x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido
Amosando publicacións coa etiqueta unha voltiña pola Arousa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta unha voltiña pola Arousa. Amosar todas as publicacións

Penumbras de Mouros e Deusas

Penumbras de Mouros e Deusas


Teño pra mín que as nosas Rías son lugar elixido polos Deuses pra nos deslumbrar con abrentes e solpores que, xunta outros fenómenos meteorolóxicos, conforman un belo álbume de, en bastantes casos, alucinantes imaxes, evocadoras unhas veces de terribles presaxios e outras tantas de positivas revelacións.
Para mostra, deixo deseguido a miña particular escolma:
(Click na foto para amplilar)



1
Ésta foto é de Setembro do 2013. Pode parecer sombría pero acho que moi bela. Lembro que nese ano repetíronse éste tipo de solpores, cuns fortes tons violáceos que non creo ter visto con posterioridade ata a data de hoxe. Semella bastante o tipo de Auroras boreais que se teñen narrado hai moitos anos, que moi raramente se producen por éstas latitudes, aínda que naqueles días non se falou de nada disto...


2
Agosto do 2016. Inquedante e espectacular imaxe dun tupido manto de nubes baixando dos altos do Barbanza ameazando cubrir coma aquel Anxo exterminador ás poboacións do Norte da Ría de Arousa. Acontece moi poucas veces no ano, alomenos de xeito tan aparatoso, así que ése foi o meu día de sorte, por collerme coa cámara na man.


3
Outubro 2017. Foto dirixida ó Norte con éste fermoso Abrente onde os Cirros son deslumbrados polo Sol saínte proporcionándolles éses fastuosos tons áureos.


4
Febreiro 2018. Un día limpo dos que adoitan ofrecer postas de intensos tons, que neste caso tampouco defraudou. A foto foi tomada dende a Punta de Quilma, coincidindo o encuadre por casalidade có que semella a repressiva mirada dalgún enfadado Deus Galaico que quixo manifestarse de xeito mais evidente que cun simple solpor invernal.


5
Outubro 2018. Outra inquedante imaxe do Ceo, nunha tarde do Outono preludio da chegada do furacán "Leslie", que deixou bastantes estragos por Portugal, e que cando chegou á Ría esa noite, xa viña moito mais amansadiño, por sorte pra nós...


6
Novembro 2017. Tomada dende o mirador do Monte Lobeira, coincidindo có que eu chamaría un clásico Solpor nun claro día de Outono, coa nosa Illa deitada no medio da Ría, seguramente desfrutando da magnífica vista, e a cuxa maxestuosidade tamén contribúe sumando a súa estirada forma...


7
Novembro 2018. Grazas a ésas nubes tralas que se iba agochando "Lourenzo" por alén Sálvora, as cales, minguando a súa intensa luz, permitiron rexistrar a nídia circunferencia nesta toma aproveitando os escasos intres xusto antes de se ocultar, logrando así cunha boa dose de sorte ésta evocadora composición á que tamén casualmente se animaron a sumarse dúas Gabotas enriquecerndo aínda mais a composición da imaxe.


8
Xaneiro 2019. Ésa impoluta tardiña có mar coma un prato no Primeiro de Ano, agasallounos dende Punta Barbafeita con éste Solpor, tendo de referente o altivo e esbelto Faro de Rúa, e a pesar désas atravesadas bateas de imposible elusión, aínda que si o queremos mirar con compracencia, non desmerecen pra nada o fermoso conxunto.
Bóh, tamén enchen o plano...


9
Febreiro 2012. Eiquí outra bela imaxe de reflexos nos Cirros. A diferencia con respeito á número 3 é que nesta imaxe estamos retratando un Solpor, nesa época do ano, dende Carreirón contra a Serra do Barbanza


Chegamos ó remate, mais non sen antes facer un chamado por si algún experto coñece as circunstancias naturais que dan orixe a estes belos fenómenos, e quer partillar unha axeitada explicación, agradeceríallo moitísimo, có ánimo de ir completando o álbume dun xeito si acaso mais académico...


O asalto dos Homes do Norte


O Asalto dos
Homes do Norte



(1) O Desembarco

Dous rapaciños enredan arredor do Cón de Navío, corren prá riba, e corren prá baixo, métense polos curruchos que sempre hai entre os penedos, gabean agarrándose ás gretas dos cóns que coas súas formas caprichosas dan azos á imaxinación dos pequenos, que son capaces de veren neles parapetos, torres de vixía, cámaras secretas do tesouro... De súpeto un deles, Xurxiño, que está no mais alto do cón, decátase dunha mancha aínda borrallenta que comeza a aparecer polo Sur, dende a liña do horizonte. O compañeiriño dél aínda seguía a enredar, nesto que sinteu a man de Xurxiño no ombreiro, reclamando a súa atención.

- Oes Lencho, mira pra-lá pra Sálvora, tí que ves naquelo que descobre. Será algo ou só unha miraxe que me parece a mín?

Lenchiño pousou con coidado de que non lle caíra abaixo, a lanza coa que estaba a defender o Con de Navío na súa batalla imaxinaria, pra ergue-la vista e observar dende enriba do cón esa cousa que comezaba a aparecer   por noroés de Sálvora, e que semellaba vir cara a eles adentrándose na Ría.

- Home, -dixo- a min parécenme barcos, pero non me parece que teñan a feitura dos de por aquí. Ademais parecen moitos. Nengún dos dous sabía contar pero o que tiñan ante os seus ollos era demasiada cantidade aínda que superan de números.

Desembarco Vikingo
na Area da Secada
Qué mais dará, pensaron ámbolos dous, tiñan cousas mais importantes que facer, así que continuaron cós seus enredios xogando arredor da "fortaleza" polo menos outra meia hora mais  ata que cadraron outra vez os dous xuntos no cumio do Cón. Instintivamente foilles inevitable outra ollada pró mesmo sitio. Pero nesta nova ocasión xa non había dúbida, eran moitos, moitísimos barcos, e definitivamente non eran coma os daquí. Eran bén distintos, dun tamaño medio, apenas se divisaban os detalles, unha proa que parecía moito mais alzada que o resto da embarcación, unha soa vela grande e cuadrada, e moitos remos a cada banda, detalle éste último que lles resultou decisivo pra imaxinar naves de guerra. E tiñan razón.

Tentando observar mellor o espectáculo, baixaron do penedo e dirixíronse a un alto que está a uns cen metros dalí dende onde se divisa por baixo toda a Canle de entrada á Ría, e puderon comprobar que os barcos mais adiantados xa viñan á altura de Ribeira, e agora xa se divisaban clariños dabondo. Era unha nube de velas que non presaxiaban ningunha cousa boa, e viñan lixeiros remontando a Ría cara á nosa Illa.
   
- Eu voullo dicir ó meu pai, porque a mín dame que isto non é moi normal. Os rapaces sentían que eran importantes ó comprobaren que os seus xogos de vixiancia de invasións inimigas deran resultado, así que o seguinte paso era dar o aviso ós maiores, que saberían valorar e recompensar o seu traballo.

Arriaron rápidamente no chan todo o armamento e colleron o camiño pra baixo, correndo cara ó Naso. Alí estaba medio pobo traballando nas terras, ou todo enteiro. Toda a xente ficaba completamente allea ó acontecemento, pois dende alí aínda non lles era posible observar o suceso canda os rapaces, mais para cando Xurxo e Lencho chegaron abaixo a contarllo, xa se podían ollar algúns barcos dende alí.

Comezouse a apoderar da xente unha tremenda inquedanza e algúns aínda se atreveron a achegarse ata os Cóns de Punta Cabalo pra asistir, cós ollos coma pratos, a impresionante formación de un cento de "drakkar" inzados de temibles normandos, que polos ruxidos que xa se sentían en terra, non parecían vir con intencións moi mansas.

mural de J.Benito Iglesias
Certamente, á media mañán xa deron fondeado e acampado entre a Area da Secada e O Naso, sobre todo na primeira, pola súa maior lonxitude, que permitía concentrar a meirande parte da flota, facilitando a óptima coordenación das forzas. Os probes labregos, intimidados polo asombroso espectáculo puderon comprobar como desas estranas embarcacións saltaban en terra uns homes altos e grandes, nos que destacaban unhas longas guedellas e barbas loiras. Pero o que mais alarmou á xente foi que chegaban armados ata os dentes, a meirande parte deles cunhas pavorosas machadas de doble folla que levaban suxeitas ó lombo, outros unhas grandes espadas que tamén carrexaban nas costas, e que parecían mais longas que eles mesmos. Moitos, antes de saír do drakkar agarraban lanzas, mazas, e candanseu redondeado escudo.

Nas mans duns xigantes da maneira, eses instrumentos de morte, xunguidos ós berros e alaridos que os dous mil túzaros cuspían pola boca, creaban un cuadro apocalíptico que tiña aterrorizadas ás sinxelas xentes da Arousa. Algúns destes, os que eran mais relixiosos, mesmo tiñan asumido que a fin do mundo chegara por fin ése día...





(2) O ataque á Arousa



Así os Vikingos se adentraban en terra, encamiñándose no seu obxectivo da presurosa conquista da nósa pequena vila, íanse decatando de que deixaban atrás a unhas escorredeiras figuras  que con fugaces movementos axexando nas sombras apenas permitían apreciar a súa dramática e triste estampa, fracos ata os ósos e algúns cáseque encoiros, a canto deixaban sentir a súa presencia cando se agochaban ó paso dos loiros guerreiros, que nonos percibían coma unha ameaza, mesmo bastantes deles confundíanos cós cans asilvestrados que había pola zona.

Aquelas sombras eran, incríblemente, monxes do mosteiro, eran coma unha especie de anacoretas que habitaban como podían polo Monte árriba, tentando cumprir os seus votos de austeridade mortificándose a xeito de vivir coma alimañas nas gretas e nos abrigos dos cóns, mal alimentados e pior vestidos, adicados en corpo e ánima á contemplación e á oración. Estes homes sinxelos e piadosos ata o estremo só baixaban dos seus acubillos polo solsticio do inverno pra iren polas casas dos veciños a pedir unha esmola coa que amainar mínimamente as súas necesidades corporais, que dalgún xeito  pagaban coa promesa de oracións e pregarias polos "difuntiños que van alá".

Non foi difícil prós vikingos atrapar a algúns deles, visando así a súa condición relixiosa, cousa que rematou por infundír dalgún xeito nos bárbaros nórdicos un pasmoso temor e respeto, pois á vista do seu patético aspecto, acomparábanos cunha especie de santos ós que non era aconsellable facerlles mal ningún porque traería mala sorte. Ou acaso podían provocar algún castigo dos seus deuses do Norte, que non se verían compracidos en facerlles dano a uns homes tan píos e entregados á súa fé. 

Tamén podía ser que non viran neles nada interesante que pudesen aproveitar... O caso foi que alí os deixaron quedar, como involuntarios e afortunados testigos do paso daquelas poderosas hostes en misión de saqueo, destrucción e extermínio. De calquera xeito, pra cando os infernais invasores chegaron ás terras de lavradío, xa non quedaba ninguén alí. Homes, mulleres e crianzas xa chegaran neses intres ó pobo, onde repinicaba furiosamente a campá da Capeliña do Nicho chamando a rebato ós poucos que aínda non coñecían as espantosas novas. En total un cento ou cento e medio de veciños que rápidamente se xuntaron dentro dela, as mulleres cós miniños e os vellos, dispuxéronse ó fondo, no altar, e os homes mozos e menos mozos pero sans, por dentro da porta principal, ó pé da despretensiosa fachada có sinxeliño campanario na cimeira, onde penduraba a única campá coa que tanto traballaba o campaneiriño.

Reconstrucción
segundo dados históricos
da desaparecida
capeliña do Nicho
Ninguén daba chío, mais dentro dese sepulcral silencio todos pensaban o mesmo: que alí entrar, entraron, pero non sairían. Todos agardaban, mais non sabían o qué, có corazón latexando na gorxa. Si acaso polo momento fatídico que daban por seguro, sen defensa ningunha nas mans, que por outra parte nin falta que facía, sabendo que era mesquiño tentar opoñerse á aplastante superioridade da estampida de asasinos que xa se escoitaba chegar. O pavor era abafante, as nais recollían cós seus brazos os fillos pequeniños. Vellos e mozos tremían coma varas. Todos lembraban as historias que os seus abós lles contaran moitas veces, que falaban de terribles matanzas noutra lonxana invasión que acontecera xa había mais de cen anos, que agora imaxinaban semexante á que infortunadamente tocoulles vivir. Eran historias de destrucción e morte que resistían o esquecemento, quedando marcadas a lume nos medos de cada ánima que alí ficaba.

Xa sentían os coléricos gritos dos crueles invasores que baixaban das Rubas. Porén, unha vez esgotado o escaso tempo no que contaban telos enriba, para a súa sorpresa, os nosos espantados Carcamáns percibiron que aqueles indesexables pasaban de largo...

Certamente, non se dirixiron á capela do Nicho como todos contaban. O primeiro obxectivo dos vikingos era unha casa que semellaba fortificada debido a que tiña nun canto do edificio unha torre almenada que destacaba nídiamente sobre todo o demais, enriba do pequeno outeiro no que se asentaba. Dende alí mantíñase dominio visual sobre o pequeno pobo, cousa que o convirteu na primeira diana dos atacantes en canto o divisaron.

Non se trataba de ningún castelo, senon que era a casa reitoral do Abade do Mosteiro de San Xiao, que efectivamente tiña nun dos pinches unha especie de torre como reforzo defensivo, ó xeito de outros edificios relixiosos que se construían así naqueles tempos, nos que de cando en vez producíase un ataque de saqueo de piratas vikingos ou árabes.

Tiñan un fundado temor os vikingos a que nesa edificación, que eles miraban coma unha construcción militar pudese haber forzas que lles fixesen fronte, que aquí non era tal, ou que artellasen sinais utilizando lume e fume para comunicaren con terra firme que algún acontecemento moi grave estaba a suceder, o que desencadearía a organización dalgún tipo de resposta dende terra que desbaratase as ansias saqueadoras e devastadoras dos loiros guerreiros nórdicos.


Fixeron unha matanza, da que non se librou nin Abade nin frades, nin ninguén que tivo a nefasta sorte de ficar por ali a ésa mala hora. Os frades deixáranse quedar aínda alí a pesar de que non lles faltaban gañas pra escapar, mais resistíanse a abandoa-lo que era o seu refuxio de oración, un lugar onde se sentían seguros. A súa fé obrigábaos a pensar que aquilo non ía rematar tan mal como parecía...

Non serviron de nada as súplicas implorando unha imposible clemencia polas súas vidas.

Non houbo sobrevivinte ningún.

Os Vikingos tuveron  bó coidado de non derruir a torre almenada, pois brindáballes unha posición privilexiada prás labouras de vixiancia que deberían comezar a facer de todo o entorno dende distintos puntos estratéxicos da Illa, os cales xa case tiñan definidos, a pesares do curto espacio de tempo transcorrido dende o seu desembarco. A un tempo que avanzaban ían controlando as posicións, valorando as cualidades de dominio e as feblezas de cada sitio con certeira diagnose, como era de esperar destes expertos piratas, de curtido pelexo por tantos saqueos e batallas arredor de todo o mundo coñecido e aínda descoñecido.

Alí deixaron a primeira cuadrilla de vixiancia na torre, e dirixíronse cara á Capeliña do Nicho onde sabían que estaban refuxiados o resto dos horrorizados veciños, que ficaban alí acubillados e certos de que non ían contemplar o solpor dese mesmo día...






(3) A Proposta

Aínda ben non chegaron os arroutados Normandos á porta da capeliña do Nicho, fíxose dentro un sombrío e cavernoso silencio. Os veciños que ficaban mais preto da entrada arredáronse pra atrás prudentemente, temendo que derrubaran as portas e lle caíran enriba. Abaixo nonas botaron, mais non lle foi moi complicado abrir as dúas follas de par en par, levando por diante a fechadura có empurron que cinco ou seis deles lle deron a un tempo. Os espantados arousáns correron instintivamente mais atrás, ata ó altar. Xa non quedaba mais sitio pra onde fuxir. O epílogo que esperaban chegou por fin.

Con todos dentro da capeliña, os depredadores ficaron inmóviles durante uns intres ante as súas asustadas presas. Semellaba que dubidaban do seguinte e definitivo paso que lles quedaba por dar. Prós aldeans foi sentido coma se transcorriran unha ou dúas horas de agónica ansiedade ante a incerteza da situación, mesmo algunhas mulleres ficaban  xa no chan desmaiadas, vítimas da abafante angustia do momento.

Mais non era indecisión, agardaban a chegada dun deles, un que debía ser o seu comandante, pois levaba por riba da roupa unha especie de enorme e frondosa pelexa a xeito de capa, feita có que parecía un pelexo dalgunha caste de besta lanuda, cecais dun oso, a cal conferíalle un porte diferente ós demais, unha especie de distinción de clase, ou de mando. Colouse polo canle que os seus homes fixeron ó medio e medio ata que se chantou diante de todos ollando ameazadoramente pró atestado altar.

Sen se virar de costas, dixo algo, e de súpeto apareceu a carón dél un dos de atrás, de figura mais cativa que a meirande parte deles, e prácticamente desarmado, pois só portaba un pequeno coitelo ou puñal ó lado dereito De inmediato adiantouse cara ó grupo dos veciños tentando a comunicación con eles por medio de señas. Parecía que buscaban  algún "xefe" con quén puderan parlamentar. 


Folga dicir que entre os veciños ninguén ousou postularse voluntario para negociar, mais de xeito instintivo tódalas miradas apuntaron a unha persoa no medio deles. Chamábano Sr. Manoel de Cores. Este home non era ningunha representación legal dos veciños, pero certamente posuía un grande carisma entre eles polo arroxo e determinación que sempre poñía cando de negociar de asuntos de contratos cós frades se trataba. Era un home de conviccións sociais inéditas pra aquela época, unha persoa que sempre procuraba a defensa da parte mais feble, que eran eles mesmos, e unha persoa na que confiaban sempre pra defender os intereses da comunidade. Así que de facto resultou designado unánimemente, mal que lle parecese ó probe home, porque non era aquela unha boa situación pra destacar. Mais xa non tiña remedio pra él.

