x
MOI AGRADECIDO DA VISITA !! Agardo que gostes do contido

Carrán cristado, chumpos coma raios



Carrán cristado - Charrán patinegro
(Sterna sandvicensis)



Desta tirada homenaxeamos a unha das aves que a cotío podemos observar arredor da nosa Illa, por ser case exclusiva da costa. Raramente se teñen visto no interior, en todo caso seica poden parar a tomar algo de paso en lagos ou humedais relativamente grandes.




Son aves habituais nos peiraos e non refusan a proximidade dos humans, aínda que procuran deixar espacio pra "que corra o aire"... A pouco que subamo-la mirada, serán doados de albiscar, revoando e preparando eses espectaculares chumpos verticais sobre o mar na procura dos peixiños que lles dan sustento.






As fotos pousados son mais difíciles de conseguir que voando, que é o xeito no que botan a meirande parte do día, obrigados pola baixa porcentaxe de éxito neses acrobáticos picados. Calcúlase por baixo dun vinte por cento a probabilidade de pescaren algo. Home, os peixiños moi listos non serán, pero rápidos son coma raios.






Son alcumados a cotío como Anduriñas do mar, pola estilizada figura que presentan en voo, así como polos axilísimos quebros que perfeccionan no aire sobre todo cando divisan unha presa e inician un novo ataque.



É admirable a beleza da aerodinámica forma do corpo nos chumpos, e para mostra o "mísil" denriba. Unha foto de moita sorte, pois xa é do ano pasado e aínda non fun quén de lograr outra similar cun mínimo de calidade.

Xa te enjancharei, que non me has de pasar sen elas...










Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño