x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

17_08

A lagoa de Carreirón


A Lagoa de Carreirón


Quenda para o humidal mais grande e mellor conservado da Arousa. Unha lagoa que mellorou considerablemente após a mais recente actuación de hai catro anos, cando a presenza das excavadoras presaxiaba grandes desastres para o fraxilísimo equilibrio dunha zona húmida moi ameazada dende moitas frontes. Unha délas é a xeográfica, cunha intimidante liña de costa que vai subindo imparable debido ó cambio climático e que o podería inundar de auga salgada acaso nalgún forte temporal que rachase a delgada duna que os separa. A outra é a cada ano mais inxente e ameazadora presión humana do Vran, coa conseguinte parte de turismo de cubito e paleta ó cal o último que lle importa é o respeto e sostenibilidade deste tesouro noso.


Unha lagoa que a pesar do estacional e cada vez mais escaso aporte de auga do inverno, que non lle permite rematar o Vran con auga, conserva unha envexable variedade de fauna e flora. Como adoito proclamar, non temos grandes cantidades mais sí un amplo álbume de especies. Neste post so vou incorporar unha pequena representación delas, tentando dar unha imaxe gráfica desa diversidade. Si acaso subirei as mais raras de atopar ou as que a mín me parecen mais vistosas. Todas contribuirán a poñer en valor este espazo tan singular da nosa Illa e da Galiza:




Dos Rascóns dise por aí que é mais doado escoitalos que velos, có cal estou dacordo. Si lle coñeces o chío avísanche da súa presenza dende algún lugar do humidal. Mais outra cousa ben distinta é chegar a ollalos, pois as súas aparicións son moi escollidas, e case sempre buscando a discreción das sombras, o que non che deixa moitas opcións pra chegar a desfrutar da observación con detalle.
Pois ben, si avistar un Rascón adulto é toda unha sorte, xa non digo ver dous, ou coma neste caso, ata tres, aínda que un déles fuxeu do plano no último momento. Seica dixo que tiña que rematar unhas xestións pendentes...
E como récord final, abeirar o insólito é acadar o retrato dun pitiño de Rascón, feito que, dentro dos meus posibles, debo calificar coma unha verdadeira "delicatessen" fotográfica. E con dupla satisfacción, comprobar que os nosos exemplares son residentes que crían á sua descendencia por eiquí, sen necesidade de migraren para tal menester.

RASCÓN MENINO (Dores Lobato)
Fuxín do colo da minha nai
coa ansia leda de ver o mundo...
E a uma foto fun a parar.
Pra uma vez que boto o pé fora
son apanhado por papparaccis
que se camuflan pola lagoa.
Tan elegante, todo de negro,
velaquí tou, apresentadinho,
neste tesouro que é Carreirón.
Tede respeito pola Natura,
fachendeade polo que somos:
afortunados polas misturas.


As Galiñolas negras que veñen pasar o inverno con nós, non che teñen seriedade ningunha ;-) pois aínda que este ano deixouse ver algún exemplar, foron catro tempadas as que pasamos en branco, dándonos pé a temer que xa non ían voltar por eiquí. A pesar das sobrias cores, é fascinante podelas contemplar.


E falando de galiñas, moito mais cromática é a Galiña de auga, na que destaca o seu magnífico peteiro que loce orgullosa, e que, coqueta éla, leva a xogo cunhas non menos repoludas "patorras" das que nesta imaxe só nos deixa adiviñar as suntuosas cores baixo a auga. Por certo, éstas sí que están empadroadas na Arousa, pois teño pra mín que fican e crían por eiquí todo o ano, aínda que nunca me cadrou ningún avistamento dos pitiños.


Un dos sons que é mais doado escoitar na Lagoa, é o escandaloso balbordo dos chíos cós que os Mergullóns pequenos inundan tudo o entorno do humidal, estrépito que liberan ó ar a canda unha boa manchea de hormonas, pois cando mais se esforzan adoita ser nesa época na que andan moi ocupados a facer as beiras con vistas á nova fornada...
Tamén crían aquí, como atestigua éste minúsculo pitiño que, aínda que na foto semella grande, non sei si pasaría dos 5cm. e que por casualidade se me puxo a tiro por primeira e única vez ate o dagora.



Aínda que cada ano se deixa ver, e sobre todo escoitar pola lagoa algún exemplar, bén sexa polo chío ou bén cando o sintes o seu chumpo na auga pra pescar, o Picapeixe é, porén, un dos que mais difícil che poñen o retrato.
Éstas foron as mellores "poses" que nos quixeron conceder, pois case sempre os vexo de costas, o que quere dicir que, coma sempre xa me avistaron éles antes ca mín, e xa fuxen do retratista repunantiño. Resulta moi aquelado que a pesar das súas cores tan rechamantes e vistosas, camúflase perfeitamente entre os xuncos e a herba alta da lagoa...

PAXARO AZUL - GUARDA RIOS
Pasou por onda mín a frecha azul
pescador implacábel
beleza irresistibel
un ser Azul-Arousa na Arousa azul
Olhou pra min inquedo e espectante
"sairei bem no retrato?"
Non pode ser noutrora, é agora!
enleoume nesta prenda, é o meu auto-regalo
Deume o seu mellor ar, o ar azulado.
Chegou có vento de novas mareas, e eu, sen presa,
namoreime na maxia da illa azul,
da beleza deste ser máxico.
(Obrigado, Dores Lobato)


Tamén é doado escoitar polo humidal o seu singular chío, algo así coma "rrrrrrrrrr" ;-) das Avenoiteiras, mais outra cousa bén diferente é atopar unha a plena luz do día e ser quén de te achegar a só un par de metros déla. Eiquí fica a procelosa historia de tan insólito encontro "na terceira fase"...


Éste é un dos mais recentes veciños da lagoa. Os Bicos de coral son unha especie exótica moi ben adaptada eiquí, onde xa forman unha ruidosa colonia. Porén, non están calificados coma "especie invasora", pois non compiten nin desprazan ás especies granívoras autóctonas. Nesta entrada do "bug-blog" locen mais.


O da foto foi o primeiro Esgonzo que avistamos no humidal da lagoa, aínda que xa o temos visto noutros lugares de Carreirón. Avistamentos que son cértamente complicados, apenas intuitivos, pois escúrrense entre a herba mais axiña que o tempo que tén o ollo de reaccionar, que xa é dicir. Ésta imaxe foi do primeiro encontro, que contamos nestra entrada anterior.


A Estroza, ou Raniña de Santo Antón é un dos mais entrañables bichiños que temos a sorte de contemplar na Arousa, e que teñen a súa residencia por todo Carreirón, nomeadamente no humidal da lagoa, onde a pesares de seren unha das especies de anfibios que noutros lugares da Galiza e da península fican moi ameazadas, por aquí aínda non resulta moi complicado atopalas. Agardemos que por moitos anos.




Vaia, que ó día de hoxe a Lagoa de Carreirón goza dunha aceitable saúde, a pesar da continua sementeira de residuos que con orixe en cada asentamento humán arredor de toda a Ría, aterran por cada currucho do parque guiadas por según qué azarosos ventos e correntes, e sobre todo a pesar da inxente presión humán que durante o estío teñen que soportar os bichiños, que precisan do espacio todo o ano. Eu coma éles non gosto déses danos colaterais que nos deixan os "continentais", aínda que supoño que xa estou afeito.

Afeito, mais vixiante...




6 comentarios:

  1. Qué pena que no verán estuve en Arousa y non sabía que había un sitio tan interesante aínda que a illa encantóUME. A ver pro ano q ven se Deus quixer

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Obrigado. O Parque enteiro agárda por tí... ;-)

      Eliminar
  2. Evaristo3/1/18

    Precioso documental; Gracias!

    ResponderEliminar
  3. Marabilloso documento, Fran. Noraboa.

    ResponderEliminar
  4. Obrigado. Apertas🤗🤗🤗

    ResponderEliminar

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️