x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

24_05

Meta volante e avituallamento


Meta volante e avituallamento




Nestas últimas semanas estanse a producir uns chamativos eventos que, a pesar da sua repetición anual, seguen a atrapar a curiosidade de todos os que nos amosamos atentos ás evolucións das aves que temos por aquí arredor, tamén no caso do Retratista repunantiño, un servidor.🙄
(Pica en cada foto pra mais definición)

Son Mazaricos rubios (Limosa lapponica) facendo escala nas nosas praias nun intermedio da viaxe migratoria que os levará cara ós lugares de cría no Septentrión europeo, xúntándose en grupos ben copiosos que partillan comedela por Carreirón, eso sí, sempre moi ordenados e calmos, peneirando a praia a base de espichar a eito no chan éses longos peteiros mentras as miñocas agardan por baixo da area a teren a sorte dun fallo na estocada...
Cada un ó seu, que hai pra todos. Xa saben éles que no noso País sómosche bén xenerosos cós paladares dos visitantes, òs que sempre deixamos abastados.

A mín tamén me lembran a aqueles moídos ciclistas pasando polas "metas volantes" onde adoitan aproveitar pra recoller o que no argot velocípedo chaman "avituallamento" que lles procure as forzas que van precisar para o resto da longa etapa que aínda lle queda por diante.
Entre o grupo de comensales hai algúns òs que è doado distinguir polas vistosas cores encarnadas que portan.  Son os Mazaricos mozos, que chegan aquí mudadiños en galas nupciais, adiantando choio das faenas amorosas que lle agardan pra cando cheguen ò Ártico a procrear, que alí fai moito frío e hai que criar axiña ós cativos, non vaia a ser que lles pille o inverno cando toque facer a etapa de volta da eterna carreira pola supervivencia.

Non sería xusto si non confesara a pacencia que tuveron có Retratista repunantiño no logro das espléndidas imaxes que de seguido reproduzo na galería.
Xa me teñen demostrado noutras ocasións que son uns modelos e "modelas" bén feitiños e moi elegantes, òs cales sempre roubas espectaculares fotos. No meu caso, tuven ademais a axuda colateral duns días de aire diáfano e limpo polo Vento Norte, con fases moi luminosas que favorecían as tomas fotograficas perseguidas.
Pero que conste que o mérito é todo déles, pois se non, só sairían fotos de area e mar...



Galería de imaxes:



Boa viaxe, e cumprimentos ós noivos...


  




Ningún comentario:

Publicar un comentario

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️