x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

16_04

A Poza de Espiñeiro, tribuna VIP


A Poza de Espiñeiro,
tribuna VIP


Un pouco mais dunha hectárea é a extensión deste pequeno humidal ó Sur da Arousa, un dos poucos que aínda se conservan con relativa boa saúde medioambiental, e todo a pesar de estar a caron dun camiño moi transitado, rendido por muros e cerrados de leiras por case toda a súa contorna. Porén, pra mín semellan mais surrealistas eses postes marcando fronteiras espichados no medio da "bañeira" da auga, que os peculiares "veciños" do lugar usan como pousadoiros.

Galiña de río - Gallineta común - Moorhen
(Gallinula chloropus)

Precisamente o feito de estar mesmo enriba do camiño dalle unhas posibilidades inmellorables a xeito de varanda onde os visitantes poidan desfrutar da súa beleza. Non sei si será boa idea, pero boto en falla algún tipo de valado neses 30 ou 40 metros de linde coa beira do camiño, có que se evitasen as perigosas incursións caninas que, a xeito de comandos de operacións especiais lánzanse á auga con evidente perigo prá fauna silvestre.

Pato cullerete - Cuchara común - Northern shoveler
(Anas clypeata)

Mais cando esa hectárea escasa se enche coas augas do Outono prodúcese tal brote de fauna que parece coma se fixese un cultivo en pequeno da biodiversidade da nosa Illa, pois tanto na Poza de auga doce, como nos esteiros mariños de Espiñeiro están representadas a meirande parte das especies que podemos avistar en Carreirón ou en calquera outra zona insular. E aínda por riba con especies exclusivas, como é o caso dos patos Culleretes, que nunca avistei fóra deste puntiño da nosa xeografía.


O vídeo que subo eiquí evidencia a beleza deste agraciado curruchiño. Un Cullerete "cú pa riba" procura o sustento no piso dembaixo, un macho de Lavanco que aínda hoxe non sei bén o que me preguntou, unhas Gabotas aseándose na auga doce e disimuladamente ficar ó axexo dalgún descoido de mamá-pata pra encher ó bandullo con algún patiño da nova fornada. Tamén hai unha "Lavanca" que chegou de repente cun ovo no peteiro, que alí mesmo papou. Sería algún fillo malogrado cuxas proteínas non se poden estragar, que a vida está moi cara e a familia numerosa xa está a petar á porta. Unha Galiña de río recórdame a un ciclista en pleno "repecho" levando no peteiro algo con que face-lo niño, e un Mergullonciño que botou toda a tarde buceando os fondos acá e acullá, lava enérxicamente o que aferra no peteiro, pra volver a chumpar procurando mais. Haise que poñer forte, que xa chegan os pitiños da nova camada. Éses sí que van ser difíciles de encetar, porque si miúdos son os pais, os fillos non levantan mais que unha noz. E por último as primeiras excursión de patiños guiados pola mamá-pata.


Mergullón pequeno - Zampullín común - Little greve
(Tachybaptus ruficollis)

Todo este desfile é arrodeado por un continuo concerto de chíos e sons de tódolos retratados e mais doutros que de momento deixaremos só de anónimos coristas. Unha música optimizada polo fondo có circo de arbores que conforma unha magnífica caixa de resonancia coa que se "masteriza" unha acústica que nona mellora nin o mais sesudo deseño dun pazo de concertos, saturando aínda de mais beleza as cores e formas deste miudo, mais suntuoso teatro natural. 

Xa había catro anos dende o último debut dunha Galiñola negra, ou  Focha na Lagoa de Carreirón, en data de Abril do 2013. Tódolos anos as botamos de menos, e xa ficabamos afeitos de que non ían voltar, mais para ledicia e surpresa de propios e alleos, no 2017 volven, e desta quenda fixeron mudanza pra viren de veraneo á Poza de  Espiñeiro!
Todo un pracer observar o belo e formoso porte desta ave, a cal tendo en conta ésta estación de subida hormonal, intúo que a parexa non debe andar moi lonxe. Agollá as volvamos a ver, e si pode ser, paseando ós pitiños, que xa non deben tardar. 



Un tesouriño medioambiental que por sorte aínda conservamos na Arousa e que deberíamos axudar a preservar, porque a presión humana na nosa pequena Illa é cada vez mais incompatible con éstes entornos nos que os bichiños cós que compartimos o espacio sen dúbida teñen tanto dereito a vivir coma nós.

...ou mais.


2 comentarios:

  1. Anónimo14/5/18

    Hola, eu son un visitante máis ou menos habitual da Illa de Arousa, en concreto do parque natural do Carreirón. Desde hai uns anos descubrín éste lugar e, debido a miña afición polas aves, disfruto moitisimo dando unhas voltiñas por alí na compaña da miña inseparable cámara fotográfica. Desgraciadamente máis de unha vez atópome con alguén que entra con a súa mascota(cans), non é que eu teño algo en contra déles (nin moito menos) pero e que na entrada hai un cartelón no que se advirte da proíbición da entrada dos mesmos "baixo forte sanción". Si se lle di algo sempre din o mesmo :"mi perrito es muy bueno" "tengo cuidado de él" etc, etc. Debería haber máis vixilancia por parte das autoridades competentes, e unha magoa que un lugar tan importante desde o punto de vista mediambiental se deixe a boa de deus. Sen máis,un saudiño e que non se me enfaden os amantes dos cans que en ningún momento pretendo dar mala prensa déles.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas polo comentario. Con respeito ós cans, eu tampouco gosto cando os vexo, e os propietatios teñen que entender que non se trata de que as súas mascotas sexan boíños ou mansiños. Trátase de que os cansiños ceibes ó seu antoxo acosan e estresan moitas veces á fauna salvaxe. Agollá se vaian concienciando e vexamos cada vez menos. Saúdos e outra vez grazas... 😊

      Eliminar

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️