Vaia, disque segundas partes nunca foron boas, mais estou certo de que desta volta os nosos arrasta-bandullos acadarán cadanseu "Goya", pois non se pode negar que espatalados ó Sol non teñen rival.

Retro-retratado na pupila do Arnau...
A ver quén mellora éste "selfie" !!

Aí vai o trailer da peli, que moito falar déla pero aquí non se move un can...
E pra rematar, un poema có que enriquecer a fermosura destes entrañables e arrastrados bichiños, que seguro gostaredes...

POEMA DA LAGARTA
O Sol é meu,
a pedra é minha,
ate posúo
a quen me espía.
Son uma bela lagarta
a quen gosta a discreción,
pois vivo acubilhada
no fermoso Carreirón.
O vento é meu,
a area é minha,
por eso saio
brilhante e linda,
de primavera vestida.
(Dores Lobato. Grazas)

Un lagartiño moi guiado


Un lagartiño
moi guiado

O sábado pasado descubrín unha nova especie, ou alomenos foi a sensación que me quedou. Coma tantas outras veces, veume recibir él soíño, sen que tuvese que chamar por él nin nada. E cando o tiña diante, foi cando me falou dun amiguiño có que eu topara a pasada semán, só que aquel agochouse cheíño de medo debaixo dunha bufiña de herba, mirando pra mín dende alí abaixo, tapado pola sombra. (click nas imaxes pra ampliar)


Aquel avistamento deixoume entusiasmado aínda que cheo de dúbidas, roéndoas pra mín tentando convencerme de que asistira ó debut dunha especie de reptil dos que temos pola Arousa que aínda non coñecía.

Así que éste probiño apareceu de súpeto colléndome "desarmado", sen darme tempo ningún pra preparar a resposta á súa traizoeira emboscada.

Xuvenil de Lagarto Arnal - 
Lagarto ocelado
(Timon lepidus)
Saeume ó encontro pra me dicir que os pequeniños coma el tamén existen, que os lagartos Arnaus non nacen grandes como os que adoitamos ver por antre as rochas, e que tamén nacen de ovos miudiños, ata que có tempo fánse adultos. Namentras, son pequeniños e de cores menos rechamantes que as dos seus pais, por aquelo de non lle conceder moitas oportunidades ós "Arguiñanos" de Carreirón.

En fin, que só fun acapaz de conseguir estes retratos do cativo, que buscaba unha e outra vez escapar prá beira do camiño tentando poñerse a salvo do Cíclope que o miraba con aquel único e descomunal ollo có que lle apuntaba pra facerlle sabe Deus qué maldade.

As fotos non son moi espectaculares pola riqueza de cores, mais coido que sí que o son polas formas e texturas, e convírtense en toda unha fazaña si temos en conta os escasos segundos que me concedeu ésta miniatura de bicho.
Según me dixo, seica viña de facer uns recados e tiña que ir axiña prá casa que o estaba a chamar súa nai... ;-)


E en todas pódese apreciar nídiamente a beleza destas pequeniñas e simpáticas crías dos dragóns que temos por aquí.

Un lagartiño "aculebrado"


Un lagartiño
"aculebrado"

Esgonzo (Chalcides striatus)

Unha estupenda sorpesa atopar por Carreirón a este miudiño Esgonzo (Chalcides striatus) que nunca vira nin contaba atopar. Tamén coñecido como Eslizón tridáctilo. (click nas imaxes pra ampliar)

Presente en case toda a península ibérica, agás amplas zonas do leste, probablemente polo seu gusto pola abundancia de humidade, pois constátase a súa escaseza en hábitats con precipitacións inferiores ós 500mm. Pódese atopar dende o nivel do mar (dou fé) ata os 1.800m de altitude, en zonas de vexetación herbácea primordialmente.

A especie é vivípara, o que quere dicir que as femias dan a luz crías xa formadas, neste caso ata unha ducia délas aproximadamente, que poden chegar a medir de 30 a 40cm, así que como o que nos ocupa hoxe non chegaba ós 15cm, debíase tratar dun mosiño aínda.

Lín por aí que as poboacións insulares da Galiza son moi sensibles ás alteracións do medio (probablemente pola escasa poboación). Por tanto entendo que na nosa Illa é unha especie especialmente vulnerable por distintas razóns, moitas delas relacionadas coa acción do home. Esperemos que en Carreirón estean a salvo das ameazas que soportan polo desprazamento do seu habitat que supoñen os cultivos, e polo abuso de herbicidas, pesticidas, e as queimas.

Os que fuxen déles, (pola conta que lle tén) son os coleópteros (escarabellos) hemípteros (carrachos, pulgóns) e arácnidos (pois iso), e tamén caracoles e lombrigas.
...E eles pola súa banda, teñen que bater o récord dos 100 metros lisos cando divisan raposos -non temos- mustélidos (nutrias, teixos) -pode ser-, ourizos -algún hai-, e outros reptís mais grandes -na Arousa, os Arnaus-, así como varias especies de aves. Como desto último hai bastante por Carreirón, teñen que andar con moito olliño, e non saír tan ó descuberto coma o de hoxe, que veu a recibirme ó medio do camiño. Menos mal que pasabamos nós, senon non sei que sería dél, con tanto depredador ceibe neste tempo estival por Carreirón. Supoño que ese atrevimento terá que ver coa súa xuventude e inexperiencia. Aínda non debe coñecer á pior das alimañas...


O período de máxima actividade prós do norte peninsular (nós) vén sendo polos meses de marzo a setembro, por aquelo de que cós calores da primavera-vran acadan niveis mais óptimos da temperatura corporal que precisan pra vivir, coma tódolos reptís.

Un bichiño que a moita xente prodúcelle dúas reaccións en cadea: A primeira de noxo, cando pensan que se trata dunha culebra. Mais en canto lle descobren as miudiñas patiñas tridáctilas, tórnase moi simpático e tenro. Porén, esas estremidades tan pequeniñas, nonas usan moito que digamos, pois os seus desprazamentos son tal que culebras, contorneando o corpo igual, sen que as patas lle sexan de moita axuda, pola contra, seica cando tentan escapar, xustamente pregan as patas ó corpo pra que non lle estorben, escorregando de xeito mais doado por antre a herba, o seu medio natural.

En fin, polo que a mín respeita, un verdadeiro descobrimento, pois non tiña nin idea que na Arousa podiamos admirar esta especie tan bonitiña.


De inspección


De inspección

Unha das primeiras visitas programadas para este finde, era a de ir facer unha "inspección de obra" á construcción do vispeiro que temos localizado, por aquelo de comprobar si levan todo en orde: normas de Seguridade, calidade de materiais, permisos do Concello, etc... Todo en regra.
Hai que dicir que dende hai dúas semáns a obra evolúe moi lixeira, non hai mais que comparala con ésta imaxe do primeiro post.
Naquelas fotos podiamos contar escasamente tres ou catro casillas, mais no vispeiro dagora xa son bastantes mais. Estes bichos están entregados á faena, nunca deixan a obra sin xente, habendo sempre varios individuos traballando nela, así que para o vindeiro finde seguro que volven a sorprendernos... (click nas imaxes pra ampliar)

E falando de "apoideos", que polo visto así se denomina a familia na que están integradas as abellas e as vespas, saleume esta bonita macro dun abellón afuciñado nunha flor de campaniña, chuchando goloso o néctar que a pranta lle oferece.
Aproveito a imaxe pra lembrar que os insectos polinizadores están a pasar dende hai uns anos unha época verdadeiramente tráxica, pois estase a producir unha alarmante mortalidade délas sen que os científicos dean atopado a causa. Pode ser polos pesticidas, por fungos, disque tamén poder ser por bacterias, un misterio. O caso é que a cousa xa preocupa seriamente ás autoridades polo que a Union Europea vén de prohibir unha longa lista de insecticidas. Sen abellas non hai plantas, e sin éstas a vida na terra sería inviable. Vaia, que xa agora somos no planeta xente de mais a papar, que si nos faltan as abelliñas, imos fod..os. :(
Polo que a mín respeita, aínda que só sexa polas bonitas fotos que nos regalan, xa vale a pena terlle un pouquiño de admiración.

Lagartixa de Bocage
(Podarcis bocagei)
Ben, seguimos coas visitas previstas, e achegámonos a un dos "rueiros" por onde habitan os espectaculares Arnaus, mais nesta ocasión non apareceu ningún. Temo que sairan tamén de vacacións, pois por alí o único que asomaron brincando de pedra en pedra foron un par de lagartixas ("de Bocage" parece que se chaman" véñoo de consultar na web).

Disimuladamente, coma se elas non estuveran xa de volta e media dos meus movementos, tentei atrapalas no sensor da cámara, e acadei estas boas imaxes, que debo agradecer ó Deus Sol, que nos brinda nesta época do vran algúns días de boas condicións de luz para os retratistas de bichiños. Son uns animaliños pequenos e moi áxiles que se peneiran por entre os ocos das pedras, o que aliado ó seu escaso tamaño e movemento contínuo, convérteos en elementos bastante difíciles de retratar.


Tordo común (Turdos philomelos)
E cando xa, usando un termo mariñeiro moi nóso  "volviamos pa terra", atopamos arrentiña das vallas da entrada, nada menos que éste bonito Tordillo que, cun insecto que aferraba no peteiro debatíase con él en forte loita a golpes contra o chan e, aínda que o tentei, non puden inmortalizalo aquí. Desta volta a calidade da foto non é tan óptima coma outras, mais foi a mellor posible. Contrastaba moito á luz do fondo, que me deixou a foto un chisco sobre-exposta. É unha imaxe singular pra min , pois é a primeira vez que teño ocasión de retratar a este bonito paxaro, a pesares de ser habitual dabondo, según teño lido por aí.
Cómo sería de casual a foto, que cando lle disparei  teño que recoñecer que pensei que era un Melro.

Xílgaro (Carduelis carduelis)
Como espectacular epílogo desta entrada do blog, poñemos éste exemplar de Xílgaro, unha especie que sempre deslumbra có seu espectacular colorido. Éste veunos face-la despedida indo xá pola rotonda das vallas.
Un dos paxariños mais vistosos que podemos ver pola Arousa, sen entrar a avaliar se hai algún mais bonito que outro, que o dubido...
Porén, e sen desmerecer a ningún dos meus bichiños, hai que recoñecer que os Xílgaros teñen unha estampa de moita beleza, a mesma que lle proporciona a peculiar e maravillosa combinación da variedade de cores que percorren o seu miudiño corpo.

Rematamos. Semella que neste finde ficou o listón un pouco alto de máis. Vai ser difícil superar esta beleza, pero non imposible. De certo que prá vindeira entrega os nosos bichiños de Carreirón téñennos gardadas mais fotos espléndidas.