x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido

O Cón do Forno




O Cón do forno para os da Arousa, o Mirador para os visitantes do "continente", O Santo pra todos. 


Según quen sexa  o interlocutor, ou cecais como lle falaran dél, así vai coñecer esta emblemática "cumbre" de 65 metros quen queira achegarse ata éste  lugar de inmensos pandullos de obrigada visita na nosa Illa.


A estratéxica posición no punto mais alto da Arousa, convírteo nun óptimo observatorio que oferece a mellor vista panorámica da Illa, que xunto á súa natureza lítica, conforma un conxunto cheo de suxerencias ó noso pasado mais remoto, dotándoo a un tempo dun carácter xenuino que os Carcamáns asumimos con orgullo.


Nos seus penedos deixou a pegada un artista como Camilo Otero, aquel escultor compostelán  xa falecido, que nos anos 60s deixou grabados polas ásperas superficies dos pandullos varios baixo-relevos sen título. 



Coma o do pastor coa ovella, unha Caveira ou outro cunha faciana de muller, tal como se poden apreciar nesta foto, perfectamente alineados verticalmente xunto coa salida do pasadizo.


En calquera caso é un lugar que se presta coma poucos ás evocacións místicas, que acaso algunha délas dou pé á colocación da propia estatua do Sagrado Corazón no ano 1962. 



Ou senon as imaxinativas interpretacións ós usos e significado do estreito pasadizo que dende o exterior atravesa o Cón principal por baixo pra saír nunha especie de balcón natural que che deixa a Arousa ós pés.


Se cadra vencellados cós ritos pre-cristiáns poden estar esas dúas canles pulidas ó longo do "Cón da Escorregadoira" onde os rapaces tiñamos hai anos un dos enredios favoritos, botándonos a escorregar por eles pa baixo, daí o seu nome. Mais dun pantalón chegou á casa furado de tanto refregalo por él.


Igoalmente enigmática e moi interesante, é a pedra cabaleira que, descansando enriba de outros dous Cóns forma un espectacular conxunto cuberto. 



Está ubicado a unha beira do conxunto principal, cun acceso aínda un pouco difícil e agochado.


A pegada mais recente no recinto data destes últimos anos cando foi acondicionada a ampla zona de herba que hai ó pé de todo o conxunto formando un fermoso parque lúdico que no 2003 foi adicado á memoria do falecido Manolo Loxo. 



O lugar é aproveitado por moitos dos visitantes pra facer as súas parrilladas, ou cando menos estumballarse un pouco á sombra das árbores que, espalladas por todo o lugar forman un enxebre xardin de especies autóctonas. Poucos sitios hai tan axeitados pra todo isto...


Eiquí, aproveitando as posibilidades que me dá un longo zoom de 400mm, pra tomar unha inédita imaxe metendo no medio a que pra tódolos arousáns non é menos simbólica construcción, a nosa Ponte.



E nesta outra toma, o que aproveitei foi unha inusual mañán, polo limpísimo do ambiente, e ademais clarísimo día de Novembro. Unha asombrosa imaxe que seguro surprenderá polo contido do fondo en segundo plano, nada menos que o cumio das Rías Baixas, o Monte da Curota. Sonche cousas curiosas que nos deixan os zooms longos... Desta volta non lle pasou desapercibida a anécdota ó retratista repunantiño...

Como dixen antes, un lugar de obrigado cumprimento tanto dos alleos coma dos propios Carcamáns.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño