Nin moito menos é a primeira vez que se deixan ver polo Complexo Intermareal os Ibis mouros (Plegadis falcinellus), ou como é mais do meu gosto, "Mazarico negro", pero sí que é a primeira na que se lle poñen a tiro de sensor ó Retratista Repunantiño, así que, alomenos un déles non se safou das exterminadoras ráfagas coas que fulminei as súas intrigantes pero formosas imaxes.
No seu periplo migratorio anual, asaltan os nosos esteiros na procura de lugares idóneos para recuperar forzas mentres fan o percorrido con orixe ou destino África, dependendo de que "suban ou baixen" acorde cós trocos de Estacion. En calquera caso, agás algunha aparición aínda mais raruna polas Ilhas británicas, na Galiza somos dos territorios mais ó Norte que visitan, e polo tanto os mais fríos que fican dispostos a soportaren, pois adoitan estabelecerse mais ó Sur ou Leste da península, sendo unha "rara avis" na Galiza, motivo polo cal desperta tanta espectación cando se nos aparece a súa intrigante figura.
Certo que à primeira vista semellan de cores apagados, mais dependendo do xeito en que incida a lus sobre a plumaxe, orixinan uns marabilhosos e espectaculares tons metálicos azuis, verdosos e aínda rosados que os fan resplandecer no medio das dominantes cores pardas ou neghras, cousa que acontece tamén en moitas outras aves, pero que nesta especie acaso destacan mais debido ao seu tamaño.
Na hora de posar pra éstas fotos éste individuo andaba "mariscando" no esteiro que forma a desembocadura do Río da Chanca pola zona das Telleiras de Dena, con bastante sorte pola nosa parte, pois foi das primeiras aves que se podían avistar, relativamente preto do roteiro que percorre o humidal.
Flamingo - Flamenco común - Greater flamingo (Phoenicopterus roseus)
Xa fai algunhas semans que foi anunciada na prensa a presenza de un pequeno grupo de Flamingos avistados por distintas zonas da nosa Ría. Dende ese intre, como era de esperar, a curiosidade apoderouse do Retratista repunantiño, iniciando unha xeira de visitas polos distintos esteiros arredor do Complexo intermareal Umia-Ogrobe, por si éses Entes fantásticos revelados polos informativos se nos apareceran por diante para a oportuna sesión fotográfica.
Pois un pouco por teimudos e outro pouco por casualidade non tardamos moito en tropeçar cós desexados espectros, os cales moi plácidamente faenaban no esteiro das Lagoas de Rouxique tentando un servidor achegarse a éles roubándolle milímetros á beira do mar pra gañar ése mísero anaquiño de distancia que mellorase as tomas.
""
Trátase de tres exemplares que deben ser aínda mozos, pois presentan unhas austeras cores grises que resultan moi pobres en comparación coa formosa cor rosada dos adultos, aínda que esas sobrias cores tamén poderían ser produto do tipo de alimento do que se nutren estas aves nas que pra élas son unhas estranas latitudes. Semella que as ricas e farturentas mariscadas polas que o noso País é tan coñecido poden chegar a definir a cromatura do seu plumífero abrigo. De calquera xeito debo dicir que si chamaban a atención non era por isto, senon polo tamaño, moi superior o resto das aves que alí había, polo que supoño que moi cativiños non debían ser. Non creo que resulte doado explicar cómo puderon chegar aquí éstes tres fenómenos "doutros mundos", a non ser que fose debido a unha inoportuna "pasada de frenada" nas migracións dende África, froito da cal deixaron atrás (bastante atrás) aos seus conxéneres do Centro e o Sur da Península. Bueno, falando mais en serio, hai quen o atribúe a ése condenado cambio climático do que tanto vimos debatindo últimamente e do que cada vez hai menos dúbidas, que tanto está a mudar o clima e, en con él os hábitos vitais de tudo-los seres vivos, incluíndonos a nós mesmos, que ademais somos os grandes culpables de que estea a acontecer.
Vaia, que me dá a min que éstes tres non deben coñecer moi bén o camiño de volta, porque xa levan algún tempo con nós, e hoxe parecéronme moi tranquilos e confiados nas súas faenas "mariscatorias", ata que se deberon aburrir da nósa presenza, porque xusto cando ansiabamos que outro golpe de sorte nolos trouxera un pouquiño mais arrente, de repente emprenderon o vóo afastándose aínda mais, có cal houbo que dar por rematada ésta inesperada e a un tempo agardada e marabilhosa visita.
