x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

16_07

Apolillados... pola nortada


Apolillados... pola nortada


Traza, Bruxa ou Couza son denominacións galegas destes lepidópteros nocturnos a polos que fumos na procura nunha noite de biruxe do primeiro finde do vran.
Meténdose xa a noite, arredor das 22:30 montan o tenderete entre Carlos, Jose e Saleta, expertos entomólogos da SGHN, nun lugar de Carreirón que imaxino escollerían por estar á beira da Lagoa, e contar có abrigo proporcionado pola vexetación, a cuberto da nortada que tamén quixo participar no evento.


Mentres os tres "insectívoros" quedaban preparando o mantel prá merenda de Trazas que con ilusión agardabamos acadar, seguimos a Moisés Asensi, amigo da nosa Illa e grande experto en anfibios da SGHN que saiú a dar unha voltiña arredor pra ver que bichiños se atrevían con nós. Os primeiros en aparecer foron unha parexa de Lagarteiros / Cernícalos (Falco tinnunculus) que revoaban xusto por riba das nosas cabezas sobre a área que as nosas lanternas deixaban mais iluminada, acaso tentando aproveitarse da inesperada avantaxe que lles proporcionaba a nosa luminosa presenza prá caza.


Tamén se sumaron a esa berbena de luces un grupo de alomenos media ducia de Morcegos (supoño que comúns, que son os que temos por aquí). Coma noutras ocasións, Moisés, coa ansia dun cativo que abre un agasallo, non se pudo resistir a virar algúns pandullos, ata encetar embaixo dun deles un Escáncer de tamaño medio que, entortándose ó quedar exposto, escurréusenos hábilmente, deixando o obrigado retrato pra mellor ocasión. Por certo, o primeiro Escáncer que vexo lonxe dunha leira de patacas ;)


Xa de noite fechada, de volta na "merendiña", disfrutabamos dos primeiros convidados que chegaban atraídos pola luz, o que aproveitabamos pra bloquear coas cunquiñas transparentes invertidas que oportunamente trouxeron os que saben desto, e así darlle tempo a enfriaren os seus corpiños e poder retratalos e identificalos. De momento nós, os neófitos, mirando e aprendendo.







Por desgraza algúns escapáronseme do obxectivo da cámara, pero as fotos que poñemos aquí coido que dan unha boa idea do ben acompañados que estabamos alí.

Aínda botamos unha chea de tempo nestas faenas, ata que, ben sexa porque non eran horas prós rapaces, ou polas trompadas que pegaba na cara o dito Vento do Norte, ou, por qué non dicilo, (alomenos no meu caso), pra escapar dos mosquitos que a esas horas xa me tiñan acribillado vivo, decidimos coller "cabo en roda" e ir planeando outra saída da man de Moisés Asensi pró vindeiro Outono, na procura dalgunhas especies de anfibios dos que temos por veciños, os mesmos que nesta oportunidade zafáronse do noso acoso, pois só pudemos facerlle a foto de carnet a unha Estroza/Raniña de Santo Antón, que xunto cunha boa chea délas escoitábase cantar no medio da lagoa.


Unha experiencia fenomenal que temos que agradecer a Moisés, Carlos, Jose, Saleta e os seus intrépidos cativos, que amosaron estupendas cualidades de interés pola Natureza, os nosos amigos da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ós que lle agradezo a agradabilísima compañía, amabilidade e pacencia, e sin os que non sería posible esta enriquecedora oportunidade de ampliar un pouco mais o coñecemento dos nosos "Bichiños de Carreirón" protagonismo que no caso do sábado, tocoulle ós "after-hours" das noites da Arousa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️