Feita a escolla do interlocutor, outra vez por medio de señas, e un pouco tamén collendo catro palabras que uns e outros coñecían do latín, uns por telo asimilado doutros sitios onde estuveron de visita, e os outros polas diarias arengas que recibían na misa a cotío, o caso é que foron capaces de transmitir unha proposta que de ningún xeito os nosos veciños esperaban:

O que os invasores querían, era establecer unha base segura na que preparar nos meses seguintes os definitivos ataques cara ás riquezas que perseguían na Sé do Bispo en Compostela, obxectivo polo que viñeron ata aquí. Pra eles esta illa era o lugar mais acaído de toda a zona: unha posición privilexiada no medio da Ría, controlando tódalas entradas e saídas dela, unha illa nin moi pequena nin demasiado grande, con varios outeiros dende onde vixiar, e por mor disto último, de doada defensa en caso preciso. A única illa na Ría con terra cultivable dabondo pra abastecer de víveres ás valeiras adegas dos seus drakkar.

Porén, pra lograr isto último, precisaban que as xentes proseguisen coa súa vida sen descoidar as súas labouras na terra e no mar, cuxa producción entregarían ós invasores polo tempo que fixera falla. A proposta era ésta, e en contrapartida prometeron que toda a xente conservaría a vida, agás lóxicamente os probes monxes que xa pagaran con ela un pouco antes. 

As alternativas ofrecidas fixeron doada a escolla prós arousáns, así que a cousa solventouse moito mellor do que pensaban ata había ben pouquiño. Era preferible salvaren as vidas, aínda que quedasen convertidos en escravos de dous milleiros de arroutados nórdicos. Noutros pobos darredor non poderían contar o mesmo.

Pero despois dos primeiros suspiros de alivio comezaron a ver os problemas que ía provocar este trato. O Señor Manoel tentou convencelos do imposible que resultaría pra eles alimentar a tantísimos homes có produto do seu traballo, pois có seu esforzo diario escasamente conseguían bulrar a fame e sobrevivir. Si lles tiñan que entregar todo o que tiñan, morrerían de fame. Conseguintemente o que lles esperaba non era a escravitude, senon a morte por inanición. Isto era un calexón sen saída.
Tuvo habilidade o Sr.Manoel en facerllo entender ós vikingos, pois axiña o asimilaron, decatándose de que eran demasiada xente prás posibilidades reais dos seus reféns, así que de xeito inmediato tomaron a decisión de se dividiren e buscaren outros lugares pola Ría que considerasen axeitados estratéxicamente, e non moi alonxados, dividindo os seus asentamentos en terra, que por certo tamén lles facilitarían un mellor control de toda a Ría.

Así o fixeron, e ó cabo de poucos días xa estableceran campamentos nun lugar chamado A Xunqueira en Rianxo, e na Illa de Cortegada, que coa Arousa, eran lugares óptimos e de rápida comunicación, dende os que poderían coordinar a necesaria unidade de acción de todo o seu exército que faría mais doado o control de calquera ameaza darredor deles.


Na Arousa estableceron o campamento nos lugares onde desembarcaron, onde por riba atoparon un outeiro ideal que lles facilitaba enormemente a vixiancia de toda a Ría: todo o entorno do Con de Navío dende onde foran avistados por primeira vez por Lenchiño e Xurxiño. Todo parecía favorecerlles, pois aínda descobriron ó pé deses penedos unhas gretas na pedra que nalgúns casos mesmo convertíanse nunhas covas que lles permitirían manter agochada unha gornición de vixiancia mais ou menos estable alí. Nesas fendas tamén podían gardar armas e parte do necesario pra ficar nese sitio sin ter que baixar dalí.

En canto ós Arousáns, nas seguintes semans tuveron que facer en varias quendas sendos viaxes cargados como cada quén poido, o camiño cara ó campamento vikingo, enchendo as despensas déstes con toda caste de legumes, gran, animais, peixe, etc., o que lles deixou valeiras as súas propias. Bueno, como tamén é loxico supoñer, non se ían deixar morrer de fame tan cedo, e foron capaces de se amañaren pra furtar algo prá súa propia subsistencia, o cal era tolerado polos invasores, pois convíñalle que a comunidade continuase coa producción, e nono ían lograr se convertían ós seus escravos en famélicos esqueletos ou en enfermos sen forza pra traballar.

O que non sabían os nosos veciños era que os tiranos que os tíñan presos tampouco pensaban deixar vivo a ninguén pra cando se embarcaran no asedio das riquezas do Bispo en Compostela.

Ante a incerteza do seu discorrer polas nosas terras, que iba parexo ó aleatorio resultado das súas empresas bélicas, non consideraban moi acaído prá súa propia seguridade deixar ningún tipo de ameaza nin resistencia na retaguardia. Os reféns ficaban polo tanto inorantes deste desenlace que lles tiñan reservado, e aínda se consideraban cheos de sorte por teren salvado a vida cando xa non daban un can por ela.

Así foron pasando algunhas semanas cuns e outros cumprindo a súa parte do contrato, onde por certo os Vikingos, sen se decataren, ían relaxando cada vez mais as súas obrigas de vixiancia e control, acomodándose a unha situación na que non só non atopaban resistencia, senon que tiñan a todo o pobo entregado en mantelos.

Por certo, que este afrouxamento do seu celo invasor foi bén aproveitado polos nosos Lenchiño e Xurxiño, que eran uns rapaces moi confianzudos que nese pouco tempo conseguiron entablar certa relación de camaradería con algúns grupos de túzaros, que xa os tomaban coma unha especie de mascotas coas que pasaban moitas horas mortas enredando, ou utilizándoos pra que lles ensinasen os recunchos da Illa de xeito que os poidesen aproveitar estratéxicamente nos seus fins dominadores. O asunto foi que os pequenos puderon dalgún xeito adiviñar os terribles plans que tiñan reservados pra todo o pobo, e que non tardaron en transmitir ós seus país e éstes ó resto da xente.

Había que estar atentos e buscar axiña un plan có que fuxir todos xuntos antes de que os seus verdugos pudesen levar a cabo a nefasta idea que pretendían.






(4) A fuxida

Si, pero como iban a facer pra fuxir? Si pensaban facelo coas embarcacións que tiñan os poucos veciños que se adicaban á pesca, ían a resultar moi pequenas, e era ademais bastante probable que chegado o momento tampouco houbera tempo pra que todos se pudesen xuntar e escapar a un tempo e polo mesmo camiño deste xeito que semellaba bastante aparatoso.

Tamén estaba o problema de carrexar con miniños e vellos, dando xa por seguro que non sería posible levar canda eles ben material ningun, pois a evasión tiña que levarse a cabo rápidamente, e aínda así, sabían que sería moi difícil que o éxito os acompañase a todos.

- Estamos apañados, non vexo solución, dixo un, ó que lle replicou inmediatamente outro:

- Pois logo imos ter que escapar cada un por onde poida e como boamente sexa capaz, pero con éstes tan preto de nós, non vexo o xeito. Aludía este veciño ós vixiantes que rondaban polo medio das casas do pobo e que lles deixaban moi poucas oportunidades propicias coas que gañar ese mínimo e precioso tempiño de avantaxe sen levantaren sospeitas.

Sexa como for, tiñan que decidilo nese intre. Probablemente non dispuñan xa de moito tempo antes de que os Vikingos se puxesen cós preparativos prá súa ofensiva, e xa sabían que entre os prolegómenos deses preparativos iniciais figuraba "ocuparse" da xentiña da Arousa, e non precisamente con moi bós augurios. Non lles quedaba outra, era preciso seguir matinando e esmagando os miolos ata que se lles ocorrira a solución que precisaban prá súa supervivencia.

O Señor Manoel de Cores que como xa se dixo era un home moi afeito a situacións que requerían certa axilidade de resposta, baraxaba as distintas opcións que xa se prantearan, mais propuxo unha nova que ningún dos alí presentes contemplaran aínda, e que a canto a remenxía na súa cabeza revelábaselle pra él como a mellor. Non, a mellor non... A única!

Aproveitou uns intres de cavernoso vacío có que de súpeto se encheu tanto o lugar como as ideas dos seus veciños pra tomar a palabra dun xeito decidido e solemne, xeito có que tentaba atraer sobre sí, non só a atención de todos, senon a súa propia concentración pra que o grupo asimilase ben o que pretendía transmitirlles: 

-Atendédeme agora todos a mín. -dixo-  como moitos de vós xa saberedes, nestes días está aumentado a seca, e pra dentro dun par de días pola mañanciña seguramente será cando mais baixe o mar. Pois ben, sen desbotar completamente as opcións que vimos de falar, eu propoño que o mellor xeito de liscar todos nunha quenda e dun xeito rápido sería escapar xuntos e a pé, polo Bao, dúas ou tres horas mais ou menos antes do abrente e atravesar, aproveitando o momento mais baixo da marea. Sei que é moi arriscado e nada doado de coordenar, mais a mín paréceme bastante mais viable que as outras opcións que vimos de expoñer eiquí. Poderíamolo organizar xa agora mesmo, xa que non dispoñemos de mais tempo.

Pasaron uns intres de indecisión, onde cada quén valoraba pra sí a última idea tratando de acomodarse a ése plano dentro das súas particulares limitacións persoais ou familiares de a poder levar a cabo, mais axiña comezaron a se escoitar as aprobacións dos presentes, que de inmediato deixaron o asunto acordado e estabelecido nos termos prantexados polo Señor Manoel.
Inmediatamente homes e mulleres fóronse prás casas pra comezar os seus propios preparativos, xuntando nun currucho aqueles obxectos (o indispensable) que pudesen levar consigo e que non lles limitasen os movementos na fuxida dentro dun par de días. 

Había que deixalos á man prestos pra collelos de inmediato e fuxir con eles cando chegase o sinal, sendo esto último moi importante que o meteran no sentido, pois non podían perde-lo tempo á última hora rifando en disputas sobre o que cada quén carrexaba. As normas acordadas eran clariñas: "Levar o indispensable, sempre que non lles impedise alixeirar o paso ou aínda botarense a correr, supoñendo que se viran obrigados polas circunstancias do momento.

Non había mais que falar, a decisión estaba tomada, mais o que non sabían os temerosos Arousáns era que mentres preparaban e se organizaban nestas tarefas prá fuxida, no outro lado da Illa, no campamento vikingo da Area da Secada, rexistrábase neses precisos intres un verdadeiro balbordo, produto das urxentes ordes que viñan de recibir da man duns emisarios.


Os guerreiros amosábanse moi exaltados e nervosos, pois estabase a difundir entre eles esa orde urxente que chegara traída por un mensaxeiro dende o outro campamento, o da Xunqueira de Rianxo, onde se asentara o segundo grupo. Este correo traía as novas ordes dos seus xefes no senso de arranxa-la saída inmediata cara a Compostela. Tamén xa pasara polo terceiro campamento, o estabelecido na Illa de Cortegada, no que quedou transmitida a mesma orde, polo que a totalidade das forzas ficaban coordenadas pró ataque.

A embestida produciríase masiva e sorpresivamente, do xeito que sempre executaban as súas accións os Vikingos, coa idea de arrasar -con toda probabilidade no mesmo día- a Sé do Bispo, e superando coa violencia e contundencia que os caracterizaba as m A embestida produciríase masiva e sorpresivamente, do xeito que sempre executaban as súas accións os Vikingos, coa idea de arrasar -con toda probabilidade no mesmo día- a Sé do Bispo, e superando coa violencia e contundencia que os caracterizaba as murallas, exterminando as tropas que esperaban atopar. O resultado desta ofensiva sería o arraso da cidade e a colleita dun fabuloso tesouro que supoñían en poder do Bispo,  que dilixentemente tiña custodiado intramuros das def urallas, exterminando as tropas que esperaban atopar. O resultado desta ofensiva sería o arraso da cidade e a colleita dun fabuloso tesouro que supoñían en poder do Bispo,  que dilixentemente tiña custodiado intramuros das defensas da vila. 

E que se supoñía que ían facer coa xente da Arousa? 

Dada a premura do cambio de plans acontecido, as ordes non falaban de nada disto, polo que os xefes do campamento tiñan man aberta pra actuaren segun considerasen mais apropiado.

Non se poñían dacordo, pois mentres algún propuña pasar polo coitelo a tódolos habitantes levando con eles todo o botin que pudesen carrexar, había outros que pensaban que o mellor prós seus propios intereses era deixalos en paz polo momento, por si ó remate do asalto se atoparan obrigados a facer a saída por esta mesma Ría pra cando viñesen de retirada despois de arrasar Compostela. Así poderían, camiño xa do seu país, aprovisionarse por derradeira vez enchendo ata os topes os drakkar con víveres e có botin que acadasen. Chegado ese momento, xa verían o que facían coa xente, aínda que tampouco tiñan excesivo interés en matalos a todos, xa que non percibían neles ameaza ningunha, e roubar podíanlle roubar todo o que quixesen, xa que estaban certos de que os poderían volver a someter tan doadamente coma da primeira vez.

