Avenoiteira,
sonámbula de día
sonámbula de día
Outra espléndida descoberta neste remate do vran, cando xa voltabamos de Carreirón polo camiño entre a Praia da Lameira e a Lagoa, nun finde ben proveitoso cértamente, após acadar entre outras, as primeiras imaxes do Picapeixe na Lagoa, que aínda haberá que revelar e, si acaso, introducir nun vindeiro post.
Nese treito é tentador botar a vista á esquerda, nunha derradeira ollada ó humidal da Lagoa... Pois nunha desas, nun sitio onde apenas asomaba por riba das herbas unha pónla caída, algo non cadraba nunha das piñas que aínda conservaba.
Ó mirar cós prismáticos descobrimos con surpresa que unha desas piñas non era tal, era nada menos que unha Avenoiteira, sen dúbida unha das aves mais difíciles de avistar, tanto polos seus hábitos noturnos, como pola habilidade innata de permaneceren inmóviles, confiando plenamente na invisibilidade que lle proporciona a suma da petrificada figura ás crípticas cores da plumaxe.
Nesta época o chan da lagoa xa secou, quedando moi feble e irregular, así que iniciei a aproximación avanzando torpemente, unhas veces petando nalgún invisible tronco podre, cando non chumpar media perna nun burato do chan. Escuso detallar o escandaloso ruído que fun xenerando en tan procelosa conquista territorial.
Vaia, que non quedou ninguén sen se enterar que andaba por alí o repunante retratista dos bichos. Porén, a perena Avenoiteira, apenas entornaba un ollo, ata cheguei a pensar se non estaría morta. Só os abreu un chisco cando cheguei arrentiño dela. Por un intre pensei que se deixaría coller coa man.
Cando xa case lle facía sombra ó bicho, após outro escandaloso e torpe paso en falso, sinteu a Avenoiteira algún perigo e escapou voando, mais sen se alonxar moito, voando en curtos saltos, pra pousar nos pinos darredor nun diámetro duns 50 metros, non mais. A lástima é que non lle pudera facer unha foto en vóo, pois verdadeiramente parecía aínda mais fermosa que pousada.
Avenoiteira,
Chotacabras, Nightjar
(Caprimilgus europaeus)
|
Por último, ésta imaxe da esquerda, nun dos focos das instalacións do Punto Limpo parecía a única posible, que xa daquela fora un suertudo golpe do azar. Así que o de onte xa non tén nome...
Na Galiza, lugar onde o misterio e a superstición sempre tivo ampla cabida, é coñecida como "Ave da morte" xunto a Mouchos e Curuxas, e portadora das ánimas dos defuntos ó Alén... O cómico nome en Castelán, procede da crenza de que polas noites adicábase a chucharlle o leite ás cabuxas. Son en ámbolos casos misteriosos contos supersticiosos pra unha das aves mais ignotas que temos por aquí...
Nas noites de "luras" e "doado" ver cómo adoitan acercarse os insectos o redor das farolas
ResponderEliminarNoites de "luras" ? nunca escoitei tal. Qué formoso... Obrigado🤗
ResponderEliminar🥰🥰🥰🥰
ResponderEliminar