x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

14_09

Vento, choiva e... Cullereiros


Vento, choiva
e... Cullereiros


Píllara real - Chorlitejo grande 
(Charadrius hiaticula)
Inesperadamente proveitoso resultou o derradeiro finde, no medio dun par de tristes semanas de diluvios, temporais, treboadas... e o peor de todo pra min: unha roñenta luz coa que regar as fotos dos bichiños. (click nas imaxes pra ampliar)

Pilro - Correlimos tridáctilo 
(Calidris alba)
O caso é que á tardiña deste penúltimo venres de Setembro decidimos dar un pequeniño rodeo antes de coller a ponte pa fóra por algunhas tarefas pendentes en England, e como non era moi acaído achegarse ata Carreirón polo retraso que ía supor, achegámonos ata a lagoa de Espiñeiro, comprobando que non recuperou o nivel coas últimas choivas.

Pilro - Correlimos común 
(Calidris alpina)
Vaia, que xa viñamos de volta, cando nos decatamos de que na praia homónima rexistrábase unha ben concurrida tropa de bicherío, por exemplo, escandalosas gaivotas choronas que semellaban rifar por algunha repoluda femia, ou un corrillo de pillaras peteirando nas algas que o mar estercou no areal, ou unha garza real que anduvo mais lixeira que o meu dedo có disparador. 

Tamén andaban por alí, facendo infinitos intentos, varios Carráns espichándose no mar unha e outra vez, aínda que sen excesiva fortuna mentres estuven observando, machos e femias de Lavancos que coma sempre semellan estar paseando como parexas modosiñas e formais, e ata unha desubicada pomba torcaz, que non sei que faría enriba dun cón que descubreu coa seca.


Como non levaba maquinaria pesada, botei man da práctica cámara automática que sempre teño árrente, tentando aproveitarme daquel fervellón de bichiños que aínda por riba lucían rufos, favorecidos cós raios de Sol que se atreveron a saír nesa tardiña.


O resultado foi o que estou espallando a destro e sinistro destes párrafos. Coido que a colleita resultou fértil dabondo.


O sábado, nunha calmiña a canto se ía achegando o solpor,  de súpeto asistimos asombrados a unha violenta función de caza con reserva de butaca en primeira fila, onde lle tocou o papel de malo da película a éste Falcon (Falco subbuteo) que había algún tempo que non viamos pola zona, e que rematou có epílogo que vemos na foto, o roubo dunha das nosas pillariñas que ata ese intre era unha das artistas sobre o escenario....

E para cando despois dunha manchea de tomas e disparos a discreción, xa me decatara de que non ía conseguir mellores imaxes que as que xa levaba no "cesto" da tarxeta SD, puxemos por fin rumbo ó "continente" desviándonos polo Esteiro de Vilanova, onde atopamos un insospeitado premio: Dándolle á cabeza coma desbrozadoras a un lado e a outro có seu característico peteiro, había un grupiño de Cullereiros que, sen perder-la formación peiteaban as augas e a lameira do fondo cubrindo mentres avanzaban, un carreiro que semellaba prefixado pola procura de alimento.

Sen alternativa, aparquei onde puden e saín lixeiro pra apropiarme de tan impensadas imaxes, pendurado literalmente do quitamedos da carretera, non fora que se me desviasen pra mais lonxe, como tantas veces acontece neste gremio do retrato "al vuelo".
Cullereiro - Espátula común
(Platalea leucorodia)

Mais desta volta non... non me escaparon, e pra mostra, éstas tres "culleradas" do doce néctar có que as estampas destas fermosas aves nos agasallan pra que as degustemos a pracer...



Ningún comentario:

Publicar un comentario

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️