A Odisea
dos nove patiños
dos nove patiños
A Natureza asómbranos a cotío con caprichosas reviravoltas que semellan inesgotables. Surpresa, beleza, crueldade, colmadas por un epílogo incrible foron algunhas das emocións que nos procurou nunha insólita e épica travesía "de cabotaxe" dunha punta á outra da Península de Carreirón patroneada por unha bravísima mamá Pata e a súa preciosa corda de intrépidos patiños (...e o meritorio esforzo deste retratista e a súa dona, ós que o cruxir dos respectivos xeonllos poñían unha e outra vez sobre aviso de que un xa non está pra heroicidades tripando coma lagartos polos Cóns).
No memorable relato que segue tentarei narrar o millor que poida a angurienta aventura que nos fixeron padecer... e desfrutar.
Enceta a procelosa saga dende a praia de Punta Carreirón, á que se vai achegando unha miudiña sombra aboiando no mar que aínda non desciframos o que é. A ampliación da oportuna foto de recoñecemento revela unha Pata seguida por un tren de oito patiños en aparente direución Sur cara a... ningures.
-Pero... de onde saíron? nin idea. Os humidais de Carreirón fican moi lonxe, así que é de supor que xa levan toda a mañán navegando.
A consecuente repregunta nace instantánea:
-E a onde carallo pensan que van por aí? Só hai un xeito de averigualo, Seguir á atrevida comitiva pra descubrilo.
Os primeiros metros da nosa persecución revélannos que, aínda que os patiños esvaecense por detrás dos Cóns, fan tal cousa só pra acadar augas mansas mais doadas de marear, mais mantendo teimudos o terco rumbo Sur.
Primeiros cruxidos dos meus sofridos xeonllos nos alegres brincos puenteando os Cóns de Punta Revello.
Axiña chegan os problemas, pois vemos con preocupación que un dos patiños tén dificultades pra seguir ritmo da mareira procesión cós seus irmanciños, quedando por momentos aillado déla, poñéndoo nunha perigosa posición solitaria que o delata, ante a ameaza das Gabotas, que vixían, pero que non se atreven có grupo compacto. Ó virar os Cóns que separan a Praia das Margaritas da praia do Porto das Mulleres prodúcese o primeiro ataque ó fatigado patiño. A colérica resposta da nai-coraxe pón en fuga á carroñeira, como podemos ver no video dembaixo.
Solventado o perigoso suceso, reemprenden a singradura facendo tres escalas técnicas nas seguintes praias, pra relaxar un chisco o desmedido esforzo dos cativiños. Coido que mamá-pata é conscente da dificultade que teñen os seus filliños en seguila por augas tan picadas, sobre todo o pequecho de antes, que semella abafadiño...
Estamos ante unha auténtica Nai-coraxe disposta a todo polos seus cativos, que ten moi claro o que hai que facer en cada caso, parando nas seguintes praias a estira-las patas nuns casos, subindo ós Cóns buscando abrigo e atallando o camiño, pra evitar o perigoso mar de fora que os pode botar contra os Cóns... Sempre atinadas decisións cun certeiro diagnóstico do problema e correspondente e dilixente solución pra cada caso.
Con tan brillante Patrona continúa a penosa travesía, ata que acontece o que con recelo víamos vir.
Ò virar os Cóns da Praia da Lontreira, aconteceu o episodio mais atroz e nefasto do camiño. Remataba eu de grabar unha curta toma após decatarme de que o sufocado patiño semellaba non dar mais de sí que ía quedando cada vez mais lonxe dos seus irmansiños, a pesar de que a nai suspendía cada dous por tres o avance, pra agardar por él.
De súpeto, unha Jabota que non vín antes apareceu baixando do ceo que tal parecía un daqueles funestos Stukas da guerra, facendo un certeiro picado pra cazar ó descolgado cativiño nun único e fatídico intento. Mamá-pata douse conta, pero cando deu volta, xá a Jabota tiña o traballo feito, fuxindo có botín no peteiro cara a un Cón mais quedo onde papalo. Triste final pra un patiño tan valente, e xá tan preto do destino, pero como dicíamos arriba, así de azarados son os ciclos da Natureza, e hainos que acatar deixando seguir o seu inexorable curso.
Daquela xa comezabamos a especular coas intencións da Nai-coraxe.
- Non será que o que quere é chegar ata a Praia da Lameira, a só uns poucos metros da Lagoa de Carreirón, que sería a "Terra Prometida" ?
E se así fose, acaso coñecía éla a ubicación e o mapa do roteiro que debía seguir?
A resposta que nos viña á mente era un indubidable SÍ.
Unha leución que aprendemos deste incrible suceso, foi a de que éstes intrépidos bichiños dispoñen dun biolóxico GPS no seu corpiño que supera de lonxe ós artificiais inventos que temos os humáns, dos que tanto presumimos e que tanto nos fan rompe-la cabesa.
Tal como sospeitabamos, a meta fixada era a Praia da Lameira e a Lagoa, mais aínda houbo que sortear outro derradeiro e non menos problemático obstaculo: Os bañistas, e nomeadamente os rapaciños, que forzosamente curiosos, achegábanse en exceso á expedición que xa chegaba a terra, o que provocaba que a Mamá-pata en varios intentos tornase de volta ó mar, onde se sentía mais segura.
Ante a ameaza certa de que a indiscreción intimidante dos rapaces provocase o fracaso do obxectivo final da travesía, excepcionalmente optamos por intervir, tentando convencer ós familiares dos cativos de que os apartasen dos patiños, abrindo un espacio folgado que lle proporcionase seguridade por onde acometeren o desexado asalto á praia.
Afortunadamente a xente comprendeu perfectamente a delicada situación, colaborando con nós na apertura do desexado corredor polo cal descorreu por fín o ansiado desembarco na praia, pra relax da enxebre familia navegante, e subsecuente liberación do estrés que uns e outros levabamos acumulado durante ésta portentosa fazaña da que, sen éles pretendelo, nos fixeron partícipes por mais de tres horas e media de remollado Calvario.
MISION CUMPRIDA !!
...e ata aquí a narración da heroica saga dos nove patiños. Pero como dí o refrán, "vale mais unha imaxe que mil palabras" (e sobretodo si están tan mal xuntadas coma as miñas), así que ó lector que gostase da historia, creo que vai gozar aínda mais recreándose có vídeo seguinte, testemuña do "momentaso" que Carreirón outra vez nos entregou, coma sempre sorpresivamente, e sen pagar entrada nin nada...:
Gran historia!
ResponderEliminarMoitas gracias por esta istoria tan fermosa.
ResponderEliminar