Viron os Vikingos nesta última opción a mais acaída prós seus intereses, polo que na alborada do día seguinte saíron todos prá nova misión sen que ningun dos nosos veciños pudera enterarse de nada do que estaba acontecendo, dado que aquéles tiñan establecida dende o primeiro día unha especie de toque de queda á tardiñaque impedía saír das súas casas a ninguén, baixo pena de morte inmediata, cousa que aínda que os nosos veciños nunca lles deron a oportunidade para que demostraran a efectividade do castigo, ninguén dubidaba tampouco da determinación en executalo, como é doado supor, dada a natureza dos salvaxes nórdicos.

Así foi que da noite prá mañán os Arousáns atopáronse sós e liberados dos seus opresores, cousa que aínda lles costou bastante asimilar, pois non era éste o desenlace que tiñan previsto, e recelaban desta inesperada situación que se lle evidenciaba doada e sinxela por demais, tendo en conta as penurias e vexacións ás que os inmundos invasores os obrigaran no pasado recente.

Así que unha vez que se aseguraron de que o pobo estaba baldeiro dos túzaros vikingos, pegaron varias batidas polos catro costados da Arousa, dende a Area da Secada ata Carreirón, e dende Testos ata Riasón, na procura dalgunha presencia que remanescese dos aborrecidos piratas. 

Nada, non atoparon nin ó primeiro deles.

Porén, todos se conxuraron acordando en que se tiñan que organizar un pouco, vixiar alomenos durante os prósimos días por si se producía a chegada doutra xeira de cabestros coma os que se acababan de ir.

Polo tanto, e polo que pudese pasar, que ninguén desfixese o fardo que agochaba na casa preparadiño prá fuxida inmediata...


     




(5) A Derradeira visita

Está escrito na Historia que os Vikingos remontaron a nósa Ría saqueando cada aldea e cada pobo que ían atopando, deixando unha estela de caos e morte. Mesmo chegaron a matar ó Bispo de Compostela, que lles fixo fronte na batalla de Fornelos. Alí conseguiron unha importante victoria que lles facilitou liberdade de movementos por toda Galiza, uns desprazáronse cara ó interior chegando ata o Cebreiro, e outros embarcaron novamente coa intención de penetrar por Tui  remontando o Miño e repetir a súa triste historia de terror por eses lugares.

Polo tanto, executaron o que xa tiñan planeado cando saíron da nosa Illa, volveron sobre os seus pasos atravesando a Ría, esta vez rumbo ó Sur pra saír dela por Sálvora. E no medio ficaban os nosos Arousáns, que xa quedaran medios retrencos e desconfiados cando de súpeto se atoparan ceibes dos vikingos.

Os pesadelos que aínda padecían polas noites coma inexorables secuelas da nefasta experiencia do seu cativerio nas mans daqueles implacables carcereiros íanse tornar doutravolta reais.

Dende varias posicións de vixía que aínda mantiñan os nosos veciños dende que se foran a primeira vez, foron avistados os drakkar que baixaban polo río de Catoira cara ó Sur a traveso do Canal, pero que inmediatamente rectificaron o seu rumbo pra poñer proa á nósa Arousa. 

parte da fortificación
"Castellum Honesti"
que tivo ata sete torres
en ámbalas beiras do Río Ulla.
Hoxe só quedan dúas, ás que
chamamos "Torres do Oeste"
E unha vez mais quedaron os probes veciños da Illa fechados, sen tempo nen medios pra abandoala tal como creían ter ben estudado. Só lles deu tempo a algúns a escaparen pró Cón do Forno, onde se acubillaron buscando refuxio nos ocos daqueles penedos, pregando pra que as hordas deos guerreiros que tan bén coñecían nonos atopasen alí.

...Non foi que nonos atopasen, é que nin tan siquera procuraron por eles. Satisfizeron as súas ansias devastadoras con saquearen todas e cada unha das casas roubando todo canto consideraron de valor e puderon levar, asasinando a todo-los que atoparon por diante e que, pra desgraza déstes non acadaron a tempo o xeito de fuxir. 

Porén, os Vikingos non podían perde-lo tempo en remenxer polo pobo adiante na procura dos seus antigos escravos só pra afartárense dun afán exterminador sen mais senso, pois debían emprende-lo camiño sen demora. Os seus xefes eran ben conscientes da súa posición feble, pois só dispoñían duns poucos días, cecais só unhas horas, antes de que as forzas que estaban a preparar algúns nobres galegos para darlles resposta fosen capaces de se organizaren , así que non lle podían conceder a mínima posibilidade de se atopar envoltos en loitas que comprometeran a súa integridade e a fuxida có botín.

Os vikingos eran un atallo de túzaros que sustentaban a súa bravura na impresionante figura que ofrecían coa súa corpulenta presencia e mais na cruel e implacable acción asasina desprovista da mínima clemencia, pero tamén sabían ser intelixentes pra recoñecer cando unha situación  se tornaba en contra. Non ían ser tan pArvos de estragar a súa temporal superioridade.

De inmediato douse a orde de abandoar a Illa, e nesas estaban cando atoparon no medio do tumulto ós nosos Xurxiño e Lenchiño, que nesas horas xogaban polos areais e antre os cóns preto das súas casas, alleos a todo o que acontecía. Os pequenos aínda non eran conscientes da gravedade da situación, nin da anguria dos seus pais que nese intre andaban na súa procura entre os veciños refuxiados nos arredores do Con do Forno, onde todos estaban agochados.

Non tardaron en se decataren de que alí nonos tiñan, mais no seu desasosego procuraban forzar a esperanza de que os cativos se xuntaran con outras familias ó escapar, ou si acaso aínda conseguiran liscar pola súa conta cara a calquera dos currunchos que os rapaces coñecían perfectamente dos seus inocentes xogos de crianzas.

Mal pensaban os seus aflixidos familiares que, lonxe de tal cousa, os dous nenos, ó veren voltar ós guerreiros normandos, achegáronse ata un grupo deles, a algúns dos cales coñecían da anterior "visita". Non recoñecían neses guerreiros a xentes tan desalmadas como realmente eran, pois como xa sabemos, o trato que lles outorgaron ós pequenos foi radicalmente distinto a aquel có que mortificaron a tódolos seus maiores. Tiñan pasado moitas horas cós pequenos, unhas veces utilizándoos coma fonte de información e outras como guías, cando non se poñían directamente a xogaren con eles, así que nin Xurxiño nin Lenchiño os percibían coma unha ameaza.

