x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

14_06

Nun roteiro habitual


Nun roteiro habitual

Retomamos nesta nova entrada os faceres diarios das vespas retratadas no anterior, pois acho que andan frenéticas e moi ocupadas nestes días. Por onde mais se percibe e ó camiñar polas sendas de Carreirón, pois en moitos sitios mesmamente enléanseche polas pernas no teu camiñar, de tantas que hai. Estranoume este feito, e puxen o punto me mira do obxectivo nalgunhas que semellaban escarbar na area. Pensei que estarían construíndo algún refuxio ou algún niño, pero non, aínda que a simple vista nono vin, coa ampliación da foto desvelóuseme a solución: As que escovaban dese xeito levaban as presas suxeitas con algunhas das patas, escarabellando coas dianteiras que lle quedaban libres, pra enterrar á probe vítima no burato feito. Polo tanto, coido que estaban aparellando unha caste de despensa pra botar man dos víveres nun futuro, cando fagan falla.

Moi arrentiño do camiño presentouse este lagarto "Arnau" cunha calidade de luz moi acaída prá unha boa foto, e non por casualidade, pois aproveitaba que o Sol mallaba na pedra pra recarga-las pilas. Con este certeiro disparo coido que aproveitei ben a ocasión deixándoo bastante favorecido. Por certo, menos mal que neste ano van asomando estes bonitos lagartos ocelados, pois o pasado ano cáseque non pudemos ver ningún, e xa se me estaba apoderando o temor a que desaparecesen de Carreirón, ou minguase a súa poboación. Porén, non debe ser nin siquera o último, pois este ano teño varias localizacións onde case sempre se pode desfrutar coa súa contemplación e boa compaña.

Tamén se me ubicou a tiro ésta "Señorita" que andaba por unha praia procurando o sustento como adoitan moitas veces facer, e aínda que se puxo bastante pretenciosa pra posar, despois de facerme ir detrás déla trinta ou cuarenta metros.

Ò final puden conseguir estas fotografías, nas que o paxariño semella un pouco mosqueado, deixando claro quén vixía a quén.
I'm watching you...

E como derradeira imaxe, ademais de ser ben bonito bichiño, poño ésta do que coido que debe ser unha cría de Saltón, porque aínda non colleu as feituras dun adulto, e polo seu tamaño, tan pequeniño que non sei como o puden albiscar.

Aínda por riba estaba o bicho óptimamente camuflado có entorno, como se aprecia na foto.
En fin, que Deus me conserve a vista, que aínda nona debo ter tan mal...



Ata a vindeira entrega, que agardo chegue axiña.


1 comentario:

  1. Relinga Couso29/6/14

    Estaremos sempre atentas as novas entradas deste fermoso blog. Parabéns!

    ResponderEliminar

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️