Seguiremos ao pé do canón axexando por outra ocasión que na que poidamos restar metros entre ambos que nos concedan un desfrute aínda mais pleno da súa beleza...
A Lagoa esmorecendo de sede, a presión humán cada ano mais escatolóxicamente presente, abafando o entorno do humidal coa presencia de moitos que o acaban convertindo cada Vran nun "aliviadeiro" de augas menores e maiores, á falta, todo sexa dito, dunhas necesarias instalacións que, ó meu entender, debería poñer o Concello, e así evitar que aqueles que gostamos desfrutar da Natureza da nosa Illa nos vexamos na engorrosa situación de pisar unha "mina antipersona" das tantas que aqueles non desexados visitantes da Lagoa nos deixan estercadas ó longo do camiño, marcando coma naquel conto de Hansel e Gretel un sendeiro, aínda que neste caso sen moito sentido, nin destino final. Vaia, que a pesar de tódalas contrariedades que lle poñemos ós nosos Bichiños de Carreirón, éles continúan a nos brindar beleza, e a proba disto foi o acontecido neste derradeiro finde, durante o cal nos agasallaron con imaxes fermosas, e as inesperadas surpresas que deseguido imos desbullar:
Un dos mellores momentos foi o que nos brindou éste Rascón, cuxa pantasma xa se insinuara uns minutos antes fuxindo entre as sombras... Asì que de primeiras xa nos demos por satisfeitos con ése "debut", pois é ben coñecido que éstas aves son moi fuxidias, e resultan moito mais doadas de escoitar que de mirar. No noso caso hai que recoñecer que nos ùltimos tempos nin unha cousa nin a outra, polo que cando lle dou por atravesar con grande balbordo o cauce do anel da Lagoa, non tuven tempo nin de preparar a cámara nin nada e disparei case instintivamente... Porén, as imaxes que acadei demostran coa súa qualidade a beleza do escorridìo bicho, e por qué nono dicir, tamén o mérito do Retratista repunantiño na xestiòn do inesperado suceso... Unha xoia de bichiños, e polo que a un servidor respeita, das mellores fotos que levo acadado, tanto pola qualidade das mesmas coma pola beleza do bicho, dada a estrema dificultade que os escasos segundos de que dispós che conceden pra retratalos. Cós Rascóns, semella que beleza e dificultade van no mesmo paquete, así que o teremos que tomar coma un peaxe incondicional ó que éstas marabillosas aves nos teñen castigados, e que teremos que acoller con resignación...
Xa ó chegar fomos recibidos có habitual balbordo ó que xa nos teñen acostumados, pola "pandilla" de Bicos de Coral residentes por èstes lares. Nestas datas estivais adoitan facerse moi presentes no seu ir e vir, sempre en bandada, por todo o humidal, con primordial querencia chiando arredor das pozas da Lagoa. Por certo que a pesar de que xa hai varios anos que os temos por aquí, non me parece que a súa poboación aumentase, mais ben semella que se mantén estable. Nesta ocasión semellaban un chisco mais medrosos que noutras pretéritas oportunidades, pois non nos deixaron achegar demasiado a éles, así que, con escasas exceciòns só puden acadar fotos con encadre xeral, coma as que acompaño nestas liñas que, por outra banda non desmerecen nadiña a beleza destes xa vellos coñecidos...
Tamén había o Sábado grande actividade das Libeliñas nas pozas da Lagoa, éses que de cativos chamabamos "helicópteros". Ben fose patrullando o curso ou a contorna das pozas, ben por estaren como están nestas datas entregados ás tarefas procreadoras, podianse ver moitas das mais grandes Aeshna afinis e A. mixta, que son as mais habituais e coido que únicas por aquí, dentro do seu tamaño. Todas, grandes e pequenas, e tamén os diferentes Cabaliños do demo fican nestes días entregados ó frenesí reproductor, coma nesta imaxe, na que unha das primeiras está a depositar a posta por baixo das follas dos Vidueiros caídas na auga, coma sempre.
Mentras tiñamos a vista na auga, decatámonos dun paxariño que me lembrou aquel pasaxe bíblico no que Xesús (Suso para os galegos, que xa hai confianza) camiñaba milagreiramente polas augas, cousa que remedaba de xeito perfeito e moi simpático o primeiro por riba do tapete creado polas follas caídas das árbores frondosas que emborcan as súas ponlas nas contornas das pozas da Lagoa. Mantíñase a flote pousando enriba délas o tempo preciso pra non se afundir, correndo daquí pra alá na procura do alimento que, en forma de pequenos insectos iba atopando e peteirando. Non era outra que unha fermosa Lavandeira marela, que miro cada vez mais a cotío ó chegar a tempada délas, pois hai escasos anos, aínda que as había, non era tan doado atopalas, e hoxendía pódense ver tanto na praia xunta as súas curmáns as Lavandeiras brancas ou Señoritas como gostamos chamalas por aquí, coma polo humidal, ou tamén polos camiños..
Mais pra descoberta mundial, cando xa pensabamos ter identificada à totalidade dos paxariños da Arousa, semi oculto nas sombras do interior das jallas dunha das frondosas da lagoa, apreciàbase unha boliña cunha forte cor encarnada moi intensa. Como xa había algúns intres que creìamos que debía andar pola zona un Picapeixe, acordamos que se trataba dun déles. Aìnda asì botàmoslle un pouco de pacencia ata que o vimos baixar pra se refrescar e beber na auga da Lagoa a canda outros paxariños, pra ollarmos estupefactos que tiñamos diante nada menos que un Cardeal, en castelán Camachuelo (Pirrhula pirrhula) o cal, todo pereno alí ficaba agardando a sùa quenda pra o baño case sen se inmutar. Lástima que nos colleu un pouco arredados e non puden lograr as fotos de boa qualidade que eu quixera, mais pra empezar, éstas da dereita coido que son boas dabondo, alomenos pra testemuñar ésta marabillosa nova presenza entre a nosa diversidade. A millor descoberta en anos, sobre tudo porque creo que aínda que habituais nas nosas latitudes, nono son nestas "altitudes" pois acomódanse mellor en entornos montanos. En calquera caso, dàmoslle a nosa mais aquelada benvida a éstes formosos e espectaculares paxariños.
Ben, e para remate final, outra marabilla que, aínda non por descoñecida, sí por inabitual, o que xunta ó fermoso azul metálico có que deslumbra ó observador convírteno nunha buscada e rebuscada atracción da Lagoa. Xa o tiñamos mais ou menos ubicado polo chío, pero sempre demostraba que era mais listo que nós, facéndonos correr dunha banda a outra, arredor das pozas. Así que trocamo-la estratexia: Procurando camuflaxe por dentro das sombras da vexetación íamos ser nós quén de acadalo en varias ocasións, mais sempre poñéndoo ben difícil, pois como non hai pousadoiros naturais coma por exemplo Cóns ou algunha outra "atalaia" onde poderen pousar no medio da auga, sempre rematan por se encaramar na vexetaciòn palustre que emerxe, o que supon un dificilísimo enfoque, que obriga a facelo manual, có que a ótima nitidez da toma depende do acerto do ollo do retratista, e por aí non imos moi alá... Porén, o resultado sempre paga a pena, coma o demostran estas dúas imaxes que subimos aquí. Un precioso colofón final pra un finde cheo de asombrosos descobrimentos, fascinantes imaxes e, por qué nono dicir, moito traballiño, que si ben nunca llo imos reprochar ós nosos bichiños, estaría ben que por unha vez pensasen un anaquiño nos nosos sofridos corpiños e perniñas, e non nos fixesen correr tanto detrás déles, pois a pesar da nosa repunantiña presenza, nós tamén temos dereito a un pouco de tranquilidade no noso facer...
Quenda para o humidal mais grande e mellor conservado da Arousa. Unha lagoa que mellorou considerablemente após a mais recente actuación de hai catro anos, cando a presenza das excavadoras presaxiaba grandes desastres para o fraxilísimo equilibrio dunha zona húmida moi ameazada dende moitas frontes. Unha délas é a xeográfica, cunha intimidante liña de costa que vai subindo imparable debido ó cambio climático e que o podería inundar de auga salgada acaso nalgún forte temporal que rachase a delgada duna que os separa. A outra é a cada ano mais inxente e ameazadora presión humana do Vran, coa conseguinte parte de turismo de cubito e paleta ó cal o último que lle importa é o respeto e sostenibilidade deste tesouro noso.
Unha lagoa que a pesar do estacional e cada vez mais escaso aporte de auga do inverno, que non lle permite rematar o Vran con auga, conserva unha envexable variedade de fauna e flora. Como adoito proclamar, non temos grandes cantidades mais sí un amplo álbume de especies. Neste post so vou incorporar unha pequena representación delas, tentando dar unha imaxe gráfica desa diversidade. Si acaso subirei as mais raras de atopar ou as que a mín me parecen mais vistosas. Todas contribuirán a poñer en valor este espazo tan singular da nosa Illa e da Galiza:
Dos Rascóns dise por aí que é mais doado escoitalos que velos, có cal estou dacordo. Si lle coñeces o chío avísanche da súa presenza dende algún lugar do humidal. Mais outra cousa ben distinta é chegar a ollalos, pois as súas aparicións son moi escollidas, e case sempre buscando a discreción das sombras, o que non che deixa moitas opcións pra chegar a desfrutar da observación con detalle.
Pois ben, si avistar un Rascón adulto é toda unha sorte, xa non digo ver dous, ou coma neste caso, ata tres, aínda que un déles fuxeu do plano no último momento. Seica dixo que tiña que rematar unhas xestións pendentes...
E como récord final, abeirar o insólito é acadar o retrato dun pitiño de Rascón, feito que, dentro dos meus posibles, debo calificar coma unha verdadeira "delicatessen" fotográfica. E con dupla satisfacción, comprobar que os nosos exemplares son residentes que crían á sua descendencia por eiquí, sen necesidade de migraren para tal menester.
RASCÓN MENINO (Dores Lobato)
Fuxín do colo da minha nai
coa ansia leda de ver o mundo...
E a uma foto fun a parar.
Pra uma vez que boto o pé fora
son apanhado por papparaccis
que se camuflan pola lagoa.
Tan elegante, todo de negro,
velaquí tou, apresentadinho,
neste tesouro que é Carreirón.
Tede respeito pola Natura,
fachendeade polo que somos:
afortunados polas misturas.
As Galiñolas negras que veñen pasar o inverno con nós, non che teñen seriedade ningunha ;-) pois aínda que este ano deixouse ver algún exemplar, foron catro tempadas as que pasamos en branco, dándonos pé a temer que xa non ían voltar por eiquí. A pesar das sobrias cores, é fascinante podelas contemplar.
E falando de galiñas, moito mais cromática é a Galiña de auga, na que destaca o seu magnífico peteiro que loce orgullosa, e que, coqueta éla, leva a xogo cunhas non menos repoludas "patorras" das que nesta imaxe só nos deixa adiviñar as suntuosas cores baixo a auga. Por certo, éstas sí que están empadroadas na Arousa, pois teño pra mín que fican e crían por eiquí todo o ano, aínda que nunca me cadrou ningún avistamento dos pitiños.
Un dos sons que é mais doado escoitar na Lagoa, é o escandaloso balbordo dos chíos cós que os Mergullónspequenosinundan tudo o entorno do humidal, estrépito que liberan ó ar a canda unha boa manchea de hormonas, pois cando mais se esforzan adoita ser nesa época na que andan moi ocupados a facer as beiras con vistas á nova fornada...
Tamén crían aquí, como atestigua éste minúsculo pitiño que, aínda que na foto semella grande, non sei si pasaría dos 5cm. e que por casualidade se me puxo a tiro por primeira e única vez ate o dagora.
Aínda que cada ano se deixa ver, e sobre todo escoitar pola lagoa algún exemplar, bén sexa polo chío ou bén cando o sintes o seu chumpo na auga pra pescar, o Picapeixeé, porén, un dos que mais difícil che poñen o retrato.
Éstas foron as mellores "poses" que nos quixeron conceder, pois case sempre os vexo de costas, o que quere dicir que, coma sempre xa me avistaron éles antes ca mín, e xa fuxen do retratista repunantiño. Resulta moi aquelado que a pesar das súas cores tan rechamantes e vistosas, camúflase perfeitamente entre os xuncos e a herba alta da lagoa...
PAXARO AZUL - GUARDA RIOS
Pasou por onda mín a frecha azul
pescador implacábel
beleza irresistibel
un ser Azul-Arousa na Arousa azul
Olhou pra min inquedo e espectante
"sairei bem no retrato?"
Non pode ser noutrora, é agora!
enleoume nesta prenda, é o meu auto-regalo
Deume o seu mellor ar, o ar azulado.
Chegou có vento de novas mareas, e eu, sen presa,
namoreime na maxia da illa azul,
da beleza deste ser máxico.
(Obrigado, Dores Lobato)
Tamén é doado escoitar polo humidal o seu singular chío, algo así coma "rrrrrrrrrr" ;-) das Avenoiteiras, mais outra cousa bén diferente é atopar unha a plena luz do día e ser quén de te achegar a só un par de metros déla. Eiquí fica a procelosa historia de tan insólito encontro "na terceira fase"...
Éste é un dos mais recentes veciños da lagoa. Os Bicos de coral son unha especie exótica moi ben adaptada eiquí, onde xa forman unha ruidosa colonia. Porén, non están calificados coma "especie invasora", pois non compiten nin desprazan ás especies granívoras autóctonas. Nesta entrada do "bug-blog" locen mais.
O da foto foi o primeiro Esgonzo que avistamos no humidal da lagoa, aínda que xa o temos visto noutros lugares de Carreirón. Avistamentos que son cértamente complicados, apenas intuitivos, pois escúrrense entre a herba mais axiña que o tempo que tén o ollo de reaccionar, que xa é dicir. Ésta imaxe foi do primeiro encontro, que contamos nestra entrada anterior.
A Estroza, ou Raniña de Santo Antón é un dos mais entrañables bichiños que temos a sorte de contemplar na Arousa, e que teñen a súa residencia por todo Carreirón, nomeadamente no humidal da lagoa, onde a pesares de seren unha das especies de anfibios que noutros lugares da Galiza e da península fican moi ameazadas, por aquí aínda non resulta moi complicado atopalas. Agardemos que por moitos anos.
Vaia, que ó día de hoxe a Lagoa de Carreirón goza dunha aceitable saúde, a pesar da continua sementeira de residuos que con orixe en cada asentamento humán arredor de toda a Ría, aterran por cada currucho do parque guiadas por según qué azarosos ventos e correntes, e sobre todo a pesar da inxente presión humán que durante o estío teñen que soportar os bichiños, que precisan do espacio todo o ano. Eu coma éles non gosto déses danos colaterais que nos deixan os "continentais", aínda que supoño que xa estou afeito.
A Natureza asómbranos a cotío con caprichosas reviravoltas que semellan inesgotables. Surpresa, beleza, crueldade, colmadas por un epílogo incrible foron algunhas das emocións que nos procurou nunha insólita e épica travesía "de cabotaxe" dunha punta á outra da Península de Carreirón patroneada por unha bravísima mamá Pata e a súa preciosa corda de intrépidos patiños (...e o meritorio esforzo deste retratista e a súa dona, ós que o cruxir dos respectivos xeonllos poñían unha e outra vez sobre aviso de que un xa non está pra heroicidades tripando coma lagartos polos Cóns).
No memorable relato que segue tentarei narrar o millor que poida a angurienta aventura que nos fixeron padecer... e desfrutar.
Enceta a procelosa saga dende a praia de Punta Carreirón, á que se vai achegando unha miudiña sombra aboiando no mar que aínda non desciframos o que é. A ampliación da oportuna foto de recoñecemento revela unha Pata seguida por un tren de oito patiños en aparente direución Sur cara a... ningures.
-Pero... de onde saíron? nin idea. Os humidais de Carreirón fican moi lonxe, así que é de supor que xa levan toda a mañán navegando.
A consecuente repregunta nace instantánea:
-E a onde carallo pensan que van por aí? Só hai un xeito de averigualo, Seguir á atrevida comitiva pra descubrilo.
Os primeiros metros da nosa persecución revélannos que, aínda que os patiños esvaecense por detrás dos Cóns, fan tal cousa só pra acadar augas mansas mais doadas de marear, mais mantendo teimudos o terco rumbo Sur.
Primeiros cruxidos dos meus sofridos xeonllos nos alegres brincos puenteando os Cóns de Punta Revello.
Axiña chegan os problemas, pois vemos con preocupación que un dos patiños tén dificultades pra seguir ritmo da mareira procesión cós seus irmanciños, quedando por momentos aillado déla, poñéndoo nunha perigosa posición solitaria que o delata, ante a ameaza das Gabotas, que vixían, pero que non se atreven có grupo compacto. Ó virar os Cóns que separan a Praia das Margaritas da praia do Porto das Mulleres prodúcese o primeiro ataque ó fatigado patiño. A colérica resposta da nai-coraxe pón en fuga á carroñeira, como podemos ver no video dembaixo.
Solventado o perigoso suceso, reemprenden a singradura facendo tres escalas técnicas nas seguintes praias, pra relaxar un chisco o desmedido esforzo dos cativiños. Coido que mamá-pata é conscente da dificultade que teñen os seus filliños en seguila por augas tan picadas, sobre todo o pequecho de antes, que semella abafadiño...
Estamos ante unha auténtica Nai-coraxe disposta a todo polos seus cativos, que ten moi claro o que hai que facer en cada caso, parando nas seguintes praias a estira-las patas nuns casos, subindo ós Cóns buscando abrigo e atallando o camiño, pra evitar o perigoso mar de fora que os pode botar contra os Cóns... Sempre atinadas decisións cun certeiro diagnóstico do problema e correspondente e dilixente solución pra cada caso.
Con tan brillante Patrona continúa a penosa travesía, ata que acontece o que con recelo víamos vir.
Ò virar os Cóns da Praia da Lontreira, aconteceu o episodio mais atroz e nefasto do camiño. Remataba eu de grabar unha curta toma após decatarme de que o sufocado patiño semellaba non dar mais de sí que ía quedando cada vez mais lonxe dos seus irmansiños, a pesar de que a nai suspendía cada dous por tres o avance, pra agardar por él.
De súpeto, unha Jabota que non vín antes apareceu baixando do ceo que tal parecía un daqueles funestos Stukas da guerra, facendo un certeiro picado pra cazar ó descolgado cativiño nun único e fatídico intento. Mamá-pata douse conta, pero cando deu volta, xá a Jabota tiña o traballo feito, fuxindo có botín no peteiro cara a un Cón mais quedo onde papalo. Triste final pra un patiño tan valente, e xá tan preto do destino, pero como dicíamos arriba, así de azarados son os ciclos da Natureza, e hainos que acatar deixando seguir o seu inexorable curso.
Daquela xa comezabamos a especular coas intencións da Nai-coraxe.
- Non será que o que quere é chegar ata a Praia da Lameira, a só uns poucos metros da Lagoa de Carreirón, que sería a "Terra Prometida" ?
E se así fose, acaso coñecía éla a ubicación e o mapa do roteiro que debía seguir?
A resposta que nos viña á mente era un indubidable SÍ.
Unha leución que aprendemos deste incrible suceso, foi a de que éstes intrépidos bichiños dispoñen dun biolóxico GPS no seu corpiño que supera de lonxe ós artificiais inventos que temos os humáns, dos que tanto presumimos e que tanto nos fan rompe-la cabesa.
Tal como sospeitabamos, a meta fixada era a Praia da Lameira e a Lagoa, mais aínda houbo que sortear outro derradeiro e non menos problemático obstaculo: Os bañistas, e nomeadamente os rapaciños, que forzosamente curiosos, achegábanse en exceso á expedición que xa chegaba a terra, o que provocaba que a Mamá-pata en varios intentos tornase de volta ó mar, onde se sentía mais segura.
Ante a ameaza certa de que a indiscreción intimidante dos rapaces provocase o fracaso do obxectivo final da travesía, excepcionalmente optamos por intervir, tentando convencer ós familiares dos cativos de que os apartasen dos patiños, abrindo un espacio folgado que lle proporcionase seguridade por onde acometeren o desexado asalto á praia.
Afortunadamente a xente comprendeu perfectamente a delicada situación, colaborando con nós na apertura do desexado corredor polo cal descorreu por fín o ansiado desembarco na praia, pra relax da enxebre familia navegante, e subsecuente liberación do estrés que uns e outros levabamos acumulado durante ésta portentosa fazaña da que, sen éles pretendelo, nos fixeron partícipes por mais de tres horas e media de remollado Calvario.
MISION CUMPRIDA !!
...e ata aquí a narración da heroica saga dos nove patiños. Pero como dí o refrán, "vale mais unha imaxe que mil palabras" (e sobretodo si están tan mal xuntadas coma as miñas), así que ó lector que gostase da historia, creo que vai gozar aínda mais recreándose có vídeo seguinte, testemuña do "momentaso" que Carreirón outra vez nos entregou, coma sempre sorpresivamente, e sen pagar entrada nin nada...:
Como se fose un pase en Sesión Contínua, nesta entrada imos colgar unha escolla das gravacións logradas nos que sempre son afortunados encontros cós Bichiños de Carreirón, as cales, logo de pasaren o criba das inflexibles críticas das redes sociais, resultaron nominadas pra éste enxebre certame cinematográfico.
Cértamente estes videos non pasarán ós anais dos documentais pola súa calidade, pois responden a tropezos casuais cunha fauna que sempre me surprende sen tempo de porfía, si ben no meu descargo hei de alegar que sempre procurei respeitar a imaxe mediática dos artistas. Polo tanto creo precisa certa indulxencia no implacable xuizo que dea a reverenciada audiencia deste Blog, que agardo indulte as tremendas carencias das gravacións, que nalgúns casos aquelei botándolle un pouco de humor. Defeitos que, por outra banda, evidencian a improvisación das tomas, transmitindo así o frescor e a emoción do momento.
