Unha paleta de Xílgaros
![]() |
Xílgaro - Jilguero - Goldfinch (Carduelis carduelis) |
Si vos falan dun Barroso, ou dun Picacardos, ou ben dun Pintasilgo ou Pintaxilgo refírense ó mesmo paxariño. A respeito do étimo, ou orixe do seu nome, a opción máis aceptada é a que informa de que se tomou da raíz latina silybum (cardo), que á sua vez viña xa da acepción grega "sílyvon" de fonética similar e cuxo berce xa se perde no tempo.
(click nas fotos pra ampliar)
O Xílgaro é unha das especies mais comúns de paseriformes, cunha ampla dispersión que abarca toda Europa, agás o norte Escandinavo, ficando tamén moi estendido polo Oriente medio ate o Irán. Respeito da altitude, pódelos atopar dende o nível do mar, como é o noso caso, ate os 2.000m, aínda que non gostan gabear tanto, pois apoltronan mellor o cú en entornos mais "cordiais" afíns ó seu ciclo vital.
Para a Península Ibérica calculaban hai unha década arredor dos 3 millóns de exemplares, mais a captura para cautividade, canda á proliferación dos pesticidas, andan a enrarecer as poboacións onde outrora eran abundantes. Outras veces vense na obriga de mudar os seus hábitos migratorios locais na procura do alimento, cando éste se vé afectado pola climatoloxía, cousa que hox fica trístemente á orde do día.

A partires de Febreiro ou Marzo comezan os preparativos nupciais, onde seica as femias levan a voz cantante, nunca millor dito. Após deixar cantar ós machos unha chea de tempo ate facerlles esgotar o repertorio, comezan a "deixarense querer" indicándollo ós Adáns elixidos con xestos e movementos "ad hoc" para que o sofrido pretendente se dea por enterado. Os niños son construídos exclusivamente polas femias, contribuíndo os machos ó seu anaquiño de igoaldade de xénero achegando os materiais nun continuo ir e vir, e encargándose éles tamén dos trámites da licenza de obra no Concello... :-)


Pola aceptación que acadan os retratos que publico, comprobo que son uns animaliños cuxa beleza fascina, iluminando calquera lugar coa súa soa presenza.
...E falando de beleza, hai unha formosa lenda que dí que cando Deus outorgou as cores ás aves, o xílgaro ficou último. Como queira que Deus xa esgotara o repertorio de cores da paleta, tivo que arrebañar os restos que lle quedaban para podelo pintar, có cal inesperadamente deixounos o marabilloso resultado que temos á vista na mostra de imaxes que hoxe achego.
XÍLGAROS Paxarinhos sorrintes, danzantes aves simples, vós sí que entendedes os ritmos da Natura, a vida é o presente. Paxarinhos teimosos, magníficos cantores de armonías perfectas... Fermosos, belos xílgaros tan libres como o vento a xogar cos cabelos. Voltai á Arousa bela, que moito vos queremos. Voltai nos amenceres de luz a vida a enchernos. (Obrigado, Dores Lobato) |
Me encanta Fran. También me gustó ver como lavaba a su pollito ( me recordó a mi gatita).
ResponderEliminarMoi agradecido. Saúdos :)
EliminarMarabilla de paxaro.
ResponderEliminarDiante da miña casa canta un tódalas mmañás.
EU teño sorte aquí pola niña zona adoito ver moitos como ti dis Fran en grupo ou en parella son un espectáculo
ResponderEliminar