x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

15_12

Nómadas do inverno


Nómadas do Inverno

Nesta entrada tentarei facer unha dilixente laboura notarial aproveitando os roteiros que teño a sorte de poder fruir por Carreirón os findes, e facer cronolóxico inventario dalgunhas das aves invernantes da presente tempada entre solsticios, que unhas veces veñen pra residir eiquí nos meses mais duros do ano, e outras só pra facer unha provisional escala collendo folgos de camiño a outros lares mais ou menos lonxanos nos que manteñen un fogar agardando por éles cada ano. Entre éstes efémeros visitadores en roteiro migratorio, demos avistado algunhas especies pouco pródigas pola nosa Illa, que a sorte nos puxo "a tiro" fotográfico, como se deixa acreditado deseguido.


Gabita - Ostrero euroasiático - 
Eurasian oystercatcher 
(Haematopus ostralegus)

Foi unha das primeiras e mais amplas bandadas que fixeron o debut na estrea Outonal do noso escenario insular. De primeiras anduveron ás voltas durante varias semans polo Esteiro de Carreirón, e tamén polo Sur da Ría.
Porén, dende o fin do mes de Novembro xa case non se albiscan pola zona. Só nalgúns cóns de fóra, ó Sur de Carreirón pódense ver algúnhas cuadrillas con frecuencia. Daquela estaríanse a xuntar pra "coordenar axendas" pra aniñar. Hai un par de anos tropezamos con varios poliños que se refuxiaban nos sacos de area da base do parapeto de protección do Dolmen do Areoso, onde criaron, manténdose a nai revoando nerviosa arredor.




Bilurico Bailón - Andarríos chico -Common sandpiper 
(Actitus hypoleucos)

Tamén chamado Bilurico das rochas, eu gosto mais da festiva denominación, que coido define moi bén o comportamento desta miudiña limícola, de discreta figura.
Nada gregarios, case sempre se miran solitarios, todo mais ás veces en parexa, brincando da mallante prós cóns, ou correndo ó longo das ondas así como morren na praia, supoño que porque nese bater deixarán ó descuberto algúns invertebrados das algas dos que se alimentan.
E sempre adornándose cós seus simpáticos "tics" baixando e subindo cabeza e corpo, de cuxo "baile" é de supor que nacerá o expresivo apelido có que foi bautizado. Por certo que se fan moi reos ós meus inocentes achegamentos pra retratalos.



Garza real - Grey heron 
(Ardea cinerea)

Após todo o vran no que só se puderon ver escasos exemplares (acaso xa residentes), coa chegada do outono vanse formando grupos bastante numerosos de entre trinta e cuarenta individuos pescando espallados por todo o Esteiro de Carreirón, que é por onde adoitan xuntarse nesta parte da Ría. Este grupo que retratei eiquí lembroume a distribucion dos xogadores nunha cancha deportiva, ó mellor estaban a xogar un partido de fútbol de máxima rivalidade, e aínda que non vín o balón por ningún lado, non puden resistirme a documentar o evento.


Pildora cincenta - Chorlito gris -
Grey plover 
( Pluvialis squatarola)

Dende finais de novembro é un espectáculo a gran variedade de limícolas a mariscar á seca da praia de Xastelas,  coma nesta imaxe. Ése día en concreto as Píldoras cincentas eran claramente maioría.  E veña daquí pra alá por toda a praia -e mira que é grande- pois a canto te achegas un pouco, dan o salto pró outro lado. Tamén son moi doadas de ver no Esteiro de Carreirón, arrente da beira do mar, descansando nos Cóns de fóra, a salvo de malévolas intencións. 


Pilro común - Correlimos común - Dunlín 
(Calidris alpina)

Tiña dúbidas da súa identidade, por seren moi confundibles có P. ferruxento, aínda que éstes últimos son mais difíciles de atopar por aquí. Un déles está marcado cun anel, que nos dá información sobre o bicho como por exemplo que xa se levan 4 anos seguíndoo e anotando "escalas" en Rouxique, na Arnosa, na Fianteira, etc., no Complexo intermareal Umia-Grove.
Moi obrigado ó Grupo de anelamento Anduriña pola información, e pola oportunidade que me dan de axudar ó seguimento destas belezas. Escolleron esa caste de grada que lle brindaba un Cón en Punta Carreirón seguramente pra descansar e tomar unhas birras ollando así tan escalonadiños todos na mesma direución, como se asistisen a un espectáculo, cando o espectáculo eran éles, alomenos sen dúbida pra mín. Reunidos nun compacto acio, en canto a embestida dunha onda os obrigou a brincar no aire, emprenderon novamente o vóo na procura do seu destino cara ó Sur.


Bilurico común - Archibebe común -
Common redshank 
(Tringa totanus)

Teño pra mín que éste ano non foron dos mais puntuais, pois por eiquí comezaron a asomar o peteiro dende os derradeiros días de novembro.
Teñen querencia polo esteiro das Aceñas, onde mariscan a canda os Biluricos claros, e as Garzas reais.
É un bilurico de tamaño medio, pra mín probablemente o mais vistoso déles, có lucido e intenso bermello có que visten o peteiro e as patas. Porén, non son dos que ofrecen mais confianza ás visitas, así que terei que invitar a algúns cafeses pra que me deixen achegar un pouquiño mais.


Falcón peregrino - Peregrine falcon 
(Falco peregrinus)

Un exemplar xuvenil de tan fermosa e espectacular ave rapaz, a cal nunca pensei atopar pola Arousa, pois moi raramente atravesa por eiquí, sempre en paso migratorio. Apareceu no medio dunha espesa néboa, e xa me pareceu raro ése debuxo e cores do peito nada familiares, ó que tampouco axudou o lugar onde ficaba pousado, un Cón á beira da praia da Portiña do revello que ó primeiro levoume a pensar que era algunha gabota, identidade que con grande asombro negou a edición fotográfica. Pouco tempo nos dou o bicho pois botou a voar cando iniciabamos os primeiros pasos da aproximación. A ver si hai mais sorte nos días que queira botar con nós, e nos concede unha entrevista, aínda que sexa curta e sen intérprete.


Bilurico claro - Archibebe claro -Greenshank 
(Tringa nebularia)

Adoito atopalos en faenas mariscadoras a canda ós B. comúns, e igoal que fan éstes, son moi doados de ver pola zona Oeste de Carreirón, e na súa época, tamén pola praia de Espiñeiro.
Eis a boa harmonía que cultivan éstas dúas aves, que velas aí van ó par mentras cachean polas miñocas que van partillar coma bós veciños. Seguramente haberá pra todos porque tampouco os vin rifar nunca cós do Control da peneira pola "tasa" nin polo tamaño das capturas.


Mazarico real - Zarapito real - 
Eurasian Curlew
(Numenius arquata)

Outra especie que, alomenos na Arousa non é moi habitual. Porén, este ano xa os teño avistado dende o mes do Nadal nunha bandada que adoita pousar polo Sur de Carreirón, mais ate este finde non fun quén de reflexar a éstes fuxe-fuxe peteiros corvos no espello da miña cámara.
Son fácilmente confundibles cós Mazaricos chiadores desta entrada anterior, aínda que cando botan a voar son delatados tanto a envergadura como polo longuísimo peteiro característico.
A foto da bandada é pola Punta Xastelas, e a dos dous exemplares foi na Praia dos Petóns, onda Punta Carreirón.


Pato cullerete - Cuchara común -
Northern shoveler
(Anas clipeata)

Habituais no espazo inter mareal Umia - Grove, éste é o primeiro ano que consigo avistar ésta bonita anátida, polo que tentar retratala pra subila aquí non foi mais que outro acto reflexo. 
A localización non foi en Carreirón senon na Poza de Espiñeiro, onde os vexo dende finais de Xaneiro. Con ese asombroso peteiro, no que ten o berce o nome do bicho, ás veces ata me parece un artificial implante coma si lle puxeran unha especie de careta ó animal, aínda que, en calquera caso precisamente polo inusual tamén me parece un fermosísimo complemento á beleza de cores que, como tantos anátidos luce éste patiño.


Mapa dos avistamentos
desta entrada:

         foto aérea de Manuel Beloso

2 comentarios:

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️