Pois logo, como dicía aquel, imos botar man da "maldita hemeroteca" pra lle sacar as cores ós atrevidos bichiños que valentemente se chantaron diante do obxectivo deste repunante retratista, agasallándonos con éstas glamurosas intrepretacións:
O descobremento dun niño de Cobra sapeira con catro ou cinco crías que non terían nin dous días de vida. O seguinte finde volvemos por alí e xa medraran o triple, rematando os estudos superiores, e emáncipándose do núcleo familiar, deixando un completo roupeiro cheo de mudas.
É a primeira vez que podo grabar a un Peto verde alimentándose. Aínda que quedei discretamente a bastante distancia, non son parvos, e sí que me veu. Foi moi estrano que non fuxira, seguramente disfrutaba dunha boa comedela de formigas, que é o que xeralmente procuran peteirando nas dunas de Carreirón, onde hai moitos formigueiros. Outro momentazo...
Un admirable momentazo que non desaproveitei, cando ése grupo de Cullereiros, enfaenados e preocupados como estaban en encher o bandullo, concedéronme unha boa aproximación pra facer a toma désta memorable actuación.
Unha selección de boas imaxes de varias Estrozas, unhas raniñas encantadoras e dunha fotoxenia sin par.
Éstas foron as mellores imaxes en movemento acadadas ate o de agora da manda de Arroases que día tras día percorren a nosa Ría. Aínda estou gardando o alento pra non prexudicar as magníficas escenas.
Habilidades marisqueiras dun Mazarico rubio que no curto espacio de minuto e pico foi quén de arrincar da entranas da praia dúas boas miñocas, a última délas dun considerable tamaño, que seguro lle prestaron dabondo no seu valeiro bandullo. Todo o evento foi, como se pode comprobar, vixiado por uha Gabota patiamarela que, coma un Xuiz de silla dun partido de tenis, controlaba arrente dél dende a súa "atalaia" as evolucións do artista desta seman.
Un pavero grupo de Pardaliños que, dun xeito moi simpático andan a peteirar os restos que poden atopar polas gavias das tellas.
Aínda non fún quén de coller a xeito unha imaxe como eu quixera dun Verderol. Porén, aquí plantóuseme diante do coche pra se asear debidamente pola mañán nunha poza no medio e medio do camiño, o que non desaproveitei pra inmortalizar esta cinematográfica escena clásica de ducha.
Os Patos Culleretes son unhas anátidas cun peteiro desproporcionado que locen con orgullo. A mín ése magnífico apéndice lémbrame a Cyrano de Bergerac. Na Arousa só se poden ver na Poza de Espiñeiro, agardemos que por moitos anos, porque a súa presencia mais ben semella intermitente.
Toda a comunidade de Pardaliños do rueiro se citaron nunha poza formada coas que semellan ser xa a finais de Abril, as derradeiras choivas mais ou menos serias do inverno. Así que aínda non sei moi bén si se estaban aseando, ou facendo as beiras "one each other" que por alfo xa chegou a Primavera e haise que poñer á faena...
Aquí pillámoslle o rechouchío a éste macho de Escribenta facendo alarde das súas dotes cantoras en plena época de efervescencia reproductora. Abofé que estaba falador...
Menos mal que pasaba eu pra sacalo dalí, que si non, non sei que sería dél. Díxenlle que tuvera mais coidado, porque correu moito perigo, ó que me respondeu que viña un pouco "colocado" despois dunha noite loca de fiestuqui desfrutando de tanta auga que caeu onte, e como están en época de reproducción, xa se sabe...
Son as hormonas, estúpido! :D
Con todos vostedes, o repoludo Lagarto Arnau e a glamurosa Lagartixa de Bocage, acabadiños de aterrar a Carreirón, para a presentación da inminente estrea nas carteleiras do mundo mundial dun novo "remake", de... "Os findes ó Sol"
Un violento suceso aconteceu días atrás a horas intempestivas nun bar da Poza de Espiñeiro na Illa de Arousa: Andaban dous Mergullóns cós ánimos moi alporizados, con moita violencia física e verbal por un perigoso asunto de ciumes. Aquí deixo constancia mediática do incidente, permitíndome a licenza de subtitular a escena pra mellor contextualizala e facilitar a comprensión do espeluznante acontecemento. O suceso foi denunciado ante a autoridá competente polo taberneiro, que tamén estivo a piques de papalas como queda demostrado no vídeo, instruíndo aquéla o correspondente parte de danos, inxurias e ameazas... ;)
Son as hormonas, estúpido! :D
Cando a nosa productora "Bichiños Productions Corporation " volva a producir novas pelis con mais "saídas de tono" destas estrelas mediáticas, iremos enchendo este sitio có correspondente material audiovisual, onde os amigos das cousas do retratista de bichos de Carreirón poderán facer os pases que queiran có mesmo abono da entrada inicial.
