Vaia, costou un pouco esforzo, bastante pacencia e sobre todo moito tempo dende a última vez, o cal, da man das consabidas dosis de vento e solleiras, afroitou pra que "susmerses" se dignasen poñérseme con xeito unha vez mais diante do obxectivo, esto é, perfeizoando esas qualidades coas que nos engaiolan (só cando éles queren), noutra "performance" de poses e brincadeiras coas que facérense dignas da galería de fotos dembaixo.
Tamén hei de recoñecer que por ésta ves voullo perdoar, despois do susto dos últimos días, nos que anduveron "apatrullando" pola Ría unha parexa de "malotes" en forma de dúas Candorcas, que coa súa sola sombra non deixaban moito marxe para o afloramento das habilidades dos nosos Arroases, pois non en balde figuran, a pouco que éstes se descoiden, no menú habitual daquelas. Seguro que teñen escoitado por aí adiante historias sobre as marabillas gastronómicas das nosas Rías.
Desexo que desfrutedes das fotos alomenos coa mesma intensidade coa que éste "Retratista repunantiño" as logrou e gozou...
Coma se estivésemos falando de guiris que volven nestas datas á dura rutina diaria despois de ficar fora da casa por vacacións, así semella que se comportaron con nós os Arroases éste Vran, cunhas ausencias que fixeron sentir abandonadiño a un servidor, o repunante retratista de bichos.
Nada que ver có ano pasado, durante o cal os "narís-de-botella" atendían de xeito estricto as citas anotadas na axenda, que marcaban pasar sen falta fronte ò Carreiro do Areoso ás 13h "o'clock" pra uns safaris fotográficos que daquela xa se volveran case rutinarios.
Sabedores nós de tal horario, que éstes bichos acataban con puntualidade cada finde, procurabamos pasar pola zona en recíproca precisión pra agardar pola súa chegada, cousa que case nunca eludían. Mais como dixemos antes, este ano volvéronse uns barallocas, fallando á convocatoria de xeito tan continuado que chegamos a sospeitar dalgún unilateral troco nas condicións do contrato sen o preceptivo previo aviso.
Porén, a cousa quixo ir tornando á "normalidade" éste pasado finde. Fóronse achegando de xeito tranquilo, tan paseniñamente que temíamos unha nova fuxida polos baixos fondos sen atender outra vez as súas obrigas. Pero non, algún peixe debeu chamar por éles dende abaixo, porque se viñeron achegando encetando uns chapuzos que semellaban os prolegómenos propios do seu xeito de pescar, trazando círculos, e sincronizándose acurralando ás presas.
En lóxica sucesión a ése aumento de actividade, empezan a lanzar os agardados saltos que codiciabamos os asistentes á función. Buceaban arredor dos golfes moi arrente dos cóns de terra, onde había moi pouca profundidade debido á marea baixa que tiñamos a esa hora, cousa que lles impedía coller velocidade no despegue pra facer as cabriolas que doadamente teñen feito noutras ocasións. Aínda así, algún portentoso exemplar atreveuse con algúns saltos mortais...
Foi dabondo pra seducir ó público, pois aínda coa lacra do escaso calado, pudemos rexistrar as espectaculares fotos e grabacións que subimos neste post, as cales se obtiveron con doses de òtima calidade debido ó achegados que ficaban a nós, que buscando a mellor imaxe, viamonos no compromiso de brincar perigosamente polos cóns de Punta Revello, un pouco mais duros que o mar.
Unha vez cuberto o oco de carencias afectivas que nos deixaron a deber dende a ùltima vez éstes remollados amigos, e fartos tamén de clicar na cámara ata deixala sen batería, voltamos prá casa có corazòn aquelado polas fortes sensacións "padecidas" en tan acaìda exibiçòm. Con certo desabafo comprobamos que aínda nos teñen presentes nas súas oracións, e que contan con nós prós imediatos retratos de familia...
