x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

18_05

Tempo de namorar


Tempo de namorar

Lavandeira marela - boyera - Yellow wagtail
(Motacilla flava)

Primeiro foi a ledicia de poder acreditar un ano mais que as Lavandeiras amarelas, unha das tres variedades do que eiquí chamamos "Señoritas" xunto coa L.Real e a L.Branca, non fallan á cita primaveral coa nosa Illa pra encher coa súa loira beleza as paraxes de Carreirón.
(click nas fotos pra aumentalas)


Porén, o que descoñecía ate o dagora é que non só veñen no medio dos guiris a pasar a tempada estival nun clima mais temperado que a rigorosa ardentía coa que o Vran castiga outros lares mais ó Sur, onde estes paxariños viven no inverno. O feito foi que, consagrado como estaba eu en aproveitar a curta distancia que me brindaban, axeitada pra roubarlles boas fotos antes de que mirasen o reló e desen en fuxir, apenas puden adiviñar así como lles apuntaba a través do visor, unha inabitual conduta nin tampouco o seu aspeito, os cales non eran os mais naturais neste paxariño.
Os seus movementos eran erráticos en extremo, escapándome continuamente da vista e entorpecendo a miña labor espontáneamente estreada de pasteleiro paparazzi de eventos cardiacos. O excitado macho pegaba brincos con pequenos revoares daquí pra-lá arredor da femia, mentres transformaba coma un aventaxado mutante de cinema a figura do seu corpiño, aumentando o "volume" de tal xeito que lle daba un aspecto que non sei si adxetivar como asombroso, cómico, ou grotesco. En calquera caso todo o espectáculo que me estaba a ofrecer era comovedoramente fermoso.


Tal despregue de medios éranche exclusivamente  cousas do macho, porque a femia conformábase con asistir dun xeito mais ben pasivo á namorada interpretación, case semellaba agardar con pacente resignación a que rematase dunha vez a serenata do repunante pretendente, sen se mover do sitio onde ficaba no papel que tiña asignado de obrigada actriz secundaria en tan apaixoada performance. 
Lástima que o tempo que me concederon foi mais ben escaso, non me dando lugar a facer algunha toma de video que viñera a adornar un pouquiño mellor a reportaxe fotográfica que acompaña éste relato.

Agora só queda agardar a que, chegado o intre oportuno, me queiran avisar pra facer o propio cós pitiños resultado déstas nupcias, ás que fun insospeitadamente convidado sen ter nada cós noivos nin coa familia. 

Chegado ése momento procederei á debida presentación en sociedade dos cativos, así coma á oportuna publicidade de tan proceloso evento nos tabloides da prensa rosa...



1 comentario:

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️