Un pouco mais dunha hectárea é a extensión deste pequeno humidal ó Sur da Arousa, un dos poucos que aínda se conservan con relativa boa saúde medioambiental, e todo a pesar de estar a caron dun camiño moi transitado, rendido por muros e cerrados de leiras por case toda a súa contorna. Porén, pra mín semellan mais surrealistas eses postes marcando fronteiras espichados no medio da "bañeira" da auga, que os peculiares "veciños" do lugar usan como pousadoiros.
Galiña de río - Gallineta común - Moorhen (Gallinula chloropus)
Precisamente o feito de estar mesmo enriba do camiño dalle unhas posibilidades inmellorables a xeito de varanda onde os visitantes poidan desfrutar da súa beleza. Non sei si será boa idea, pero boto en falla algún tipo de valado neses 30 ou 40 metros de linde coa beira do camiño, có que se evitasen as perigosas incursións caninas que, a xeito de comandos de operacións especiais lánzanse á auga con evidente perigo prá fauna silvestre.
Pato cullerete - Cuchara común - Northern shoveler (Anas clypeata)
Mais cando esa hectárea escasa se enche coas augas do Outono prodúcese tal brote de fauna que parece coma se fixese un cultivo en pequeno da biodiversidade da nosa Illa, pois tanto na Poza de auga doce, como nos esteiros mariños de Espiñeiro están representadas a meirande parte das especies que podemos avistar en Carreirón ou en calquera outra zona insular. E aínda por riba con especies exclusivas, como é o caso dos patos Culleretes, que nunca avistei fóra deste puntiño da nosa xeografía.
O vídeo que subo eiquí evidencia a beleza deste agraciado curruchiño. Un Cullerete "cú pa riba" procura o sustento no piso dembaixo, un macho de Lavanco que aínda hoxe non sei bén o que me preguntou, unhas Gabotas aseándose na auga doce e disimuladamente ficar ó axexo dalgún descoido de mamá-pata pra encher ó bandullo con algún patiño da nova fornada. Tamén hai unha "Lavanca" que chegou de repente cun ovo no peteiro, que alí mesmo papou. Sería algún fillo malogrado cuxas proteínas non se poden estragar, que a vida está moi cara e a familia numerosa xa está a petar á porta.Unha Galiña de río recórdame a un ciclista en pleno "repecho" levando no peteiro algo con que face-lo niño, e un Mergullonciño que botou toda a tarde buceando os fondos acá e acullá, lava enérxicamente o que aferra no peteiro, pra volver a chumpar procurando mais. Haise que poñer forte, que xa chegan os pitiños da nova camada. Éses sí que van ser difíciles de encetar, porque si miúdos son os pais, os fillos non levantan mais que unha noz. E por último as primeiras excursión de patiños guiados pola mamá-pata.
Mergullón pequeno - Zampullín común - Little greve (Tachybaptus ruficollis)
Todo este desfile é arrodeado por un continuo concerto de chíos e sons de tódolos retratados e mais doutros que de momento deixaremos só de anónimos coristas. Unha música optimizada polo fondo có circo de arbores que conforma unha magnífica caixa de resonancia coa que se "masteriza" unha acústica que nona mellora nin o mais sesudo deseño dun pazo de concertos, saturando aínda de mais beleza as cores e formas deste miudo, mais suntuoso teatro natural.
Xa había catro anos dende o último debut dunha Galiñola negra, ou Focha na Lagoa de Carreirón, en data de Abril do 2013. Tódolos anos as botamos de menos, e xa ficabamos afeitos de que non ían voltar, mais para ledicia e surpresa de propios e alleos, no 2017 volven, e desta quenda fixeron mudanza pra viren de veraneo á Poza de Espiñeiro! Todo un pracer observar o belo e formoso porte desta ave, a cal tendo en conta ésta estación de subida hormonal, intúo que a parexa non debe andar moi lonxe. Agollá as volvamos a ver, e si pode ser, paseando ós pitiños, que xa non deben tardar.
Un tesouriño medioambiental que por sorte aínda conservamos na Arousa e que deberíamos axudar a preservar, porque a presión humana na nosa pequena Illa é cada vez mais incompatible con éstes entornos nos que os bichiños cós que compartimos o espacio sen dúbida teñen tanto dereito a vivir coma nós.