x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

14_09

Comeza o espectáculo


Comeza o espectáculo

"Reunión de negocios"
de varios tipos de Corvos Mariños
nunha fenomenal foto cedida por  Gabi Comojo

Este ano xa en pleno vran se puderon albiscar as primeiras aves invernantes, o que parece un pouco cedo, así que non me queda mais remedio que xustificalo botando man do tan traído e levado "cambio climático".

Corvos mariños cristados
(Phalacrocorax aristotelis)
Debían de ser os primeiros exemplares da tempada, que viñeron a facer as oportunas reservas de aloxamento prós demais conxéneres porque agora sí, nos días da agonía deste último vran que disque pasou por aquí, xa é costume atopar bandadas de moitas especies arredor da nosa Illa, un espectáculo anual a disfrutar.

Falamos de aves mariñas, que mesmo dende calquera punto dende terra, resulta doado ver pasar por diante dos ollos Corvos mariños, Garzas, Gabitas, Biluricos de todas clases, Virapedras, Mazaricos, Carráns, Pillaras, etc.

Os ornitólogos xa deben fregar as mans có espectáculo, e tamén os que non somos científicos, mais gostamos retratar a natureza coas imaxes que moitas veces nos costan algún tombo nos Cóns, ou traer pa riba os pés emboldreados das lameiras das praias, na procura dese mito da foto perfecta.

Píllaras reais
(Charadrius hiaticula)
Aproveitando unha recente voltiña polos "sete mares" da nosa Illa, pudemos comprobar todo isto sen esforzarnos moito, pois tal que si estivesemos pasando as follas dun álbum, surxían moitas destas especies de aves mariñas, có que pola miña parte dou por xustificados os poucos días bós que en Agosto nos deixou caír o cutre vran deste ano, de Xullo mellor non falar...
Garzota común
(Egretta garzetta)
A proba de todo o que digo é a pequena escolla de imaxes coas que enfeitamos este post, que quero que sirvan coma a miña particular benvida a todos estes fermosos bichiños que a algúns alédannos o corazón cando os vemos arribar polas nósas Rías, procedentes das lonxanas terras Bálticas, do Mar do Norte, ou ata da Rusia Ártica.

Mazaricos Píldoras e Pilros
"encaixándose" xerárquicamente no Cón,
según tamaño...
Por certo, que teño lido que algunhas especies semella que se están a facer "residentes". Vaia, que lle colleron gusto ó noso país e non emigran anualmente, senon que quedan a criar aquí.



Ó meu pensar, ésta sería unha magnífica nova, áparte outras consideracións climáticas ou medioambientais, que evidenciaría un bó traballo dos responsables da conservación da biodiversidade. Parabéns ós que se sintan aludidos...


Ningún comentario:

Publicar un comentario

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️