Descobrindo un "Mito"
Ferreiriño rabilongo Mito Long-tailed tit (Aegithalos caudatus) |
Mira tí o que nos trouxo o tren de borrascas do mes de febreiro. Un dos poucos paxariños que despois de tantos anos na súa procura aínda se resistía a ingresar no álbume particular déste bug-blog. Unha repoludiña xoia da familia dos Ferreiriños en forma de pompón de gorro de lan, acho que o mais pequeno déles, si descontamos a formosa cola, duns 7,5cm que supón mais da metade do seu feble corpiño, que acada os 14cm en total.
Abofé que foi precisamente ésa vistosa e estirada cola a que me chamou a atención cando reparei en que me revoaban arredor da cabeza unha pequena panda de cinco ou seis paxariños que non eran os imaxinarios paxaros que a cotío se me meten nas ideas, e que a pesar do grande balbordo que iban montando, non pudemos identificar polo chío, descoñecido aínda pra éste retratista repunantiño e compañía.
"alehop!" |
Tamén lle chaman "Ferreiriño subeliño" e non está moi claro si crían en Carreirón, aínda que eu pensaría que sí, chegando como parecen chegar a primeiros do ano, supoño que para os preparativos do niño e do cortexo, que nos meses inmediatos da Primavera tódolos paxariños efectúan sen fallo.
Habitan en calqueira tipo de bosque, sexa de folla perenne ou caducifolio, polo que en Carreirón non terán problema e van poder escoller. A súa alimentación é principalmente de insectos polo Vran e de sementes no Inverno, supoño que farán esta distinción por ser mais abondoso o primeiro "menú" durante o estío, aproveitando pra meter no corpo mais proteínas durante a época de cría, que boa falta lle han facer pra tan fatigosa tarea...
Por último, dicir déste enxebre e chato ferreiriño que ás veces ata semella non ter peteiro, que aquelo de "caudatus" no nome científico deriva de "cauda", que quer dicir "cola", definiciòn obrigada pra reflexar no seu DNI o mais característico e chamativo rasgo da privativa e feiticeira anatomía deste pomponciño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻♂️