Podalirio:
a bolboreta tigre
a bolboreta tigre
Podalirio, Scarce Swallowtail
(Iphiclides podalirius)
|
É unha das bolboretas mais grandes de Europa, podendo acadar unha envergadura de 8cm. sendo curiosamente os machos un pouco mais pequenos que as femias.
Parece que as da Península Ibérica e Norte de África mutaron a uns tons mais claros, dando pe ós investigadores a sopesar si trocar o nome científico das nosas polo de Iphiclides feisthamelli. O que non sei é a razón pola que é alcumada "Chucha leite", pero mentras dou con éla doume a licenza de propoñer outro que ó mellor resulta axeitado, como "Bolboreta tigre", e non creo que sexa preciso explicar a evidencia que argumenta éste atrevemento.
Arriba, en manobra de aterraxe pra muxir.
Debido ó seu grande tamaño, teñen un vóo áxil e poderoso que o pode misturar con longos e vistosísimos planeos nada habituais nas bolboretas, e que nalgunha ocasión xa puden desfrutar. Semellan aboiar no aire, desafiando nuns intres as leises da gravidade.
Os coloridos e rechamantes ocelos da parte posterior das ás teñen unha función defensiva, chamando sobre éles o obxectivo dos ataques dos predadores, que os confundirían cecais cós ollos. Aínda que perderan ésta parte das ás, non suporía un dano fatal para a bolboreta...
Producen dúas xeracións no ano, a primeira durante a Primavera e a outra entre o Verán e o Outono. Logo da cópula ó macho quédanlle catro días de vida, mentras que a femia aínda vai durar tres semanas, con tempo pra face-la posta no envés das follas das mesmas plantas nutricias das que se alimentan.
Gardería con servicio de catering.
Teño lido por aí que a orixe do seu nome común tén o berce na mitoloxía, na que os irmáns Podalirio e Macaón eran dous médicos gregos que terían participado na guerra de Troya. Á nósa bolboreta de hoxe puxéronlle o primeiro, e o nome do segundo irmán foi para aqueloutra bolboreta de grande parecido en cores e tamaño, que tamén podemos atopar con facilidade pola Arousa, e que aínda me ha de dar a oportunidade de adicarlle un vindeiro post neste blog.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻♂️