x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

19_08

Un finde moi produtivo


Un finde
moi produtivo

A Lagoa esmorecendo de sede, a presión humán cada ano mais escatolóxicamente presente, abafando o entorno do humidal coa presencia de moitos que o acaban convertindo cada Vran nun "aliviadeiro" de augas menores e maiores, á falta, todo sexa dito, dunhas necesarias instalacións que, ó meu entender, debería poñer o Concello, e así evitar que aqueles que gostamos desfrutar da Natureza da nosa Illa nos vexamos na engorrosa situación de pisar unha "mina antipersona" das tantas que aqueles non desexados visitantes da Lagoa nos deixan estercadas ó longo do camiño, marcando coma naquel conto de Hansel e Gretel un sendeiro, aínda que neste caso sen moito sentido, nin destino final.
Vaia, que a pesar de tódalas contrariedades que lle poñemos ós nosos Bichiños de Carreirón, éles continúan a nos brindar beleza, e a proba disto foi o acontecido neste derradeiro finde, durante o cal nos agasallaron con imaxes fermosas, e as inesperadas surpresas que deseguido imos desbullar:





Un dos mellores momentos foi o que nos brindou éste Rascón, cuxa pantasma xa se insinuara uns minutos antes fuxindo entre as sombras...
Asì que de primeiras xa nos demos por satisfeitos con ése "debut", pois é ben coñecido que éstas aves son moi fuxidias, e resultan moito mais doadas de escoitar que de mirar.
No noso caso hai que recoñecer que nos ùltimos tempos nin unha cousa nin a outra, polo que cando lle dou por  atravesar con grande balbordo o cauce do anel da Lagoa, non tuven tempo nin de preparar a cámara nin nada e disparei case instintivamente...
Porén, as imaxes que acadei demostran coa súa qualidade a beleza do escorridìo bicho, e por qué nono dicir, tamén o mérito do Retratista repunantiño na xestiòn do inesperado suceso...
Unha xoia de bichiños, e polo que a un servidor respeita, das mellores fotos que levo acadado, tanto pola qualidade das mesmas coma pola beleza do bicho, dada a estrema dificultade que os escasos segundos de que dispós che conceden pra retratalos.
Cós Rascóns, semella que beleza e dificultade van no mesmo paquete, así que o teremos que tomar coma un peaxe incondicional ó que éstas marabillosas aves nos teñen castigados, e que teremos que acoller con resignación...


Xa ó chegar fomos recibidos có habitual balbordo ó que xa nos teñen acostumados, pola "pandilla" de Bicos de Coral residentes por èstes lares. Nestas datas estivais adoitan facerse moi presentes no seu ir e vir, sempre en bandada, por todo o humidal, con primordial querencia chiando arredor das pozas da Lagoa. Por certo que a pesar de que xa hai varios anos que os temos por aquí, non me parece que a súa poboación aumentase, mais ben semella que se mantén estable.
Nesta ocasión semellaban un chisco mais medrosos que noutras pretéritas oportunidades, pois non nos deixaron achegar demasiado a éles, así que, con escasas exceciòns  só puden acadar fotos con encadre xeral, coma as que acompaño nestas liñas que, por outra banda non desmerecen nadiña a beleza destes xa vellos coñecidos...


Tamén había o Sábado grande actividade das Libeliñas nas pozas da Lagoa, éses que de cativos chamabamos "helicópteros".
Ben fose patrullando o curso ou a contorna das pozas, ben por estaren como están nestas datas entregados ás tarefas procreadoras, podianse ver moitas das mais grandes Aeshna afinis e A. mixta, que son as mais habituais e coido que únicas por aquí, dentro do seu tamaño.
Todas, grandes e pequenas, e tamén os diferentes Cabaliños do demo fican nestes días entregados ó frenesí reproductor, coma nesta imaxe, na que unha das primeiras está a depositar a posta por baixo das follas dos Vidueiros caídas na auga, coma sempre.


Mentras tiñamos a vista na auga, decatámonos dun paxariño que me lembrou aquel pasaxe bíblico no que Xesús (Suso para os galegos, que xa hai confianza) camiñaba milagreiramente polas augas, cousa que remedaba de xeito perfeito e moi simpático o primeiro por riba do tapete creado polas follas caídas das árbores frondosas que emborcan as súas ponlas  nas contornas das pozas da Lagoa.
Mantíñase a flote pousando enriba délas o tempo preciso pra non se afundir, correndo daquí pra alá na procura do alimento que, en forma de pequenos insectos iba atopando e peteirando.
Non era outra que unha fermosa Lavandeira marela, que miro cada vez mais a cotío ó chegar a tempada délas, pois hai escasos anos, aínda que as había, non era tan doado atopalas, e hoxendía pódense ver tanto na praia xunta as súas curmáns as Lavandeiras brancas ou Señoritas como gostamos chamalas por aquí, coma polo humidal, ou tamén polos camiños..


Mais pra descoberta mundial, cando xa pensabamos ter identificada à totalidade dos paxariños da Arousa, semi oculto nas sombras do interior das jallas dunha das frondosas da lagoa, apreciàbase unha boliña cunha forte cor encarnada moi intensa.
Como xa había algúns intres que creìamos que debía andar pola zona un Picapeixe, acordamos que se trataba dun déles.
Aìnda asì botàmoslle un pouco de pacencia ata que o vimos baixar pra se refrescar e beber na auga da Lagoa a canda outros paxariños, pra ollarmos estupefactos que tiñamos diante  nada menos que un Cardeal, en castelán Camachuelo (Pirrhula pirrhula) o cal, todo pereno alí ficaba agardando a sùa quenda pra o baño case sen se inmutar.
Lástima que nos colleu un pouco arredados e non puden lograr as fotos de boa qualidade que eu quixera, mais pra empezar, éstas da dereita coido que son boas dabondo, alomenos pra testemuñar ésta marabillosa nova presenza entre a nosa diversidade. A millor descoberta en anos, sobre tudo porque creo que aínda que habituais nas nosas latitudes, nono son nestas "altitudes" pois acomódanse mellor en entornos montanos. En calquera caso, dàmoslle a nosa mais aquelada benvida a éstes formosos e espectaculares paxariños.


Ben, e para remate final, outra marabilla que, aínda non por descoñecida, sí por inabitual, o que xunta ó fermoso azul metálico có que deslumbra ó observador convírteno nunha buscada e rebuscada atracción da Lagoa. Xa o tiñamos mais ou menos ubicado polo chío, pero sempre demostraba que era mais listo que nós, facéndonos correr dunha banda a outra, arredor das pozas.
Así que trocamo-la estratexia: Procurando camuflaxe por dentro das sombras da vexetación íamos ser nós quén de acadalo en varias ocasións, mais sempre poñéndoo ben difícil, pois como non hai pousadoiros naturais coma por exemplo Cóns ou algunha outra "atalaia" onde poderen pousar no medio da auga, sempre rematan por se encaramar na vexetaciòn palustre que emerxe, o que supon un dificilísimo enfoque, que obriga a facelo manual, có que a ótima nitidez da toma depende do acerto do ollo do retratista, e por aí non imos moi alá...
Porén, o resultado sempre paga a pena, coma o demostran estas dúas imaxes que subimos aquí.



Un precioso colofón final pra un finde cheo de asombrosos descobrimentos, fascinantes imaxes e, por qué nono dicir, moito traballiño, que si ben nunca llo imos reprochar ós nosos bichiños, estaría ben que por unha vez pensasen un anaquiño nos nosos sofridos corpiños e perniñas, e non nos fixesen correr tanto detrás déles, pois a pesar da nosa repunantiña presenza, nós tamén temos dereito a un pouco de tranquilidade no noso facer...


Ningún comentario:

Publicar un comentario

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️