x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

14_08

Sartañada de Saltóns


Sartañada de Saltóns

 Paracinema tricolor bisignata (macho) 
De seguro que si estivesemos en México, ou na China, ben poderiamos prepararnos unha boa sartañada de Saltóns, pois este finde foi ben abondoso deles.

 Calliptamus sp 
Mais como por estes lares xa podemos dispor doutras cousas mais saborosas ás que lle fincar o dente, ímolos deixar así retratadiños, que quedan moito mais bonitiños que fritidos nunha tixola...

 ninfa de Calliptamus sp 
Témolos de moitas cores, adoptando cada individuo aquel aspecto exterior que en cada lugar ou circunstancia se axeita mais pra quedar integrado có entorno e non ser detectado, ben sexa polos depredadores, ou polas vítimas, segun a ocasión.

 Langosta egipcia (Anacridium aegyptium) 
...ou polos retratistas pelmas, que andan detrás deles na procura dunha foto, e nonos deixan descansar dos longos saltos que se pegan. Por certo en cada salto cubren unha distancia de 30 veces a lonxitude do seu corpo.

 Oedipoda sp. 
Esta cualidade de camuflaxe denominase "cripsis", e define as de algúns animais pra adoptar cores, olores, aspectos ou formas de movemento que os fan pasar desapercibidos. A palabra provén do grego "kryptos" (o que está oculto).

 Oedipoda sp. 
O mais habitual é o troco de cor da pel, ben sexa por medio de mecanismos hormonais (anfibios) nervosos (peixes) ou misturados, como é o caso do Camaleón.

 Chorthippus binotatus (femia poñendo ovos) 
No caso dos Saltóns, parece que se debe tratar de trocos controlados nas cores do seu exoesqueleto, pois pel non teñen.

 Oedipoda sp. 
Todo-los que saen retratados neste post semellan ter formas, tamaño etc., exactamente igoales, polo que debe tratarse da mesma especie. Mudan a cor á súa vontade pra se camuflaren dependendo do entorno no que se atopen.

ninfa de Conocephalus sp
Só se aprecia distinto éste exemplar coa súa cor tan luminosa, mais non é doutra especie, é da mesma só que se trata dun xuvenil que aínda non está totalmente formado.


Durante ésta etapa de ninfas xuvenís, realizan varias mudas a medida que van medrando de tamaño. Nesta funda que deixou pendurada da percha algún exemplar temos unha proba disto.


Vaia, pois tén toda a feitura dun Saltón, a mín parecíame unha cría, mais nono é. Trátase dunha Cicadella viridis, e en tamaño é minúsculo, non chegaba a 3mm. de lonxitude, ata semella transparente. Grazas pola aclaración.

 Oedipoda sp
Agradecemento impagable a Jonatan Antúnez, un estupendo amigo e grande coñecedor e amante dos bichiños de tódolos tamaños e formas que por sorte quixo axudar na identificación das inmundas criaturas que hoxe subimos aquí.

Neocallicrania selligera

Éste magnífico exemplar aínda nono vira nunca, e tampouco dei con él, así que, antes de meter a pata outra vez, agardarei a que algún amigo compasivo me ilustre, en cuxo caso subireino aquí pra que non lle teñamos que alcumar "do palleiro", ou algo así...

Coma sempre, os bichiños enchen de beleza as fotos coa sua riqueza de cores. E aínda mais no caso dos Saltons, que poden adoptar a discreción o seu aspecto exterior. Habería que poñer algún nun taboleiro de xadrez, a ver si se nos poñía a cuadros... :-)

Ó millor sí, quén sabe! 


1 comentario:

  1. Anónimo1/6/15

    El penúltimo es una Cicadella viridis. Un hemiptero, no un ortoptero.

    ResponderEliminar

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️