Crónicas jaboteiras
Ésta vai ser a crónica duns aquelados episodios semanais experimentados durante os roteiros de cadanseu finde, coa asombrosa fazanha dunhas valentes Gabotas patiamarelas que se puxeron a criar nuns expostos Cóns entre dúas praias, desafiando ós ciclos de cría, e desafiando tamén aos inocentes guiris que xa se iban achegando a torrar os corpos a Carreirón, inorantes da zona hostil na que se adentraban, e dende a cal tiveron algúns deles que saír por pés, fuxindo dos ataques que lle chovían do Ceo lembrando a aqueles afamados Stukas da WW2...
Velo aí vos vai o azaroso relato:
Finde n°1:
Camiño da caseta de observación de Punta Carreirón asistimos con curiosidade ós agresivos ataques de dúas gabotas sobre unha Garza real que ficaba pousada nos Cóns de fóra.
Supoñiamos que esa agresividade estaría xustificada polas habituais rifas "gastronómicas" de toda a vida, polo que, unha vez gravado o interesante evento aéreo, continuamos inocentemente camiñando en direución á praíña da caseta, onde a cotío temos acadado moi boas fotos de limícolas, Corvos mariños, etc.
Porén, antes de chegar a éla os ataques trocan de obxectivo, que os sofisticados sistemas de guiado das jabotas fixan sobre nós.
Aí foi onde nos decatamos de que xusto enriba dun déses Cóns do final da praia había outra Jabota que, polos inconfundibles sons guturais que emitía (glogloglo..., glogloglo... ;-) quería amosarnos o seu cabreo ante a nosa insolente actitude que supoñía a violación do perimetro de seguridade da zona materno-infantil que, unilateralmente e sen previo aviso tería situado arredor de dito Cón.
Toca fuxir.
Finde n°2:
Frustrados intentos do retratista repunantiño de se achegar ó niño pra acadar algunha imaxe interesante, con infructuoso resultado. Como ainda por riba chove, suspéndese a misión ate a seguinte semán.
Finde n°3:
Novos intentos de grabación dos ataques, desta vez dende discretas posicións de francotirador. Deixamos que un candoroso grupo de tres mosiños se acheguen resoltos pra facer un selfie nése Cón.
O resultado foi que o oportuno "pau-de-selfie" que levaban pra inmortalizar o evento debe mudar a súa función, erguéndoo entre eles e os Stukas, así como arrecian os picados. Constatamos que correr polos Cóns pra fuxir da "choiva" de Jabotas encabreadas fai da retirada un perigoso camiño de inestables equilibrios.
Nós, que xa lle imos collendo o fío ó asunto, aproveitamos unha saída do niño do proxenitor que estaba de guardia, que seica saleu un intre a buscar tabaco, pra lograr o premio dunha valiosísima foto dos oviños que están a chocar. Descobrimos tres primorosos proxectos de Jabotiñas en camiño.
Finde n°4:
Vemos mais gabotas arredor, (debe ser a familia, que vén de visita á maternidade) de tal xeito que cando a nai ou o pai, que fican no niño chocando os ovos, chía pra pedir axuda, achéganse intimidantes revoando por riba das nosas cabezas ata que se deciden a atacar dereitiñas frontalmente a tí cós peteiros afiados, deixando caír tamén algunha "bomba" en forma de pestilente cagada que con moita puntería liberan no intre exacto. Dou fé.
Fascíname a valentía destas aves, que se enfrontan sen vacilar á ameaza que representan pra éles uns "bichos" moito mais grandes ca éles, nun exemplo asombroso de temeraria ousadía, por protexer á niñada que está en camiño. Por certo que o incremento de efectivos defensores con ésa renovada agresividade fainos inferir que os pitiños xa deberon nacer, mais polo momento aínda non podemos confirmar tal.
Finde n°5:
Con ledicia podemos distinguir, camuflados entre as caprichosas formas dos Cóns, ata tres poliños que son vixiados con celo e alimentados sen descanso por seus pais.
Vaites! A pesar de tódalas dificultades lograron a totalidade do proxecto...
Contra todo prognóstico foron capaces de alonxar do niño unha grande variedade de perigos que a tódalas horas os provocaban. Temos rexistrado o ataque á Garza real, diversas escaramuzas cós bañistas, e ata algún can que tuvo que saír có rabo entre as patas.
Afortunadamente non se rexistraron danos colaterais, e cun final feliz, como deixamos atestiguado.
Non podo pechar ó epílogo deste épico relato, sen recoñecer que sempre tuven, coma case todo o mundo, bastante tirria contra éstas aves, por carroñeiras, ou por oportunistas, pero a experiencia que vimos de contar axudoume a valorar un pouco mais a tódolos bichos en xeral, e a éstas Gabotas en particular, que con tanta valentía foron capaces de lograr, con tódalas circunstancias en contra, un novo ciclo da vida traendo unha nova xeración de veciñiños de Carreirón.
Éste laborioso video para o cal me otorguei a licenza de engadir algún toque de humor, pode servir como acta notarial da procelosa historia Jaboteira que vimos de relatar nesta entrada do Blog. Durante mais dun mes fixemos o seguimento do chocado dos ovos por ámbolos pais, acadando algunhas secuencias cunha boa dose de sorte, dada a nula disposición dos celosos protagonistas para a gravación de cada toma...
|
Moi ben contado, con humor e a pericia dos país, cuidando os ovos, e os 3 pitiños despois👏👏
ResponderEliminarObrigado...🤗🙋🏻♂️
Eliminar