O espectáculo iba acadando ademais un nutrido aforo de pùblico dentre os paseantes de Carreirón, que se achegaban ás improvisadas butacas en forma de Cóns pra desfrutar da observación, ò que se entregaban con entusiasmo aplaudindo as procelosas habilidades dos ensopados intérpretes. Vaia, agora que xa estamos a bén outra vez, seguiremos contando con éles en vindeiros encontros, coa cámara a punto pra "pescar" a esta caste de "guiris" mareantes que queren revoar tanto no mar coma polo ar, e sempre arredor de nòs.
Como se fose un pase en Sesión Contínua, nesta entrada imos colgar unha escolla das gravacións logradas nos que sempre son afortunados encontros cós Bichiños de Carreirón, as cales, logo de pasaren o criba das inflexibles críticas das redes sociais, resultaron nominadas pra éste enxebre certame cinematográfico.
Cértamente estes videos non pasarán ós anais dos documentais pola súa calidade, pois responden a tropezos casuais cunha fauna que sempre me surprende sen tempo de porfía, si ben no meu descargo hei de alegar que sempre procurei respeitar a imaxe mediática dos artistas. Polo tanto creo precisa certa indulxencia no implacable xuizo que dea a reverenciada audiencia deste Blog, que agardo indulte as tremendas carencias das gravacións, que nalgúns casos aquelei botándolle un pouco de humor. Defeitos que, por outra banda, evidencian a improvisación das tomas, transmitindo así o frescor e a emoción do momento.
Pois logo, como dicía aquel, imos botar man da "maldita hemeroteca" pra lle sacar as cores ós atrevidos bichiños que valentemente se chantaron diante do obxectivo deste repunante retratista, agasallándonos con éstas glamurosas intrepretacións:
O descobremento dun niño de Cobra sapeira con catro ou cinco crías que non terían nin dous días de vida. O seguinte finde volvemos por alí e xa medraran o triple, rematando os estudos superiores, e emáncipándose do núcleo familiar, deixando un completo roupeiro cheo de mudas.
É a primeira vez que podo grabar a un Peto verde alimentándose. Aínda que quedei discretamente a bastante distancia, non son parvos, e sí que me veu. Foi moi estrano que non fuxira, seguramente disfrutaba dunha boa comedela de formigas, que é o que xeralmente procuran peteirando nas dunas de Carreirón, onde hai moitos formigueiros. Outro momentazo...
Un admirable momentazo que non desaproveitei, cando ése grupo de Cullereiros, enfaenados e preocupados como estaban en encher o bandullo, concedéronme unha boa aproximación pra facer a toma désta memorable actuación.
Unha selección de boas imaxes de varias Estrozas, unhas raniñas encantadoras e dunha fotoxenia sin par.
Éstas foron as mellores imaxes en movemento acadadas ate o de agora da manda de Arroases que día tras día percorren a nosa Ría. Aínda estou gardando o alento pra non prexudicar as magníficas escenas.
Habilidades marisqueiras dun Mazarico rubio que no curto espacio de minuto e pico foi quén de arrincar da entranas da praia dúas boas miñocas, a última délas dun considerable tamaño, que seguro lle prestaron dabondo no seu valeiro bandullo. Todo o evento foi, como se pode comprobar, vixiado por uha Gabota patiamarela que, coma un Xuiz de silla dun partido de tenis, controlaba arrente dél dende a súa "atalaia" as evolucións do artista desta seman.
Un pavero grupo de Pardaliños que, dun xeito moi simpático andan a peteirar os restos que poden atopar polas gavias das tellas.
Aínda non fún quén de coller a xeito unha imaxe como eu quixera dun Verderol. Porén, aquí plantóuseme diante do coche pra se asear debidamente pola mañán nunha poza no medio e medio do camiño, o que non desaproveitei pra inmortalizar esta cinematográfica escena clásica de ducha.
Os Patos Culleretes son unhas anátidas cun peteiro desproporcionado que locen con orgullo. A mín ése magnífico apéndice lémbrame a Cyrano de Bergerac. Na Arousa só se poden ver na Poza de Espiñeiro, agardemos que por moitos anos, porque a súa presencia mais ben semella intermitente.
Toda a comunidade de Pardaliños do rueiro se citaron nunha poza formada coas que semellan ser xa a finais de Abril, as derradeiras choivas mais ou menos serias do inverno. Así que aínda non sei moi bén si se estaban aseando, ou facendo as beiras "one each other" que por alfo xa chegou a Primavera e haise que poñer á faena...
Aquí pillámoslle o rechouchío a éste macho de Escribenta facendo alarde das súas dotes cantoras en plena época de efervescencia reproductora. Abofé que estaba falador...
Menos mal que pasaba eu pra sacalo dalí, que si non, non sei que sería dél. Díxenlle que tuvera mais coidado, porque correu moito perigo, ó que me respondeu que viña un pouco "colocado" despois dunha noite loca de fiestuqui desfrutando de tanta auga que caeu onte, e como están en época de reproducción, xa se sabe...
Son as hormonas, estúpido! :D
Con todos vostedes, o repoludo Lagarto Arnau e a glamurosa Lagartixa de Bocage, acabadiños de aterrar a Carreirón, para a presentación da inminente estrea nas carteleiras do mundo mundial dun novo "remake", de... "Os findes ó Sol"
Un violento suceso aconteceu días atrás a horas intempestivas nun bar da Poza de Espiñeiro na Illa de Arousa: Andaban dous Mergullóns cós ánimos moi alporizados, con moita violencia física e verbal por un perigoso asunto de ciumes. Aquí deixo constancia mediática do incidente, permitíndome a licenza de subtitular a escena pra mellor contextualizala e facilitar a comprensión do espeluznante acontecemento. O suceso foi denunciado ante a autoridá competente polo taberneiro, que tamén estivo a piques de papalas como queda demostrado no vídeo, instruíndo aquéla o correspondente parte de danos, inxurias e ameazas... ;)
Son as hormonas, estúpido! :D
Cando a nosa productora "Bichiños Productions Corporation " volva a producir novas pelis con mais "saídas de tono" destas estrelas mediáticas, iremos enchendo este sitio có correspondente material audiovisual, onde os amigos das cousas do retratista de bichos de Carreirón poderán facer os pases que queiran có mesmo abono da entrada inicial.
Fideis á súa cita, unha vez mais non nos fallaron os Arroases. E como case sempre acontece, apareceron por surpresa, cando xa pensabamos que íamos voltar de valeiro. Apareceron... e vaia si apareceron!
Un espectáculo digno de desfrutar en vivo, que tamén resulta moi agradecido cando descubres que as ráfagas lanzadas conseguiron inmovilizar en repoludas fotos algunhas das mellores habilidades que estes bichos semellan executar pró nóso desfrute, nunha reportaxe de fotos e video cheas de dinamismo e de brilante beleza.
Eis unha escolma das gravacións de vídeo que tivemos a sorte de rexistrar e que non desmerecen ás formosas imaxes coas que nos agasallaron pra adornar ésta entrada do blog. Unhas veces parecen enredar coma rapazolos, outras están sen dúbida coordinándose pra lanzar un ataque ás presas do fondo... vaia, dun xeito ou doutro as súas cabriolas nunca che deixan de asombrar.
Hai algunhas semans que se veñen deixando ver, sobre todo por Punta Barbafeita, baixo a vixianza do Cón de Tres Pés, onde hai épocas nas que se conta moita Rincha. Resulta que ésa promesa de comedela certa é a que provoca que se amosen en actitude tan activa e tan expresivamente optimista e enredante (non esquezamos a súa comprobada intelixencia, á que eu aínda engadiría algo mais: unha aquelada sintonía coas nosas propias sensacións e humores cando temos ocasión de desfrutar das súas asombrosas conductas.
