x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

15_08

Carrizo, un pavero troglodita


Carrizo,
un pavero troglodita


Acaso o paxariño mais pequeniño dos que temos pola Arousa, en azarosa disputa coas Estreliñas riscadas coma ésta. Nos libros dín que 9cm. de longo, a min paréceme que xa os hai que estirar bén pra chegar a tanto. Algunha vez ata teño confundido a algún cun abellón. É unha das miñas debilidades, así que non perdín ocasión de facerlle os mellores retratos, tan repoludo que loce o bichiño.


Carrizo - Chochín común - Eurasian wren 
(Troglodytes troglodytes)


Non son difíciles de atopar, mais é ben complicado que che salgan por fora do mato onde se ocultan e onde non paran quietos un instante, polo que acadar boas imaxes deles xa é outro cantar. Éste fenómeno saleu súpeto do medio dunha toxeira, e xa non lle dín segunda chanza. Comecei a tirar fotos, coa sorte de que xa levaba a cámara axustada dabondo e non tuven que facer ren nela, aproveitando o medio minutiño escaso que me concedeu prà inesperada sesión. Dixo que ía chegar tarde a algures.


Polo lado nejatif , seica os seus piores inimigos son as Pejas, que os papan mesmo no aire. En Carreirón as Pejas son verdadeiras "rara avis" que moi raramente aparecen, así que a poboación de Carrizos xulgo que debe estar fora de perigo.

Semella pavero o nome científico, que nace da acepción de "cavernicola" polo seu costume de meterse nos curruchos pra aniñar, cazar os insectos dos que se alimentan, ou simplemente pra se acubillaren da intemperie, cando non de fuxir da vista dalgun repunante retratista que sempre anda a porfiar neles.
Do pintoresco nome en castelán non lín nada por aí, así que mellor amarrarei as ás da imaxinación, non vaiamos ser políticamente incorrectos.
En época de celo emiten un trino moi forte e estridente, distinto do seu piar cotián, que consiste nun discreto e monótono "prrrrrrrrr" sen mais alegrías. Precisamente o da foto andaba nesas, emitindo ese rechamante chío reclamando a atención das mozas dende o alto da pónla.

Seica os mais espabilados preparan varios niños a un tempo "chamando" có seu canto ás vecinitas, que con esa zalameira actitude rematan por acudir  ó pisito que lles fixo, intres que os Casanovas aproveitan pra aparearse con tres, catro, ou cinco femias, que deixarán a outros tantos solteiróns no rueiro "a dúas velas" por culpa daqueles polígamos que acaparan ás mozas...
Como derradeira característica peculiar, resulta a simpática cola, que sempre levan arrichada coma unha bandeira, tal que estuvesen sinalando ou comunicando algo, a saber o qué...


E cando xa o noso protagonista parecía que se aburrira dun servidor e se iría buscar un lugar libre de repunantiños retratistas, aínda o puden coller nesta escatolóxica pose, pola retagarda, unha foto de despedida moi orixinal certamente, que non sabe bén él o que lle agradezo...


Farewell little Wren...




4 comentarios:

  1. Grandes fotos e gran comentario, aínda que non todos entenden.

    ResponderEliminar
  2. Encántame o xeito que tes de presentar as fotos e narrar os costumes da paxarada. Vale, si, as fotos son unha pasada.

    ResponderEliminar
  3. Moi amable. Con comentarios asì è un gusto. Apertas 🤗🤗

    ResponderEliminar

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️