Podalirio:
a bolboreta tigre
a bolboreta tigre
![]() |
Podalirio, Scarce Swallowtail
(Iphiclides podalirius)
|
É unha das bolboretas mais grandes de Europa, podendo acadar unha envergadura de 8cm. sendo curiosamente os machos un pouco mais pequenos que as femias.

Arriba, en manobra de aterraxe pra muxir.
Debido ó seu grande tamaño, teñen un vóo áxil e poderoso que o pode misturar con longos e vistosísimos planeos nada habituais nas bolboretas, e que nalgunha ocasión xa puden desfrutar. Semellan aboiar no aire, desafiando nuns intres as leises da gravidade.
Os coloridos e rechamantes ocelos da parte posterior das ás teñen unha función defensiva, chamando sobre éles o obxectivo dos ataques dos predadores, que os confundirían cecais cós ollos. Aínda que perderan ésta parte das ás, non suporía un dano fatal para a bolboreta...
Producen dúas xeracións no ano, a primeira durante a Primavera e a outra entre o Verán e o Outono. Logo da cópula ó macho quédanlle catro días de vida, mentras que a femia aínda vai durar tres semanas, con tempo pra face-la posta no envés das follas das mesmas plantas nutricias das que se alimentan.
Gardería con servicio de catering.
Teño lido por aí que a orixe do seu nome común tén o berce na mitoloxía, na que os irmáns Podalirio e Macaón eran dous médicos gregos que terían participado na guerra de Troya. Á nósa bolboreta de hoxe puxéronlle o primeiro, e o nome do segundo irmán foi para aqueloutra bolboreta de grande parecido en cores e tamaño, que tamén podemos atopar con facilidade pola Arousa, e que aínda me ha de dar a oportunidade de adicarlle un vindeiro post neste blog.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻♂️