x
OBRIGADO DA TUA VISITA !! Agardo que gostes do contido

14_08

Un lagartiño "aculebrado"


Un lagartiño
"aculebrado"


Esgonzo (Chalcides striatus)

Unha estupenda sorpesa atopar por Carreirón a este miudiño Esgonzo (Chalcides striatus) que nunca vira nin contaba atopar. Tamén coñecido como Eslizón tridáctilo. (click nas imaxes pra ampliar)

Presente en case toda a península ibérica, agás amplas zonas do leste, probablemente polo seu gusto pola abundancia de humidade, pois constátase a súa escaseza en hábitats con precipitacións inferiores ós 500mm. Pódese atopar dende o nivel do mar (dou fé) ata os 1.800m de altitude, en zonas de vexetación herbácea primordialmente.

A especie é vivípara, o que quere dicir que as femias dan a luz crías xa formadas, neste caso ata unha ducia délas aproximadamente, que poden chegar a medir de 30 a 40cm, así que como o que nos ocupa hoxe non chegaba ós 15cm, debíase tratar dun mosiño aínda.

Lín por aí que as poboacións insulares da Galiza son moi sensibles ás alteracións do medio (probablemente pola escasa poboación). Por tanto entendo que na nosa Illa é unha especie especialmente vulnerable por distintas razóns, moitas delas relacionadas coa acción do home. Esperemos que en Carreirón estean a salvo das ameazas que soportan polo desprazamento do seu habitat que supoñen os cultivos, e polo abuso de herbicidas, pesticidas, e as queimas.

Os que fuxen déles, (pola conta que lle tén) son os coleópteros (escarabellos) hemípteros (carrachos, pulgóns) e arácnidos (pois iso), e tamén caracoles e lombrigas.
...E eles pola súa banda, teñen que bater o récord dos 100 metros lisos cando divisan raposos -non temos- mustélidos (nutrias, teixos) -pode ser-, ourizos -algún hai-, e outros reptís mais grandes -na Arousa, os Arnaus-, así como varias especies de aves. Como desto último hai bastante por Carreirón, teñen que andar con moito olliño, e non saír tan ó descuberto coma o de hoxe, que veu a recibirme ó medio do camiño. Menos mal que pasabamos nós, senon non sei que sería dél, con tanto depredador ceibe neste tempo estival por Carreirón. Supoño que ese atrevimento terá que ver coa súa xuventude e inexperiencia. Aínda non debe coñecer á pior das alimañas...


O período de máxima actividade prós do norte peninsular (nós) vén sendo polos meses de marzo a setembro, por aquelo de que cós calores da primavera-vran acadan niveis mais óptimos da temperatura corporal que precisan pra vivir, coma tódolos reptís.

Un bichiño que a moita xente prodúcelle dúas reaccións en cadea: A primeira de noxo, cando pensan que se trata dunha culebra. Mais en canto lle descobren as miudiñas patiñas tridáctilas, tórnase moi simpático e tenro. Porén, esas estremidades tan pequeniñas, nonas usan moito que digamos, pois os seus desprazamentos son tal que culebras, contorneando o corpo igual, sen que as patas lle sexan de moita axuda, pola contra, seica cando tentan escapar, xustamente pregan as patas ó corpo pra que non lle estorben, escorregando de xeito mais doado por antre a herba, o seu medio natural.

En fin, polo que a mín respeita, un verdadeiro descobrimento, pois non tiña nin idea que na Arousa podiamos admirar esta especie tan bonitiña.


7 comentarios:

  1. Relinga Couso13/8/14

    Parabéns polo achado!
    E magnífica información.
    Seguimos atentas...

    ResponderEliminar
  2. Este non lle chaman tamén escáncer?

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. aínda que pola cor de fóra parécense bastante, son animais distintos, principalmente polas patiñas, que o escáncer non tén, e o escáncer é mais grande. Éste era coma unha miñoca ;)

      Eliminar
  3. Parabéns, Fran; e moi boas fotos.

    ResponderEliminar
  4. Me quedé completamente pasmada: en la vida imagine que habría lagartos así.
    Me encanta aprender cosas vuestras. Saludos!.

    ResponderEliminar
  5. Anónimo18/6/22

    Impresionante a culebriña e a túa explicación, aprendemos moito de ti, gracias mil un saudo

    ResponderEliminar

👉 Agradezo tódolos comentarios, só pido sentidiño... 🙋🏻‍♂️