Tamén é ben certo que nalgún fugaz momento pasou pola cabeza dalgún dos asaltantes acabar con eles, cousa que, dito sexa de paso, non lle suporía a aquelas alimañas esforzo moral ningún.


Porén, non chegou a pasar tal cousa porque un daqueles "armarios" nórdicos que tan bén coñecía ós críos, adiantouse ás intencións de algúns dos seus compañeiros e colleunos cadanseu embaixo dun brazo coma quén leva dous porquiños pró mercado, e embarcounos nun drakkar a canda él. Alí quedaron os miniños "depositados" e amoreados có resto do botín saqueado en Compostela e en tódolos lugares por onde pasara a turba vikinga.

Polas crónicas da época é ben coñecido que o futuro que lles agardaba a aqueles prisioneiros que os vikingos levaban consigo cautivos prá súa terra apresentábase verdadeiramente sombrío, pois adoitaban seren vendidos e utilizados coma escravos, en moitos casos con fatal epílogo.

Mais, por sorte prós nosos Xurxiño e Lenchiño, non era ese o triste destino o que lles agardaba, senon que, por mor da simpatía coa que sempre os trataron algúns dos que agora se tornaron raptores seus, aconteceu que cando arribaron ás terras nórdicas, foron quén de introducilos na propia comunidade pra seren acollidos en cadansúa familia naqueles xélidos paraxes.

Nese ámbito seguiron medrando, entorno ó que se sumaron metabolizando tan dramáticos cambios nas súas vidas coa sinxeleza das crianzas, que mesmo coma esponxas os absorven, asumindo rápidamente as costumes de tan distinto e distante País. Mesmo chegaron a formar a súa propia progénie, algúns dos cales se converteron en guerreiros daqueles temibles exércitos que raptaran ós seus pais moitos anos atrás.

Á nósa Illa, que os Vikingos deixaron arrasada na última visita, xa non voltaron ata transcorridos uns sesenta anos mais, na que foi a derradeira invasión na que se puido ver a aqueles bárbaros guerreiros normandos polo noso País.

Mais desta volta xa non conseguiron arrasar ningún pobo, nin saquear botín ningun, alomenos na Ría de Arousa, considerada a porta de entrada a Galiza polos normandos, pois foron contundentemente rexeitados polos exércitos que tanto o Bispo de Compostela como a Nobreza galega lograron organizar, levantando varias fortificacións e torres defensivas a ámbalas dúas beiras da Ría, unha das cales tamén foi erixida na nósa Illa.

Recreación sobre unha foto antiga
da aparencia da Arousa coa Torre
na súa ubicación orixinal.
Logo de fuxir daquí escorrentados,  aínda continuaron por un tempo as súas depredacións por Galiza, penetrando por outros lugares máis ó Sur. Pero xa foi a súa derradeira invasión.

...E disque un dos Caudillos deses guerreiros que voltaron por última vez nos primeiros anos do século XI era alcumado polos seus súbditos como "O Galego", cousa que dou pé a unha manchea de conxeturas a propósito da orixe de tan enxebre pseudónimo. Un enigma do que por certo tampouco dan cumprida resposta as crónicas históricas da época.

Mais os Arousáns sabemos agora doutra historia, así que certamente serán outros os que non coñezan a orixe do enigmático sobrenome daquel último guerreiro Vikingo, porque nós sí que temos unha idea.


Pero ése é o noso segredo...








- F I N - 







© fmca

O Faro e o Alén


O Faro e o Alén



Rematado o Vran, os días esvaécensenos cada vez mais axiña, o Sol vai perdendo a forza do estío, mais bríndanos outras características que, sempre que a climatoloxía acompañe, permítenos unha gama particular das características tonalidaes que podemos desfrutar neste noso fin do mundo. O asunto é organizarse pra coller eses solpores có mellor encuadre, en cada ventá de luz, probando distintas configuracións na cámara pra lle poñer un anaquiño de creatividade á beleza coa que xa de por sí nos cubre a Natureza.

Con ése ánimo cargamos cámara e trípode, poñendo rumbo á Punta do Campelo, pra ir buscando con tempo a mellor posición pra cando "Lorenzo" se puxese mais estupendo, procurando sempre a referencia do noso tan fotoxénico Faro de Punta Cabalo. Logo dunha chea de tomas, unhas malas e outras non tanto, ésta foi a miña escolla definitiva, que subimos eiquí seguindo a mesma orde da secuencia natural da formosa ocultación:

Pasen e déixense cautivar polas seductoras formas do Faro de Punta Cabalo, espido polas luces do Alén, camiño do equinoccio do inverno...



Núm.1


Núm.2


Núm.3


Núm.4


Núm.5


Núm.6


Unha vez satisfeitas as necesidades do esprito, e como gosto de que os leitores participen dos contidos do retratista repunantiño, dirixo ós que se sintan mais enredantes ou participativos a seguinte encuesta. De seguro que o calquera que sexa a foto gañadora, estará dignamente escollida...





A lagoa de Carreirón


A Lagoa de Carreirón


Quenda para o humidal mais grande e mellor conservado da Arousa. Unha lagoa que mellorou considerablemente após a mais recente actuación de hai catro anos, cando a presenza das excavadoras presaxiaba grandes desastres para o fraxilísimo equilibrio dunha zona húmida moi ameazada dende moitas frontes. Unha délas é a xeográfica, cunha intimidante liña de costa que vai subindo imparable debido ó cambio climático e que o podería inundar de auga salgada acaso nalgún forte temporal que rachase a delgada duna que os separa. A outra é a cada ano mais inxente e ameazadora presión humana do Vran, coa conseguinte parte de turismo de cubito e paleta ó cal o último que lle importa é o respeto e sostenibilidade deste tesouro noso.


Unha lagoa que a pesar do estacional e cada vez mais escaso aporte de auga do inverno, que non lle permite rematar o Vran con auga, conserva unha envexable variedade de fauna e flora. Como adoito proclamar, non temos grandes cantidades mais sí un amplo álbume de especies. Neste post so vou incorporar unha pequena representación delas, tentando dar unha imaxe gráfica desa diversidade. Si acaso subirei as mais raras de atopar ou as que a mín me parecen mais vistosas. Todas contribuirán a poñer en valor este espazo tan singular da nosa Illa e da Galiza:




Dos Rascóns dise por aí que é mais doado escoitalos que velos, có cal estou dacordo. Si lle coñeces o chío avísanche da súa presenza dende algún lugar do humidal. Mais outra cousa ben distinta é chegar a ollalos, pois as súas aparicións son moi escollidas, e case sempre buscando a discreción das sombras, o que non che deixa moitas opcións pra chegar a desfrutar da observación con detalle.
Pois ben, si avistar un Rascón adulto é toda unha sorte, xa non digo ver dous, ou coma neste caso, ata tres, aínda que un déles fuxeu do plano no último momento. Seica dixo que tiña que rematar unhas xestións pendentes...
E como récord final, abeirar o insólito é acadar o retrato dun pitiño de Rascón, feito que, dentro dos meus posibles, debo calificar coma unha verdadeira "delicatessen" fotográfica. E con dupla satisfacción, comprobar que os nosos exemplares son residentes que crían á sua descendencia por eiquí, sen necesidade de migraren para tal menester.

RASCÓN MENINO (Dores Lobato)
Fuxín do colo da minha nai
coa ansia leda de ver o mundo...
E a uma foto fun a parar.
Pra uma vez que boto o pé fora
son apanhado por papparaccis
que se camuflan pola lagoa.
Tan elegante, todo de negro,
velaquí tou, apresentadinho,
neste tesouro que é Carreirón.
Tede respeito pola Natura,
fachendeade polo que somos:
afortunados polas misturas.


As Galiñolas negras que veñen pasar o inverno con nós, non che teñen seriedade ningunha ;-) pois aínda que este ano deixouse ver algún exemplar, foron catro tempadas as que pasamos en branco, dándonos pé a temer que xa non ían voltar por eiquí. A pesar das sobrias cores, é fascinante podelas contemplar.


E falando de galiñas, moito mais cromática é a Galiña de auga, na que destaca o seu magnífico peteiro que loce orgullosa, e que, coqueta éla, leva a xogo cunhas non menos repoludas "patorras" das que nesta imaxe só nos deixa adiviñar as suntuosas cores baixo a auga. Por certo, éstas sí que están empadroadas na Arousa, pois teño pra mín que fican e crían por eiquí todo o ano, aínda que nunca me cadrou ningún avistamento dos pitiños.


Un dos sons que é mais doado escoitar na Lagoa, é o escandaloso balbordo dos chíos cós que os Mergullóns pequenos inundan tudo o entorno do humidal, estrépito que liberan ó ar a canda unha boa manchea de hormonas, pois cando mais se esforzan adoita ser nesa época na que andan moi ocupados a facer as beiras con vistas á nova fornada...
Tamén crían aquí, como atestigua éste minúsculo pitiño que, aínda que na foto semella grande, non sei si pasaría dos 5cm. e que por casualidade se me puxo a tiro por primeira e única vez ate o dagora.



Aínda que cada ano se deixa ver, e sobre todo escoitar pola lagoa algún exemplar, bén sexa polo chío ou bén cando o sintes o seu chumpo na auga pra pescar, o Picapeixe é, porén, un dos que mais difícil che poñen o retrato.
Éstas foron as mellores "poses" que nos quixeron conceder, pois case sempre os vexo de costas, o que quere dicir que, coma sempre xa me avistaron éles antes ca mín, e xa fuxen do retratista repunantiño. Resulta moi aquelado que a pesar das súas cores tan rechamantes e vistosas, camúflase perfeitamente entre os xuncos e a herba alta da lagoa...

PAXARO AZUL - GUARDA RIOS
Pasou por onda mín a frecha azul
pescador implacábel
beleza irresistibel
un ser Azul-Arousa na Arousa azul
Olhou pra min inquedo e espectante
"sairei bem no retrato?"
Non pode ser noutrora, é agora!
enleoume nesta prenda, é o meu auto-regalo
Deume o seu mellor ar, o ar azulado.
Chegou có vento de novas mareas, e eu, sen presa,
namoreime na maxia da illa azul,
da beleza deste ser máxico.
(Obrigado, Dores Lobato)


Tamén é doado escoitar polo humidal o seu singular chío, algo así coma "rrrrrrrrrr" ;-) das Avenoiteiras, mais outra cousa bén diferente é atopar unha a plena luz do día e ser quén de te achegar a só un par de metros déla. Eiquí fica a procelosa historia de tan insólito encontro "na terceira fase"...


Éste é un dos mais recentes veciños da lagoa. Os Bicos de coral son unha especie exótica moi ben adaptada eiquí, onde xa forman unha ruidosa colonia. Porén, non están calificados coma "especie invasora", pois non compiten nin desprazan ás especies granívoras autóctonas. Nesta entrada do "bug-blog" locen mais.


O da foto foi o primeiro Esgonzo que avistamos no humidal da lagoa, aínda que xa o temos visto noutros lugares de Carreirón. Avistamentos que son cértamente complicados, apenas intuitivos, pois escúrrense entre a herba mais axiña que o tempo que tén o ollo de reaccionar, que xa é dicir. Ésta imaxe foi do primeiro encontro, que contamos nestra entrada anterior.


A Estroza, ou Raniña de Santo Antón é un dos mais entrañables bichiños que temos a sorte de contemplar na Arousa, e que teñen a súa residencia por todo Carreirón, nomeadamente no humidal da lagoa, onde a pesares de seren unha das especies de anfibios que noutros lugares da Galiza e da península fican moi ameazadas, por aquí aínda non resulta moi complicado atopalas. Agardemos que por moitos anos.




Vaia, que ó día de hoxe a Lagoa de Carreirón goza dunha aceitable saúde, a pesar da continua sementeira de residuos que con orixe en cada asentamento humán arredor de toda a Ría, aterran por cada currucho do parque guiadas por según qué azarosos ventos e correntes, e sobre todo a pesar da inxente presión humán que durante o estío teñen que soportar os bichiños, que precisan do espacio todo o ano. Eu coma éles non gosto déses danos colaterais que nos deixan os "continentais", aínda que supoño que xa estou afeito.

Afeito, mais vixiante...