Pois ben, hoxe tamén debía circular peixe dabondo polo carreiro do Areoso, porque durante alomenos unha hora non deixaron de nadar en círculos encerrando ós bancos de peixe, para deseguido saltar pra darlle gosto ó dente, tal e como se pode comprobar no vídeo. As fotos que subo aquí son só unha pequena mostra da espléndida actuación á que tivemo-la sorte de asistir, ademais ficaban a unha distancia que para as prestacións do meu equipo fotográfico resulta bastante adecuada, uns 200-300 metros, achegándose algunha vez aínda mais arrente.
Teñen algo moi especial os Arroases, porque cando veñen con gañas e bríndannos semexante espectáculo, provócanche unha electrizante emoción polo corpo verdadeiramente difícil de conter. Moitos na Arousa xa sabemos o que é.
Así que, rematada a función, non teño ren que lle censurar ós artistas. Bueno, sí... si acaso, o único que botei de menos foi dispoñer de mellor luz prá reportaxe, así que lles pediría que no vindeiro performance escolleran un día cun ceo mais aberto, por aquelo de que o novo post mellore aínda se cabe a éste. Trátase de "rizar o rizo", como moi ben saben os acróbatas coma éles.
Mais como xa dixen, non me queixo. Sería un desagradecido, non?
Historia dun encontro cós arroases, ou como transformar un nefasto finde de choiva e de escuras nubes nun espléndido día grazas ás estupendas imaxes coas que eses saltaríns cetáceos quixeron agasallarnos, logo de tantas inútiles esperas sen lograr as cobizadas fotos que, inesperadamente, nése feo sábado brotaron de súpeto do fondo do mar. (Click nas imaxes pra ampliar)
Arroaz real - Delfín mular - Bottlenose dolphin (Tursiops truncatus)
Tanto tén a molladura ou a friaxe que tuvemos que papar, as que alegaremos coma un xusto peaxe có que retribuír a esforzada performance déstes intelixentes mamíferos pra que o torpe retratista que suscribe inmobilizase en imaxes a beleza das súas acrobacias. Alomenos intenteino.
Cando se poñen tan saltimbanquis pensas que vai ser doado conseguir boas fotos.
Porén, nunca van faltar os imprevistos que che poñan mais complicado ése propósito; si os tés moi preto, resulta que o zoom encólleche tanto o plano que como salten a un metro de onde apuntas xa nonos colles, e si están lonxe non consegues a nitidez que che gostaría, e si está un día escuro esa mala luz vaiche provocar o temido "ruído" nas fotos.
Tí incrusta-lo ollo no visor, enfocas unha zona por onde se acaban de somerxer, axustas o que poidas a exposición, e agardas...
...e esperas...
...e desesperas...
E cando xa se che cansan os brazos e mai-la pacencia e empezas a xurar en arameo ó pasar os minutos sin que a ningún Arroaz lle acorde saltar, e derrotado baixa-la cámara...
...pois xusto nese intre saltan. Vale tío.
Son as cousas que tén facerlle fotos a estes somerxibles acróbatas, que sabes onde chumparon, pero non sabes por onde van saír.
A única solución a este problema é pacencia, e si ves que tal, tamén lle podes poñer unha veliña a algún santiño a ver si él tén mais man que tí pra que emerxan onde tí queres...
Pero vaia, ó final conseguímolo, aínda coas peores condicións, acadamos fotos dabondo pra esta pequena reportaxe, vindo de volta prá casa coa ansia de descobrir as surpresas que descobriría o revelado dixital dése "cope cheo de peixe" que levabamos.
Agardemos a que nunha vindeira ocasión teñamos mellores condicións, pero bueno, como dicía o poeta, "pa empesar está bén".
Ben, ata aquí o espectáculo desta seman, e pra rematar a función debidamente, fixen esta composición con éstas tomas a ráfaga aproveitando que alomenos un déles saleu a saudar á entregada afisión.
...É por aquelo de darlle un pouquiño mais de glamour a estes grandes artistas das profundidades...